A Xunta gastará case dez millóns de fondos europeos para pagar anuncios de gastronomía e turismo

A cantidade destinada en 2018 é case o triple da que a Xunta destinou en 2015 aos mesmos fins. Turismo de Galicia quere aproveitar o diñeiro para situar a Galicia como “destino vacacional, de peregrinación e de estancias breves, tanto na época estival como en fins de semana e pontes”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/12/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Case dez millóns de euros, o triple que en 2015. Iso é o que a Xunta gastará en publicidade e propaganda en radios, televisións e xornais de Galicia e de España para publicitar o ben que se come en Galicia e os fermosos lugares que se poden visitar neste país. Un diñeiro que contrasta cos recortes que se teñen realizado en educación, sanidade ou servizos públicos.

Publicidade sobre Galicia aparecida nos medios de comunicación
Publicidade sobre Galicia aparecida nos medios de comunicación

Non é a primeira vez que a oposición denuncian este tipo de gastos. E o certo é que con eses case dez millóns de euros que o Goberno de Feijóo destina a pagarlle aos grandes medios de comunicación, a Xunta podería crear máis prazas en garderías, residencias da terceira idade, mellorar as deficiencias da sanidade pública ou potenciar os recursos e centros educativos. Publicidade que serve para o que algúns sindicatos teñen definido xa como a “domesticación” dos medios co obxectivo de que falen desa outra Galicia idílica que quere vender a Xunta.

O diñeiro que recibirán os medios de comunicación será de fondos europeos, procedente do programa operativo Feder Galicia 014/2020 na prioridade prevista de investimento 6.32 denominada “Conservación, protección, fomento e desenvolvemento do patrimonio natural e cultural”. Esta liña, segundo a Xunta, prevé financiar, entre outras, as actuacións que promovan a posta en marcha de accións de promoción e campañas de publicidade dirixidas á captación de turismo e á mellora do posicionamento do destino no marco do Plan Integral de Turismo de Galicia. 

Os case dez millóns (IVE incluído) divídense en dúas campañas que desenvolve a Axencia de Turismo de Galicia. As dúas para a “elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia”.  Unha, de case sete millóns para a propaganda do 2018, e outra, de 2,35 millóns para os últimos meses deste 2017. De feito, a cantidade destinada en 2018 para esta finalidade é case o triple que a destinada en 2015. Entón foron 2,5 millóns para os mesmos fins. 

“BO FUNCIONAMENTO” DO TURISMO

A Xunta defende este cuantioso gasto en publicidde suliñando que o sector turístico, en todos os seus ámbitos, “é unha das claves estratéxicas do aumento do produto interior bruto de Galicia”, polo que o seu “bo funcionamento repecrute non só no propio sector e todos os seus segmentos (hostalaría, gastronomía, restauración, etc), senón en moitos máis relacionados (comercio, cultura, artesanía, natureza..)”.

Ademais, salienta a importancia do fenómeno do Camiño e suliña que, no 2018, estarase “ás portas da celebración do Xacobeo 2021”, dende o punto de vista da promoción turística na súa dimensión vacacional, gastronómica, natural e cultural. Por iso, o obxectivo destes millóns de euros en propaganda é realizar unha campaña de promoción de Galicia como “destino vacacional, de peregrinación e de estancias breves, tanto na época estival como en fins de semana e pontes”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

8 Luis ferrolan do pisco

De pena ...¿pero o paisanaxe pode sere tan animal de xugo et albarda....Dez millóns para os amigos....Jallejos .Tanto vos da , como tanto vos ten...Chota de esterco..

7 planis

E subvencionar o obispado de Astorga...pero que máis da.....somos a peor autonomía por perda de xente.Agade é unha mina....

6 planis

E subvencionar o obispado de Astorga...pero que máis da.....somos a peor autonomía por perda de xente.Agade é unha mina....

5 Braisiño

O diñeiro irá en publicidade, para xustificar axudas a La Voz e outros xornais pro-réxime. É dicir, CORRUPCIÓN en estado puro.

4 anonimo

Vivimos no tempo da Turismocracia; todos os problemas de Galicia resolveránse mediante a afluencia masiva de turistas...Todos viviremos dos turistas, que veñen afanosos de comer, beber, e mercar souvenirs...Para que veñan, gastaremos os nosos impostos non en promover servizos sociais, senon en campañas cada vez maiores de propaganda...Non é preciso desenvolver outros sectores produtivos, toda xirará en torno ao turismo, de modo que os que aquí vivimos importaremos todos os produtos que precisemos consumir ...Mentres tanto, o cambio climático continuará a súa andanza, a pegada ecolóxica será cada vez máis grande,a dos turistas que veñen e a dos que aquí vivimos, e pronto presumiremos de ser, efectivamente, un deserto de sol e praia, con fileiras de hamacas, aboiando sobre os nosos refugallos nas nosas "turísticas" e pestilentes rías ...