Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/01/2018 | Actualizada ás 22:00
A Xunta de Galicia segue sendo unha das principais vías de financiamento dos medios de comunicación tradicionais privados, que de non recibir millóns de euros en publicidade e subvencións do Goberno galego cada ano estarían competindo nunha situación de igualdade e moito máis delicada e precaria para eles, e probablemente perderían a súa hexemonía no mercado. O último favor do ano 2017 da Xunta aos medios convencionais, en declive, elevouse a nada menos que 2 millóns de euros, nun só día. Así o denuncia o sindicato CIG.
En concreto, o 29 de decembro publicouse a resolución das axudas concedidas a empresas xornalísticas e de radiodifucións que actuén no noso país, cun gasto total de 1.666.194,87 euros. Ese mesmo día tamén se publicaron os xa clásicos convenios coa Corporación Voz de Galicia, S.L.U. e Editorial Compostela, S.A. para "a difusión informativa da capitalidade de Santiago de Compostela", polo que a primeira recibe 125.000 euros e a segunda, 115.000. Ademais, tamén se lle concederon outros 120.000 euros ao grupo de La Voz de Galicia para "a divulgación de información sobre a investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) en Galicia no ano 2017".
A convocatoria dos 1.666.194,87 euros publicouse no DOG de 3 de maio. Xa de aquela, como todos os anos, a CIG denunciou a súa convocatoria pola "inexistencia de motivación real para esta subvención sen concorrencia competitiva". O sindicato considera que o único obxectivo desta convocatoria é "soster economicamente a súa actividade dando máis cartos canta maior difusión teñan, sen outra finalidade", o cal "ten como resultado financiar aos grandes grupos de sempre".
A principal beneficiada é La Voz de Galicia, con 677.300,54 euros (40,65%), aos que se suman as axudas concedidas a Voz de Galicia Radio (do grupo Corporación Voz de Galici) con outros 30.924,96 euros. Ao grupo Voz ségueno Faro de Vigo con 280.858,05 euros (16,86%) e El Progreso de Lugo con 110.657,76 euros (6,64%). Entre as tres empresas levan máis do 60% da subvención total. O 40% restante repártese entre un total de 18 empresas.
"O 29 de decembro foi un gran día para Corporación Voz de Galicia, S.L.U. Entre unhas axudas (para o xornal La Voz de Galicia e para Radio Voz) e outras (dous convenios) chegou a sumar case un millón de euros (953.225,50 €)", subliña a CIG.
Tamén chama a atención a axuda que recibe Editorial Compostela, por un total de 81.289,90 euros. Resulta que este grupo, propietario de El Correo Gallego, leva vaios anos atravesando unha fonda crise que o levou ao impago de nóminas e a unha débeda de 15 millóns de euros. En concreto, en outibro pasado, como publicou GC, debía aos traballadores 1,4 millóns de euros, cun plan de pago a longo prazo. Tamén tiña 1,2 millóns de débedas con Facenda e a Seguridade Social. Con todo, o director, en declaracións a GC, dicía que confiaba en que este xornal cumpriría moitos anos máis, sen dúbida, axudado coas axudas da Xunta de Galicia.
Para o sindicato "resulta moi doado comprender por que a gran maioría destes medios, sobre todo os que se levan a maior parte do pastel e teñen maior difusión, dificilmente van publicar información que sexa incómoda para o Goberno; todo o contrario, ao final atopámolos cheos de propaganda a favor deste".
O paradoxal destas axudas é que, sobre o papel, están destinadas a favorecer a "liberdade de expresión" e fomentar uns medios "máis plurais e independentes", e mesmo buscan "a potenciación da lingua e cultura galega" e "a galeguidade", pero chega con dedicar tan só un 8% do total do espazo á lingua propia de Galicia para recibir cartos.
Medios como Galicia Confidencial, líder da prensa en galego, ou Praza Pública, outro dos referentes da nova prensa en galego e alternativa aos vellos medios, ambos os dous con audiencias moi consolidadas e con grande impacto, non reciben un só euro de axudas. O único xornal en lingua galega que recibe cartos públicos da Xunta en concepto de subvencións é Sermos Galiza, que acada 918,57 euros, o terceiro que menos achegas recibe, só por diante da delegación galega de Europa Press (473,38 euros) e Radio Lugo (695,60 euros).
"Como xa temos denunciado, estes convenios, aínda que legais, resultan unha presunta fraude. No proceso non existe maior colaboración que a Xunta paga e o medio publica o que esta lle «suxire», o cal semella máis ben un contrato de publicidade en toda regra", censura a CIG.
Beneficiaria |
Importe |
Editorial Compostela, S.A. |
81.289,90 |
Editorial La Capital, S.L. |
36.387,76 |
El Progreso de Lugo, S.L. |
110.657,76 |
Europa Press Delegaciones, S.A. |
473,38 |
Faro de Vigo, S.A.U. |
280.858,05 |
La Opinión de A Coruña, S.L.U. |
43.354,20 |
La Región, S.A. |
85.368,94 |
La Voz de Galicia, S.A. |
677.300,54 |
Lérez Ediciones, S.L. |
66.750,41 |
Radio Coruña, S.L. |
9.036,77 |
Radio Lugo, S.A. |
695,60 |
Radio Orense, S.A. |
9.692,48 |
Radio Pontevedra, S.A. |
26.351,32 |
Radio Popular, S.A. |
90.000,00 |
Radio Vigo, S.A. |
1.017,82 |
Rías Baixas de Comunicación, S.A. |
23.459,39 |
Sermos Galiza, S.A. |
918,57 |
Sociedad Española de Radiodifusión, S.L. |
28.892,58 |
Uniprex, S.A. |
61.030,92 |
Virtual Vedra Comunicación, S.L. |
1.733,52 |
Voz de Galicia Radio, S.L.U. |
30.924,96 |
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.