O Ramón Piñeiro de ensaio, para Xosé Constenla

O xeógrafo e profesor universitario gaña a 17ª edición do premio co título 'O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país'. O galardón está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra en Galaxia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/12/2017 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

O xeógrafo compostelán e profesor universitario Xosé Constenla fíxose coa XVII edición do premio Ramón Piñeiro de ensaio coa súa obra O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país. O galardón, que convocan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa, está dotado con 3.000 euros e coa publicación do traballo por Galaxia no vindeiro ano.

O xurado da 17ª edición do premio Ramón Piñeiro.
O xurado da 17ª edición do premio Ramón Piñeiro. | Fonte: xunta.gal

O premio deuno a coñecer o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, nunha comparecencia na que quixo recordar que “este premio naceu no ano 2000 á memoria do escritor, filósofo e galeguista que lle dá nome e acóllese ao espírito que inspirou a súa traxectoria intelectual, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega e mais o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo”.

O xurado, integrado por Dolores Vilavedra, Luís Alonso Girgado, Manuel Núñez Singala, Inma López Silva e Carlos Lema, destaca a calidade dos cinco orixinais que concorreron a 17ª edición así como a variedade de temas tratados neles. O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país amosa, segundo Inma López Silva, "unha fonda eleboración teórica e profundiza nunha "cuestión moi importante" e pouco analizada, a explicación de Galicia dende o punto de vista "xeográfico" e do territorio, máis alá das análises económicos e sociais.

XEÓGRAFO E PROFESOR UNIVERSITARIO

Licenciado e Doutor en Xeografía pola USC, Xosé Constenla Vega é técnico especialista en Sistemas de Información Xeográfica (2006). Foi profesor de Xeografía na Universidade da Coruña e mais na Universidade Carlos III de Madrid e investigador no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Traballou durante oito anos como xeógrafo na Área de Urbanismo e Ordenación do Territorio de IDOM e é, na actualidade, profesor da Universidade de Vigo na área de Didáctica das Ciencias Sociais e tamén na Universidade de León na área de Xeografía Humana. Ten publicado diversos traballos e artigos en revistas de ámbito estatal e internacional.

DEZASETE OBRAS PREMIADAS

Fixéronse co galardón ao longo das dezaseis edicións anteriores: Basilio Lourenço Fondevila, Anxo Rei Ballesteros, Xosé Luís Barreiro Rivas, Teresa Moure en dúas ocasións (2004 e 2011), Rebeca Baceiredo, Ramón Area Carracedo e Alexandre García-Caballero, María López Sández, Xosé Ramón Quintana Garrido, Manuel Pérez Rúa, Ramón Máiz, Xaime Subiela, José María Durán Medraño, Luís García Soto, Santiago Lamas e Alfonso Mato, e mais Rafael Quintía Pereira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Resentido

Outro premio dos amigos, supoño