Temas: MONFORTE

A Feira Medieval de Monforte busca maior notoriedade

O rexedor,Tomé Roca, quere iniciar os trámites para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Por X.M. Fernández | Monforte | 15/12/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A primeira Feira Medieval de Monforte tivo lugar no ano 2003 e daquela as actividades relacionadas co evento realizábanse no transcurso dun só día. Co aumento de visitantes, e vendo os bos resultados económicos para a cidade, a feira pasou a ser dous días no 2014 coincidindo co mandato de Severino Rodríguez.

Presentación da XV Feira Medival (2017)
Presentación da XV Feira Medival (2017)

En palabras do actual alcalde, José Tomé Roca, o crecemento deste evento foi exponencial, tanto dende o punto de vista comercial como dende o punto de vista da repercusión turística para Monforte e contorna. O mandatario local fai a comparativa de que no 2014 pasaron pola Feira Medieval uns 15.000 visitantes e este ano 2017 calcúlase que pasaron uns 30.000. En rolda de prensa algúns medios amosaron certo escepticismo pero o Sr. Tomé reafirmouse nos datos ofrecidos.

Este ano cumpríronse quince anos do evento, feito que fai posible a petición de Festa de Interese Turístico de Galicia, e o goberno local non quere perder esta oportunidade. Así, pois, comprométense a iniciar os trámites pertinentes diante da Xunta de Galicia pero antes queren levar ao Pleno do vindeiro luns esta decisión previa da Xunta de Goberno.

Tomé Roca aproveitou a rolda de prensa para anunciar esta acción de goberno afirmando tamén que Monforte e a súa Feira Medieval reunían todos os requisitos esixidos, que a documentación precisa para o trámite estaba practicamente preparada e que a obtención desta distinción sería moi beneficiosa para a cidade e para o conxunto da Ribeira Sacra pois economicamente ten repercusión a moitos quilómetros á redonda.

Non podendo concretar prazos, e á espera da decisión do Pleno do luns, igual se dá a posibilidade de que no 2018 a Feira Medieval estree o devandito recoñecemento.

Temas: MONFORTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta