Incautados preto de 300 quilos de centolas en Alcabre

Axentes da Policía Autonómica identificaron preto do Museo do Mar os propietarios dunha embarcación e levantaron acta por marisqueo ilegal. Dos crustáceos intervidos, 514 foron devoltos ao mar e 75 doados a dous centros benéficos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/12/2017 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

A Policía Autonómica levantou acta administrativa e identificou os propietarios dunha embarcación por unha presunta infracción relacionada co marisqueo ilegal na parroquia de Alcabre (Vigo), na que se incautaron preto de 300 quilos de centolas. Dos crustáceos intervidos, 514 foron devoltos ao mar e 75 foron doados a dous centros benéficos.

A operación realizouse nos arredores do Museo do Mar en Alcabre.
A operación realizouse nos arredores do Museo do Mar en Alcabre. | Fonte: vigoe.es

Os feitos ocorreron o pasado 7 de decembro, cando axentes da Policía Autonómica con sede en Vigo, en colaboración coa Policía Nacional e persoal do Museo do Mar da localidade, tiveron coñecemento de que se estaba movendo mercadoría por parte dunha embarcación que se atopaba na parte posterior do museo.

Ante a chegada da Policía Autonómica ao lugar, os tripulantes da embarcación fuxiron do peirao de xeito apresurado, polo que os axentes procederon a realizar unha inspección pola zona. O que localizaron foi unha rede de grandes dimensións na que había 589 centolas, cun peso aproximado de 292 quilos.

Tras realizar unha investigación, a Policía Autonómica logrou identificar os propietarios da embarcación e levantou unha acta administrativa por unha infracción contra a Lei de Pesca de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta