Que hai detrás do estado de alarma?

Hai, para xogar co concepto, alarma.

Por Xabier Ron | Santiago | 07/12/2010

Comparte esta noticia

 Alarma porque o goberno do Estado desfai as normas democráticas e militariza un conflito sociolaboral que el mesmo provocou: antes, na era Aznar, outorgando salarios millonarios e outras concesións, e agora, co novo Napoleón que, desde Fomento, deseña órdagos de desafío e confrontación desde hai meses e que dous días antes de comezar unha ponte reformula as condicións laborais dun colectivo impoñéndoas.

Que agardaba o Goberno? Quizais, a propia reacción dos controladores e, quizais tamén, xa tivesen atada e ben atada a contrarreacción, a de decretar o Estado de Alarma. O cal, por outra banda, non deixaría de ser indicio do perigo que agocha este Estado de Alarma para futuras mobilizacións da clase traballadora.

***
Non son partidario de ningún tipo de privilexios que eleven por riba do común dos mortais, máis aló dun límite razonable, a ningunha persoa, sexa da profesión que sexa...Non vou falar a favor, pero tampouco en contra dos controladores que reaccionaron, como colectivo sabedor da súa incidencia, da forma máis directa que coñecen e que -estou convencido- o goberno xa prevía.

Propoño unha fábula-exemplo. Que acontecería se dous días antes do proceso avaliativo conducente a un título, o corpo de profesorado dunha comunidade autónoma, reunido e apoiado pola nomenclatura oficial, decide modificar as normas de avaliación previamente consensuadas e informadas ao corpo discente e ás súas familias? E que esas normas, loxicamente, fosen en contra da maioría, ao reclamar unha capacidade non recoñecida anteriormente como imprescindible e que sería imposible para a maioría titular en tempo e forma para entrar nas escasas prazas de "éxito" profesional?

Quero presupoñer que, ante a enorme masa de suspensos e de perda de títulos, estaríamos ante un escándalo maiúsculo. O corpo de discentes e as súas familias deciden protestar e reivindicar o mantemento das normas previamente consensuadas....pero o corpo de profesorado e a nomenclatura, sabedores da lóxica reacción, xa tiñan elaborado e preparado un decreto no que se culparía de ataque á autoridade, baixo pena de cárcere, a aqueles discentes e familiares que protestasen e amosasen a súa disconformidade .... A que soa forte?? Pois, en certo senso, esta fábula relaciónase de forma moi directa co acontecido.

O corpo de controladores xa viña alertando de que estaban a piques de superar o cupo de horas establecidas. Estas horas aumentaran de 1200 horas a 1700 en febreiro de forma tamén convulsa. Isto significa que alguén -o goberno- non fixo ben os cálculos e que ese mesmo goberno non convoca as prazas públicas precisas para cubrir as necesidades. E non digamos xa se non se cubre o persoal de baixa, nun traballo de enorme estrés, obriga aos demais a unha sobrecarga horaria. Isto hai que dicilo tamén. Acontece o mesmo coa sanidade pública, onde médicos e enfermeiras, porque non se cubren baixas, vense abocados a turnos que superan a racionalidade e traballan con persoas en condicións insanas...

Saben vostedes que hai outros corpos que teñen tamén no seu día a día un tope-horario e que non poden superar...supoño que si. Un deses colectivos é o de camioneiros. Se a garda civil os "pilla" con máis horas do permitido...zas! multa ao canto.

Que pasaría se acontece un accidente de avión no que morren máis de 400 persoas e se comprobase que o controlador xa superara o tope de horas permitidas?? A quen culparía o goberno? A quen culparía a sociedade?

***

Detrás do Estado de Alarma está unha forma de gobernar: horrible, lamentable e deleznable, que atenta contra os dereitos da clase traballadora e que vai en contra do principios dunha Democracia. Os dereitos adquírense en duras mesas de diálogo e negociación e...debe ser nesas mesas onde se deban re-negociar as novas reformulacións dos mesmos.

Pero o goberno ZP goberna a base de decreto-lei, esa fórmula que tanto se criticara a Aznar..que tanto criticaran os do PSOE. Cando fomos á folga xeral o 29 de setembro de 2010 foi por ese mesmo motivo. Imposición de condicións sociolaborais sen que estas sexan negociadas.

***

Detrás do Estado de Alarma está o alarmante déficit democrático de toda a nosa sociedade: a das bases, dispostas a aceptar que entre o exército en xogo, e a das xerarquías. As bases culpando de forma única aos controladores. As xerarquías, gozosas de que así sexa para aplicar ese castigo tan populista de "levalos ao paredón", "que vaian á cola do paro", e outras lindezas escoitadas para encubrir as súas prácticas empresariais á hora de solucionar problemas sociolaborais.

E todo para facer invisible o paquete de medidas neoliberais: a privatización de AENA e da Lotería, a retirada da cobertura a parados de longa duración, e o afortalamento das axencias privadas de colocación, entre outras prácticas contrarias aos intereses da clase traballadora. Non podemos esquecer que están en xogo os postos de traballo das máis de 12.000 persoas que integran AENA.

Negaralles a sociedade o dereito a loitar polo seu emprego? Pensemos. Chega o Nadal. Se eu, como traballador, quixese defender e garantir o meu futuro laboral, de seguro que me manifestaría neses días e que faría algún tipo de folga. Explicaríao de todas as formas dispoñibles sabendo que os medios de persuasión cargan as balas en contra do corpo dos dereitos da clase traballadora. Así, as persoas tan desexosas de voar e ter vacacións (deixo para outra ocasión esta voracidade por voar co ben que se está en casa, repousando e organizando o traballo que queda por diante que para iso, penso, deben ser os días de repouso) saberían que: a) hai un conflito laboral; b) vai haber manifestacións e folgas como medidas de presión; c) vai haber problemas para voar; d) ergo...planifico de forma diferente a miña viaxe. Claro está... hai quen vive en "Marte" e que, de seguro, colapsará os aeroportos reclamando o seu "dereito" (sic) a voar.

E, claro, cando iso suceda, eu, como traballador, a pesar de exercer un dereito, penso que superior ao de voar, tamén debo estar exposto a que veña un militar coa súa pacífica arma a obrigarme a traballar e a renunciar ao meu dereito de folga porque aqueles que me atacan decretaron un novo Estado de Alarma...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.