Unha pelexa entre irmáns remata co peche doutro dos motores téxtiles do interior de Galicia

Confírmase a liquidación de Confecciones Guerral, unha das principais compañías téxtiles da comarca do Deza e que deixa na rúa a máis de 30 traballadoras. Tras o peche de Montoto e Toypes, só queda Florentino.

Por Galicia Confidencial | Lalín | 06/12/2017 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

Tras meses dunha difícil situación económica, este martes, o administrador concursal de Confecciones Guerral de Lalín, unha das principais empresas do sector téxtil da comarca do Deza, anunciou a liquidación da compañía. Unha situación que deixa a máis de 30 traballadoras, algunhas con máis de 40 anos de antigüidade, na rúa tras máis de catro meses sen cobrar.

Traballadoras de Confecciones Guerral con Xabier Aboi, da CIG
Traballadoras de Confecciones Guerral con Xabier Aboi, da CIG | Fonte: cig.gal

O peche deixa catro millóns de débeda, 3,3 pertencen ás propietarias e o resto a pagos pendentes a provedores, soldos e despidos. “A desidia e as presuntas pelexas entre as irmáns propietarias, Ángeles e Milagros Guerral, levan a unha compañía rendíbel á liquidación”, indicou este martes o secretario de FGAMT-CIG de Pontevedra, Xabier Aboi.

Confecciones Guerral supón o peche da penúltima grande empresa téxtil da comarca do Deza unha vez que en 2014 solicitara concurso voluntario de acredores. Antes caíran Montoto e Toypes. Agora, a única compañía de certa entidade que queda neste sector é Florentino, “que se atopa en estado catotónico e con despedimentos cada certo tempo”.

SEN COBRAR

Aboi lembrou que as traballadoras levan catro meses sen cobrar, polo que a débeda da empresa (pagos a provedores, salarios e despedimentos) pasou dos tres millóns de euros en 2015 aos case catro da actualidade. Destes, a maior parte corresponde á debeda acumulada polas propietarias (3,3 millóns fronte a 400.000 euros).

Unha das tendas de Confecciones Guerral
Unha das tendas de Confecciones Guerral | Fonte: cadenaser

Tamén se amosou  moi crítico coas propietarias, xa que a pesar de contar cun capital inmobiliario de máis de 13 millóns de euros “deixan tiradas a máis de 30 persoas, o 90% mulleres e nunha idade moi complicada”. Ademais, asegurou que xa están a montar unha nova empresa en Lalín, “visitando a provedores e clientes, e dicíndolles que son a mesma xente de Guerral”. Diante disto, pregúntase que por que non actúa nin a xustiza nin a Xunta, “cando só ao Igape lle deben máis de 350.000 euros”.

PELEXA ENTRE IRMÁNS

En canto ao proceso, explicou que se iniciou en 2014 coa presentación do concurso de acredores e que a partir de entón houbo negociación con Facenda, Seguridade Social e provedores e chegouse a un acordo en 2015. “A débeda das propias socios até ese momento era de 2,1 millóns, mentres que 900.000 euros correspondían ao resto (Facenda, Seguridade Social e traballadoras/es)”.

Segundo o acordo, as dúas irmás propietarias, que se repartían a empresa ao 50%, terían que pagar un 15 do total durante o primeiro ano (2016), “cantidade que non abonaron completa, só unha parte”. E neste ano deberían liquidar o 8%, “nada inasumíbel”. Mais continuaron sen abonar as cantidades pactadas. “Non pagaban, non facían toda a produción e o muestrario de productos desapareceu; comeza a haber atrasos; e pelexas entre as dúas socias porque unha lle quitou os poderes á outra".

Os establecementos da marca tamén desapareceron, xa que unicamente quedan abertas as tendas de Lugo e Iruña. “Antes do verán xa se falaba do peche da empresa, e hai unha acta da reunión dos administradores concursais na que acordan disolver a sociedade; cando o descubrimos sentamos ás dúas irmás, e unha delas dixo que estaba disposta a coller a empresa”. Pero posteriormente presentaron un papel no Xulgado pedindo a disolución a nome sunha persoa que non figuraba como administrador da sociedade.

“COMEZA O ESPECTÁCULO”

“Despois do verán comeza o espectáculo: nomean administrador concursal para liquidar a empresa, que se asina a semana pasada; agora o que queremos é que se axilice o proceso para que a xente polo menos poida cobrar en xaneiro, xa que as propietarias si que van cobrar do Fogasa polos seus despidos”, indicou Aboi.

Na actualidade todo sigue igual: “están aclarando as contas, quen pagou e quen non, quen levou centos de prendas para as tendas da familia Guerral sen que aparezan os cartos, por iso temos sospeitas de que non todo se facturaba, polo que estariamos a falar de diñeiro negro”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta