O Foro Económico certifica a recuperación pero alerta da "inestabilidade" do modelo e soldos baixos

Refire a paulatina caída da poboación activa de 25 a 34 anos e que Galicia ten o segundo peor comportamento do mercado laboral español

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2017 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

O Foro Económico de Galicia certificou a recuperación da economía galega, con oito trimestres consecutivos crecendo por riba do 3%, pero advertiu sobre a "inestabilidade" do modelo e puxo o foco en que os salarios non están a mellorar ao mesmo ritmo que os datos macroeconómicos. Na presentación do informe de conxuntura socioeconómica relativo ao terceiro trimestre do ano, o seu coordinador, Fernando González Laxe, sinalou que se recuperaron "niveis precrise" en termos macro, non así en creación de emprego e condicións laborais.

Foro Económico de Galicia
Foro Económico de Galicia | Fonte: Europa Press

"Crecemos, pero non xeramos emprego", resumiu, á vez que apuntou que un dos factores que conforman o crecemento, o consumo interno, "descendeu moito". Os investimentos, o maior gasto das administracións e as exportacións paliaron esa caída, engadiu.

Respecto deste último punto, quen foi presidente da Xunta deu conta de que as exportacións experimentaron unha "freada", aínda que destacou que os mellores datos rexístraos son para o sector téxtil mentres a automoción baixa "de forma significativa".

A nivel xeral, o sector que máis creceu foi a construción, e tamén presentan bos datos o comercio, a hostalaría e o transporte (impulsados polo bo tempo) e os servizos. No lado oposto, a industria manufactureira sufriu "unha caída fortísima" e o seu peso sitúase no 13,5%, lonxe do 20% ao que aspira a Xunta.

"DESINDUSTRIALIZACIÓN" DE GALICIA

Ao fío diso, evidenciou que as políticas industriais "non están a dar resultado", senón que, ao contrario, están a causar a "desindustrialización" de Galicia.

Talvez, opinou, se debe a que non existe unha liña única, senón que "cada ano hai un plan", ou á complexidade de existir "demasiados organismos". "Sexa cal for a causa, a industria perde peso na nosa economía, e non é bo", apostilou.

Neste punto, após constatar que o modelo económico galego "segue sendo demasiado inestable e volátil", aconsellou "definir" a aposta "a medio-longo prazo", a fin de evitar "vaivéns".

SITUACIÓN DO MERCADO LABORAL

Pola súa banda, Patricio Sánchez abordou a situación do mercado laboral, para celebrar que actualmente hai menos de 200.000 parados en Galicia e que a ocupación supera o millón de persoas.

Como contrapunto a esas boas cifras, comentou que a evolución do emprego en Galicia (onde máis da metade dos parados son de longa duración) "non é tan favorable" como en España e que a poboación activa "volve caer".

Especialmente preocupado pola perda de 18.000 persoas de entre 25 e 34 anos, tampouco obviou a elevada temporalidade dos contratos que se crean e a calidade do emprego.

Unha das conclusións do informe reflicte que Galicia é a segunda comunidade autónoma de España con "peor comportamento" no que incumbe á evolución da poboación ocupada entre os terceiros trimestres de 2007 e 2017.

TRASLADAR O CRECEMENTO AOS SOLDOS

"Após case tres anos de crecemento estable, xa non hai razóns suficientes para que a recuperación non se traslade ao mercado de traballo", agregou José Francisco Armesto, para quen, ademais, a mellora dos salarios repercutirá na mellora do PIB.

Na actualidade, como referiu, o PIB está "en niveis precrise", pero os soldos seguen por baixo e as rendas do capital, moi por riba.

Adicionalmente, o informe constata que Galicia é a segunda comunidade co maior descenso do número de persoas que reciben unha retribución salarial desde o inicio da crise e a cuarta en canto ao descenso das retribucións salariais.

Ademais, ao longo do período 2008-2016, o salario bruto galego sitúase como o terceiro máis reducido de todas as comunidades, só por diante de Estremadura e Canarias.

EMPREGO, DEMOGRAFÍA E POLÍTICA

A preguntas dos xornalistas sobre a relación entre o emprego e a caída demográfica, o director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, afirmou que aspectos como a temporalidade ou os baixos salarios poden influír nunha decisión como a de ter un fillo.

Así mesmo, opinou que pode condicionar tamén a política, pois non asistir a un crecemento "inclusivo" pode levar á xente a optar por opcións "populistas" ou "rupturistas".

PROGNÓSTICOS

Finalmente, Lago deu por feito que Galicia superará o 3% de crecemento a pesar de que --admitiu-- a "incerteza" xerada en Cataluña "afecta moito".

Dito isto, lembrou que a recesión foi "particularmente dura" en España e en Galicia, pero a recuperación está a chegar "máis rapidamente" que noutros países. É o mesmo que ocorre, como engadiu, en Portugal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Economista

Si o si, que medran os paraísos fiscais e as multinacionais xa o sabemos, pero a poboación non medra, todo o contrario, a economía das familias non medra, o salario non medra... E logo a qué lle chaman recuperación económica?. Isto é de traca¡.

1 Eu mesmo

Os do Foro Económico de Galicia non son neutrais. Non abonda con que un sexa expresi da Xunta e o outro irmao dun deputado de EM. É de supor que no seu financiamente a Xunta decida. Polo medio de proclamas light agochan o seu rexeitamente, sen base científica contrastada, a ferramentas de competencia fiscal que permitan ás CCAA non só ter competencias no gasto, se non tamén na recadación. Ollo. Bóveda dixit...