O despezamento do ‘Casón’ 30 anos despois do seu naufraxio destrúe un hábitat de gran valor

Unha empresa de Carballo despeza desde xullo o buque varado fronte á costa de Fisterra, refuxio de polbos, congros, sargos e robalizas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2017 | Actualizada ás 11:04

Comparte esta noticia

O despezamento do buque 'Casón' trinta anos despois do seu naufraxio fronte á Costa da Morte levarase por diante un hábitat mariño de gran riqueza biolóxica que aproveitaban pescadores da zona e curiosos afeccionados ao submarinismo.

Un submarinista contempla os restos do Casón, que se afundiu fronte a Fisterra en 1987
Un submarinista contempla os restos do Casón, que se afundiu fronte a Fisterra en 1987

Cando o tempo o permitía, mariñeiros capturaban sargos e robalizas, entre outras especies, na contorna de Punta do Castelo, onde o cargueiro panameño se afundiu o 5 de decembro de 1987, provocando a morte de 23 dos 31 tripulantes, todos eles de nacionalidade chinesa.

Mentres, quen se mergullaba a poucos metros de distancia da Praia do Rostro podía observar de preto peixes como estes e tamén os polbos e congros que asomaban entre os tubos dunha vella estrutura que a día de hoxe é xa parte do imaxinario colectivo de Fisterra.

Precisamente por isto, polo biotopo que se consolidou na contorna do 'Casón' e polo recurso turístico que supuña, nos últimos anos á alza, a postura dos fisterráns é case unánime en contra do seu despezamento.

"Penso que despois de sufrir o accidente, que menos que consultarnos sobre cal era nosa opinión", destaca o alcalde da localidade, José Marcote, do PSOE, quen aínda lembra como el e a súa muller, embarazada do seu primeiro fillo, marcharon a Santiago no caótico desaloxo que provocou o incendio da carga do barco.

E é que nun primeiro momento reinou a desinformación sobre o nivel de toxicidade do contido que levaba o 'Casón', que facía o percorrido de Anveres a Xangai, e que terminou facendo escala en Alcoa San Cibrao (Lugo) despois do sinistro.

O DESPEZAMENTO

En xaneiro deste ano, a xunta delegada de alleamentos e liquidadora de material do Cantábrico adxudicou a retirada do 'Casón' á empresa Desguaces Lema, de Carballo, que tamén se encargará a partir do ano que vén de extraer os restos do petroleiro 'Mar Egeo' dos pés da Torre de Hércules.

O seu xerente, José Antonio Lema, explica que os traballos para despezar o 'Casón' comezaron en xullo e "de momento sacouse pouco". En outubro, a compañía viuse obrigada a facer un parón e non volverá operar alí ata "marzo, abril, cando volva o bo tempo".

Catro mergulladores e unha gabarra cun guindastre foron case todos os días durante o período estival para cortar o material, que desembarcaban no peirao de Brens, en Cee, "un pouco para evitar a protesta cidadá en Fisterra", segundo considera o presidente da asociación de veciños Fisterra Costa da Morte, José Fernando Carrillo.

O REXEITAMENTO

Carrillo explica que "todas as administracións" deron unha resposta "negativa" ou "se lavan as mans" ante os requirimentos trasladados por este colectivo veciñal e tamén polo Concello, que cando tivo coñecemento de que os restos do 'Casón' ían ser sacados do fondo do mar mostrou o seu firme rexeitamento.

Pola súa banda, o rexedor subliña que "actuar ás agachadas" e que os implicados se decaten "a touro pasado" foi "o primeiro paso mal dado" neste asunto. Reivindica o atractivo turístico e tamén que o 'Casón' forma parte xa da historia de Fisterra "como pobo". Lamenta que "a razón" non sexa "máis que puramente comercial, de vender unhas toneladas de ferro".

Da mesma opinión é o representante da asociación de veciños, que opina que a "chatarra" que se vai obter non xustifica "a destrución dun biotopo de tanta importancia como o que se creou", unha especie de criadeiro no que tamén había abundantes crustáceos.

O NEGOCIO

Fronte a isto, o xerente de Desguaces Lema, que evita entrar en polémicas e asume que "cada un defende o seu", precisa que "claro que é negocio" o de retirar os restos, xa que o ferro se lle vende á siderúrxica Megasa, en Narón, para a súa fundición.

Este empresario advirte tamén que "o barco era" nun pasado, pero que agora non é máis que "unha chea de ferro" --nunha primeira intervención foi retirada a superestructura-- que, pola acción dos embates do mar, está "por aí" esparexido en anacos, "leados uns contra outros".

TURISMO CON "RELATO"

"O longo do casco está enteiro", asegura, apuntando a unha realidade diferente, Fernando Carrillo. El e a súa irmá Alicia, fillos ambos os dous do presidente da asociación veciñal, están á fronte dun centro de mergullo que ofrece inmersións en distintos puntos do litoral. O encanto, en ocasións, reside precisamente na visita a un pecio.

Tras 11 anos levando a afeccionados a contemplar o 'Casón', este mozo emprendedor responde resignado sobre a súa retirada. Conta que antes das inmersións relataban aos submarinistas o que pasou con este cargueiro, para que "se fixesen unha idea" logo 'in situ', e algúns ata repetían.

A diferenza do que ocorre noutros lugares do mundo, o turismo de submarinismo está pouco avanzado en Galicia, e de feito, Turismo de Galicia recoñece que non ten ningún "produto" relacionado co mergullo, aínda que si para outras actividades como o 'kaiak'.

En países como Tailandia, a xente "peléxase por ir ver os barcos", e moito máis preto, en Portugal, hai tres anos afundiron dúas fragatas para poder dedicarse ao mergullo, comenta o responsable desta compañía de mergullo.

O esqueleto do cargueiro atópase a uns 10 metros de profundidade, a escasos 20 metros das rochas, o que permitía ir case a "calquera" e facer inmersións dunha ou dúas horas. Carrillo resalta que "a xente subía polo frío á hora e algo, pero aguantaba o máximo posible" porque era "guai" apreciar a poucos metros tanta riqueza.

Pola cantidade de metal que queda baixo a auga, cre que a adxudicataria do despezamento "ten para dous anos, ben". Consultado por Europa Press, o seu xerente, José Antonio Lema, indica que hai un prazo para terminar estes labores, pero que non lembra cal é.

"DESPREZO" GOBERNAMENTAL

Para a deputada de En Marea no Congreso Yolanda Díaz, a sucesión de feitos que rodean o despezamento do 'Casón' 30 anos despois do accidente reflicte "un desprezo absoluto" e supón "non respectar" nin ao pobo de Fisterra nin a Galicia en xeral.

O seu grupo recibiu en xullo unha resposta do Goberno central na que indicaba que nin o Consistorio nin a asociación de veciños poden ser considerados parte interesada "ao finalizarse o proceso de constitución" dun expediente que se executou por unha resolución do almirante xefe de Estado Maior da Armada de febreiro de 2016.

Na devandita comunicación, o Executivo de Mariano Rajoy tamén sinalaba que, conforme ao previsto na convención da Unesco de 2011, os restos do buque "non poden considerarse patrimonio cultural subacuático ao non levar mergullado 100 anos".

O colectivo veciñal tamén se puxo en contacto coa Consellería de Cultura e coa de Medio Ambiente, e foi Mar a que lles deu unha resposta. "Atopámonos cunha situación de feitos consumados", reproba José Fernando Carrillo, quen avisa de que, con todo, seguirán "dando a batalla" por se o despezamento ten volta atrás.

"Se quixesen, poderían paralo", subliña Yolanda Díaz. É por iso que En Marea rexistrou nas últimas semanas novas iniciativas para coñecer aspectos como o custo das obras e as actuacións para previr contaminación ambiental.

"Por que se nega o Goberno a escoitar as reiteradas peticións do Concello e da Asociación de Veciños de ser parte interesada no expediente?", traslada este partido. Ese é o interrogante que resoa en boa parte da Costa da Morte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Perican

Agora si, que deciades hai uns anos destos restos ? Contaminación, degradación,etc. etc.

1 Pelayo Rubido

Hay un principio basico en el orden natural, si quieres que no huela mal, no revuelvas la porqueria y si aun por encima esta porqueria fue motivada por uno de los episodios de actuacion mas irresponsable de la indocumentada Administaccion del Estado, dejalo tal cual esta, seria lo mejor para todos...