Temas: SECA MEIRA AUGA
Comparte esta noticia

O alcalde de Meira, Antonio de Dios, trasladou este mércores a súa "preocupación" pola situación do abastecemento de auga na localidade que, segundo acreditou, está "baixo mínimos", unha situación que obrigou a iniciar as restricións.

Seca, no encoro de Portomarín (Lugo)
Seca, no encoro de Portomarín (Lugo)

"Estamos moi preocupados", confesa o rexedor, que concretou que se comezou a restrinxir o consumo desta subministración "de luns a xoves, de unha a cinco da mañá". No rural, puntualizou, algún dos veciños tentan emendar esta carencia de auga "con pozos".

O alcalde puntualizou que dous depósitos para a subministración "están secos", os de Rielo, con capacidade para 130.000 litros, e Paredes; mentres que o de Pedrerías, con máis dun millón de litros, aínda "aguanta".

Por todo iso, Antonio de Dios pediu unha reunión co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e co presidente de Augas de Galicia para analizar a situación.

Do mesmo xeito, trasladoulla ao delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, co engadido dos problemas que teñen "coa depuradora" que dá servizo ao polígono industrial, onde se asintan empresas como Leite Celta, "con máis de 70 traballadores".

RESTRICIÓNS EN VARIOS PUNTOS DO PAÍS

A situación de seca que vive Galicia, cos encoros a piques de baixar do 40% da súa capacidade, está a provocar restricións no abastecemento de auga en varios puntos de Galicia, especialmente na provincia de Pontevedra.

Así, o Consorcio de Augas do Louro, constituído polos concellos pontevedreses de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui, acordou o martes restrinxir o 20 por cento da subministración de auga diaria a 85 grandes empresas desta zona, e ampliou aos particulares a prohibición de baldeos e regas que até agora se limitaba ás áreas públicas.

Nas grandes cidades, como na Coruña e a súa área e en Vigo e a súa área, Augas de Galicia chamou a reducir o consumo nun 10 por cento, incidindo sobre todo nos grandes consumidores e naqueles consumos "non prioritarios", como a industria.

Temas: SECA MEIRA AUGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta