Temas: SECA BNG

O BNG mobiliza a 300 persoas en Soutomaior contra o transvasamento do Verdugo

Anuncia que presentará unha denuncia por delito ecolóxico no Parlamento Europeo e o Goberno de Pontecaldelas pedirá medidas cautelares.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/12/2017 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

Unhas 300 persoas acudiron este mércores en Soutomaior (Pontevedra) a unha manifestación contra o transvasamento de auga do río Verdugo proxectado pola Xunta para garantir o abastecemento de concellos da área metropolitana de Vigo e alertaron do impacto ecolóxico e sobre os bancos marisqueiros do fondo da ría, dos que "viven directamente máis de 200 familias".

Protesta Soutomaior polo transvasamento do río Verdugo
Protesta Soutomaior polo transvasamento do río Verdugo | Fonte: Europa Press

Convocada polo grupo municipal do BNG nesta localidade, o seu portavoz, Manuel Lourenzo, asegurou que existen "alternativas" e rexeitou que "algo tan lesivo" se utilice "para solucionar outras disputas e intereses políticos por parte do PSOE no Concello de Vigo e do PP na Xunta".

"Os bancos marisqueiros e o río Verdugo non son moeda de cambio para ninguén e coa nosa ría non se negocia", proclamou Lourenzo, ao termo da mobilización, que partiu da ponte medieval de Comboa e finalizou na área recreativa de Veiguiña Longa, nas proximidades da estación depuradora de Soutomaior, criticada polo impacto nese núcleo de poboación e os malos cheiros que provoca.

Representantes do BNG portaron unha pancarta coas lemas "Transvasamento non" e "Salvemos o río, salvemos os bancos marisqueiros". Entre os nacionalistas participaron os concelleiros do goberno local de Pontevedra Anabel Gulías, Anxos Riveiro, Raimundo González, Cesáreo Mosquera -este último, vicepresidente da Deputación Provincial- e o portavoz do BNG en Redondela, Anxo Lusquiños.

Tamén se sumaron á protesta traballadores do sector pesqueiro e marisqueiro de Soutomaior, o alcalde de Pontecaldelas, o socialista Andrés Díaz, e integrantes do colectivo A rente do chan, tras unha pancarta coa lema "Coidar o monte, ríos con auga". Durante a marcha coreáronse frases como "Cos nosos petos non se regan dinosetos" ou "Imos transvasar ao Partido Popular".

EUROPA

Manuel Lourenzo anunciou que o BNG vai presentar unha denuncia por delito ambiental e que a eurodeputada Ana Miranda trasladará este conflito ao Parlamento Europeo ante un posible "incumprimento da normativa europea de augas", en tanto esta institución ten unha "especial sensibilidade contra este tipo de atentados ecolóxicos", engadiu.

Despois de reunirse coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e co director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, acusou a ambos de que "o único que dixeron é como matar este río" cunha obra que "acabaría en marzo ou abril, cando a urxencia da seca é un problema a 25 días". Ante a ausencia dun informe de impacto ambiental, o portavoz do BNG en Soutomaior advertiu de que "se está empregando o trámite de urxencia como escusa".

Manuel Lourenzo denunciou que para "roubar" e "expoliar" a auga "sae diñeiro de debaixo das pedras", en alusión aos 5,6 millóns de euros en que está valorada unha obra que "pretende bombear 350 litros por segundo" dos 800 litros por segundo do nivel actual. "Están dispostos a acabar coa metade do caudal do Verdugo, pero terá que ser por encima de nós", advertiu. "O Verdugo e os bancos marisqueiros non se tocan", reiterou.

Ademais, Lourenzo censurou a "irresponsabilidade na xestión da auga" tanto por parte do PP como do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que "até hai dous días utilizaba auga potable para regar dinosetos". Así, reclamou a revisión do estado das canalizacións, ao argumentar que o encoro de Eiras "perde un 30 por cento".

ENCE

Ademais, o portavoz do BNG en Soutomaior destacou que Ence "consome máis auga que todo Pontevedra e Vigo xuntos", polo que tamén demandou que a empresa pasteira márche "fóra da ría".

Fronte ao que tachou de "despropósito" e "barbaridade ecolóxica", tanto polo seu impacto no ecosistema fluvial como nos bancos marisqueiros do fondo da ría de Vigo, Lourenzo reprochou a ausencia do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, do PP, na manifestación e ofreceulle a "man tendida para que se some con contundencia e sen mornezas".

"Non se pode ir de oínte a unha reunión onde nos xogamos tanto", recriminoulle, polo papel do rexedor local no encontro con Quintana e Rodríguez.

PONTECALDELAS

Pola súa banda, o alcalde de Pontecaldelas cuestionou que a obra proxectada pola Xunta "sexa para beneficiar a Abel Caballero, senón porque hai cinco concellos do PP implicados que beben deste encoro".

No entanto, Andrés Díaz mostrouse disposto a actuar "contra quen sexa" que "atente contra Pontecaldelas", incluído o seu homólogo de Vigo e compañeiro de partido, ata o punto de empregar "todas as accións xurídicas ao alcance" para evitar o transvasamento, porque "o prexuízo é notable a nivel turístico e de abastecemento".

Ademais de organizar unha nova mobilización ante a delegación territorial da Xunta en Pontevedra, Díaz non descarta sumarse a unha denuncia conxunta impulsada desde outras instancias, argumentando a necesidade de que os opositores ao transvasamento permanezan "unidos" contra o que cualificou como "un atentado ecolóxico".

Tamén avisou de que o concello está a preparar un estudo de impacto ambiental que se incluiría no marco das posibles alegacións ao proxecto se o Executivo autonómico presenta o seu, ademais de recorrer á petición de medidas cautelares no caso de que as máquinas chegasen a actuar.

Cada día "máis indignado" contra esta actuación porque o PP "non veu a falar con Pontecaldelas" a pesar de que a obra afectaría as poboacións de Ínsua, Silvoso e A Roca, neste municipio, Andrés Díaz reprobou que o alcalde de Soutomaior "non se atreve a porse enfronte do seu partido", xustificando así a súa ausencia na manifestación.

MONTES

Pola súa banda, o concelleiro no Concello de Pontevedra e vicepresidente da Deputación comparou esta problemática coa situación dos montes, ao argumentar que non vale "acordarse de Santa Bárbara cando trona" e cometer un "atropelo a un río sen ningún estudo previo", polo que cualificou de "delirante" a xestión de Augas de Galicia e algunhas localidades.

Pola contra, "Pontevedra é o concello do Estado con menos fugas" no seu sistema de abastecemento", asegurou César Mosquera, en alusión aos "millóns" de euros investidos en "empermeabilizar o encoro do Pontillón e que as tubaxes non perdan auga", polo que "igual hai que empezar por aí".

Temas: SECA BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Hermerico

mobiliza 300 pessoas, nom mobiliza a 300 pessoas. Ese gallego!

1 Alberte

Como votante do BNG, doem-me os olhos ao ler na faixa *Trasvase (em castelhano) em vez de TRANSVASAMENTO (na norma internacional e mais também na isolacionista). Do desleixo do *Pavellón Municipal dos Deportes é melhor não falar...