Feijóo sobre os colapsos en urxencias: “Serán problemas puntuais pero xa lle informan no hospital”

O presidente galego despachou en dúas frases as graves denuncias de colapso das urxencias hospitalarias dos últimos días. A pasada semana xa dicía que o Sergas era “eficiente” e recomendaba aos pacientes facer un “uso” responsable dos servizos sanitarios.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 28/12/2017 | Actualizada ás 20:38

Comparte esta noticia

Colapsos en urxencias nos hospitais da Coruña, Ourense, Vigo e, agora, en Santiago, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insiste en ignorar a situación. “Serán problemas puntuais pero xa lle informarán no hospital”, contestou este xoves ao ser preguntado por este medio sobre a situación de colapso que viviu o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) a comezos desta semana, tal e como denunciou a Asociación de Pacientes.

Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña
Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña | Fonte: @urg_CHUAC.

"Non teño máis que engadir en relación ao que xa dixen o outro día. Seguro que é un problema puntual e o hospital seguro que lle dá información puntual sobre o que acontece",  apuntou Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta que despachou con dúas frases a pregunta sobre os colapsos en urxencias. Imaxes e vídeos da Asociación de Pacientes demostran como o pasado martes había, ás 17:00 horas, 14 pacientes graves en cadeiras de rodas e padiolas colocados no corredor de acceso do CHUS. Ás 18:00 aumentaron a 16 e outros 18 estaban pendentes de ingreso.

De feito, a situación chegou xa ao Parlamento galego. A voceira de Sanidade de En Marea, Eva Solla, denunciaba o mércores esta situación. “A Xunta de Galicia segue facendo caso omiso ás advertencias que levamos feito dende hai moito tempo de que a situación das Urxencias deben preverse con tempo suficiente”, sinalou ao lembrar que En Marea rexistrou preguntas e iniciativas encamiñadas a resolver esta situación.

Tamén o BNG presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade para pedir que, á maior brevidade, sexa remitido ao Parlamento galego un informe do SERGAS sobre as medidas e reforzos postos en marcha para atender o aumento das persoas doentes nos servizos de urxencias.

“SISTEMA EFICIENTE”

O colapso de urxencias non é novo. Nos últimos días, e antes de Santiago, xa houbo denuncias de saturacións na Coruña, Ourense e Vigo. “Os profesioniais están traballando dentro dun sistema eficiente”. Era a resposta de Feijóo hai xusto unha semana cando se lle preguntou polo que estaba pasando nestes tres hospitais. 

Feijóo xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, nunha sala de urxencias
Feijóo xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, nunha sala de urxencias | Fonte: xunta.gal

De feito, o máximo dirixente da Xunta pediulle aos usuarios da sanidade un “uso responsable” das urxencias e recomendoull aos pacientes que tamén poden acudir aos puntos de Atención Primaria para solventar problemas sanitarios. Ademais lembrou que ata o 29 deste mes está aberta a campaña de vacinación e que, polo tanto, os usuarios poden acudir con calma aos centros hospitalarios. Con todo, a Asociación de Pacientes destaca que o pico de incrementos en urxencias non ten que ver cunha epidemia de gripe.

“ABANDONO DO MACIZO CENTRAL”

Por outra banda, varios deputados denuncian o total abandono sanitario do Macizo Central galego ante a pasividade da Xunta. “Non é de recibo que coa dispersión xeográfica que caracteriza a esta comarca, e o envellecemento da poboación (moita da cal, ademais, vive soa) se reduzan servizos sanitarios de proximidade, polo que, por exemplo, dous concellos como A Veiga e O Bolo teñan que compartir un médico de garda cada fin de semana para atender as situacións de urxencia ou non dispoñan dos medios técnicos (ambulancias medicalizadas, etc.) precisos”, denuncian os deputados de En Marea, Paula Verao e Davide Rodríguez. 

Desde a Consellería de Sanidade aseguran que no concello de A Veiga o número de tarxetas sanitarias é de 731 e no concello de O Bolo de 806, e que polo tanto, a dotación de recursos humanos en ambos concellos é dun médico, un enfermeiro e un PSX para atención ordinaria e fora da xornada ordinaria e dun médico e un enfermeiro de garda localizada para urxencias. Tamén indican que a distancia entre concellos non é excesiva, polo que aseguran que a atención sanitaria e de urxencias nos centros de saúde en ambos concellos é correcta, estando cubertas as necesidades asistenciais, empregándose os recursos de xeito eficiente. 

Pacientes encamados e en cadeiras de roda nos corredores de Urxencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Pacientes encamados e en cadeiras de roda nos corredores de Urxencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Lois Xosé Breixo

Mirade que o fan os recortes sanitarios da Xunta: http://www.20minutos.es/noticia/322...

4 galegoexiliado

Esa é a política sanitaria que os galegos votan e disfrutan, e quén sodes vos pa criticala? Dalles duro Alberto, que canto peor os tratas mais che votan. Galicia ba vieeeen.

3 Dr. Bacterio

Eso da foto non é unha sala de Urxencias: É un QUIRÓFANO

2 urco

A este cabrom nunca se lhe viu em urgências da rede pública. Que aguarde a sua nai numha padiola no corredor e logo que fale de usos responsáveis .

1 Anti...

Se fora máis elegante houbera escrito o quixote entre outros e penso que inda hoxe en elegancia de calquer tipo estou a anos luz de vós. W4