Temas: FúTBOL RC CELTA

O Celta paraliza o Barça e saca un punto do Camp Nou

Os de Unzúe plantexaron un partido moi serio no que houbo minutos espectaculares de ida e volta e que rematou 2-2.

Por Galicia Confidencial | Barcelona | 02/12/2017 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

Moi bo partido do Celta  no Camp Nou, onde ningún visitante puntuaba dende hai un ano. Barcelona. Os celestes sacan un punto de ouro tras empatar 2.2 con goles Iago Aspas e Maxi Gómez.

Empare do R.C. Celta de Vigo no Camp Nou ante o Barça
Empare do R.C. Celta de Vigo no Camp Nou ante o Barça | Fonte: La Liga.

Foi un partido de enorme disputa e un espectacular ida e volta por momentos, no que os dous equipos se achegaron con claridade ás áreas. Con todo, o Celta comezou mal, metido atrás, e coa baixa de Sergi Gómez, que tivo que ser substituído no minuto 1 logo de que Luís Suárez lle tirase con forza do brazo, o que lle provocou unha lesión no ombreiro.

Tras un minutos de claro dominio culé, os celestes refixéronse apropiándose do coiro e movéndoo con axilidade e precisión. Brais dispuxo pasado o primeiro cuarto de hora dunha boa ocasión tras un bo pase de Sisto, pero o seu remate acabou rexeitado pola zaga.

Foi o Celta o que se adiantou aos 20 minutos, con gol de Aspas tras unha contra espectacular, nas que se está a especializar o equipo vigués, con transicións rápidas ao primeiro toque. O canteirán recolleu o rexeite de Ter Stegen tras remate de Maxi e aloxou o coiro na rede.

Dous minutos despois, Messi empatou o choque tras un mal pase que recolleu o arxentino, só ante Rubén. Sufriu o Celta despois, con longas posesións dos locais e chegadas con perigo. Pero os vigueses, espléndidos co balón, tamén xeraron ocasións tras veloces combinacións ao primeiro toque, nunha gran primeira metade dos célticos.

Tras o descanso, o partido mostrou maior igualdade e disputa. Aos 62 minutos, gran xogada do Barcelona que culminou Luís Suárez. Xogada illada que desatou ao cadro local, que encadeou varias ocasións ante un Celta que acusou durante uns minutos o golpe.

Pero o Celta se recompuxo e nun xenial contragolpe chegou o definitivo empate, con gran xogada de Iago Aspas, pase atrás e gol de Maxi Gómez.

Os minutos finais foron moi intensos, cun ida e volta constante e un Celta magnífico que dispuxo de boas oportunidades.

Empate de gran mérito dun Celta que vai collendo corpo a medida que avanzan as xornadas.

FICHA TÉCNICA

FC Barcelona: Ter Stegen, Sergi Roberto, Piqué, Umtiti (Vermaelen, min.72), Jordi Alba, Busquets, Rakitic (Alcácer, min.79), Paulinho, Iniesta (Denis Suárez, 53), Messi e Luis Suárez.

RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Fontás, Sergi Gómez (Cabral, min.4), Brais Méndez (Roncaglia, min.63, Lobotka, Jozabed (Pablo Hernández, min.84), Wass, Sisto, Iago Aspas e Maxi Gómez.

Goles: 0-1, min.20: Iago Aspas; 1-1, min.22: Messi; 2-1, min,62: Luis Suárez; 2-2, min.70: Maxi Gómez.

Árbitro: Melero López, do comité andaluz. Amonestou a Luis Suárez, Vermaelen, Roncaglia. Jozabed, Rubén, Wass, Sisto, Hugo Mallo.

Campo: Camp Nou.

Temas: FúTBOL RC CELTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta