Temas: CHUVIA AUGA SECA

As choivas caídas até agora, insuficientes para paliar a seca

As cantidades significativas rexistradas en Pontevedra e no sur da Coruña contrastan con datos menores no sueste de Ourense

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2017 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

As choivas caídas desde a segunda metade do mércores non teñen "ningunha" incidencia e é necesario que chova "con continuidade e constancia" para que se produza unha recarga "efectiva" dos recursos hídricos do país, segundo Augas de Galicia.

Mapa de Meteogalicia coas choivas deste mércores en Galicia
Mapa de Meteogalicia coas choivas deste mércores en Galicia | Fonte: Europa Press

Fontes da Consellería de Medio Ambiente explican que neste momento é "moi complicado" ou máis ben "materialmente imposible" medir o impacto das precipitacións rexistradas nas últimas horas sobre as reservas de auga de Galicia. Con todo, recalcan que é preciso que chova "con continuidade e constancia", nin de forma torrencial nin tampouco de maneira escasa, para que os ríos galegos se recarguen e en consecuencia tamén o fagan os encoros.

Nunha situación de prealerta en boa parte da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, e en alerta en sete subzonas, así como en toda a conca Miño-Sil, estas fontes do departamento autonómico avogan por ter presente que Galicia acumula xa un longo período con reservas por baixo do habitual.

Por agora, a oficina técnica da seca aínda non ten unha nova data prevista para reunirse, pero a Consellería destaca que as reunións son constantes con concellos e outros organismos, para facer un seguimento "exhaustivo" da situación e preparar medidas para facerlle fronte.

REXISTRO DE METEOGALICIA

Pola súa banda, Meteogalicia sinala que as choivas da segunda metade da xornada do mércores e da madrugada do xoves deixaron cantidades "significativas", con máis precipitación en Pontevedra e o sur da Coruña e menos no sueste de Ourense, conforme avanzou a fronte.

Así, por exemplo, durante o mércores rexistráronse 39,6 litros por metro cadrado acumulados en Lousame (A Coruña) e 33,1 en Cabo Udra (Pontevedra). Por baixo dos 30 litros, pero preto deste dato, as estacións de Fornelos de Montes e de Areeiro, en Pontevedra, alcanzaron os 29,8 e os 28,5 litros por metro cadrado, e Ordes (A Coruña) acumulou 28.

A partir da madrugada e nas primeiras horas deste xoves, as choivas chegaron con máis intensidade á provincia de Ourense, que, con todo, quedou en cifras máximas como os 15,1 litros por metro cadrado acumulados na estación de Coles e 14,6 en Arnoia. Máis ao sur da provincia, localidades como Verín, Xinzo e Laza quedaron ao redor de 1 litro por metro cadrado.

No que respecta a este xoves, Meteogalicia prognostica que non haberá choivas moi cuantiosas e apunta a que o venres chegará unha nova fronte activa, con probabilidades "moi altas" de que se superen os 15 litros por metro cadrado en toda a comunidade.

Temas: CHUVIA AUGA SECA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta