A contaminación mariña, un dos maiores retos ambientais para a Xunta

A conselleira Beatriz Mato advirte dos seus efectos negativos para a pesca.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2017 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, erixiu a contaminación mariña nun dos "maiores retos ambientais" e advertiu dos seus efectos negativos para a pesca, sector que representa o 2,1% do produto interior bruto (PIB) de Galicia.

Plásticos no mar
Plásticos no mar | Fonte: NOAA.

A conselleira pronunciouse deste xeito durante a inauguración da 'XXXIX Xornada Técnica da Rede Estatal de Autoridades Ambientais', organizada polo Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, que este ano versa sobre Medio Mariño e Residuos e Fondos Europeos.

Na súa intervención, apostou por traballar de forma "unida e conxunta" para solucionar este problema que, segundo indicou, desde hai tempo forma xa parte da axenda das administracións e que, nos últimos anos, tamén atopou espazo na axenda dos medios e das empresas.

"O 80% dos residuos que atopamos no mar proveñen da terra mentres que o 20% se deben ás actividades mariñas", manifestou a conselleira que, aínda que aposta por traballar "nas dúas frontes", ve necesario "priorizar as accións sobre a terra", onde se produce a maior porcentaxe de residuos.

E é que, segundo advertiu Beatriz Mato, a ONU avisa de que as verteduras de plásticos ao mar matan miles de peixes e que, "de seguir así", en "2050 haberá no mar máis plásticos que peixes". Por iso, incidiu na necesidade de combater esta problemática nun contexto no que "os principais prexudicados" son os ecosistemas mariños e, "por extensión", "a pesca", actividade que representa o "2,1% do PIB en Galicia".

XORNADAS

Beatriz Mato tamén aproveitou para destacar a aposta do seu departamento pola economía circular e a loita contra o cambio climático, para o que subliñou a posta en marcha da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía, que espera que estea posta en marcha no primeiro semestre de 2018.

A conselleira participou na 'XXXIX Xornada temática da Rede Estatal de Autoridades Ambientais', que este ano versa sobre Medio Mariño e Residuos e Fondos Europeos. Así, entre outras cuestións debaten políticas da UE en materia de redución de residuos mariños así como a incidencia dos fondos europeos nesta materia.

Ademais de Beatriz Mato, na inauguración do evento participou o director xeral de servizos do Ministerio de Agricultura, Miguel Ordozgoiti, e o administrador da dirección xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea José Maria Ramos Florido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta