Alertan dunha "inminente caída" do prezo do leite e dunha nova crise para os gandeiros galegos

O Sindicato Labrego Galego avisa de que as granxas do país están nunha "situación de extrema vulnerabilidade no contexto de sobreprodución e crise que se aveciña" en Europa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/01/2018 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

"As nosas granxas atópanse nunha situación de extrema vulnerabilidade no contexto de sobreprodución e crise que se aveciña". Esta é a advertencia lanzada desde o Sindicato Labrego Galego (SLG), que alerta dunna "inminente caída dos prezos do leite cando en Galicia aínda non comezaron a subir".

Manifestación dos gandeiros do leite en Lugo
Manifestación dos gandeiros do leite en Lugo | Fonte: campogalego.com twitter

O sindicato constatou que entre transportistas e gandeiros galegos "xa se está a estender o rumor de que nesta primavera volverán caer os prezos do leite", unha práctica que, din, "vén de vello" e na que "os choferes dos camións cisterna das industrias van afacendo a produtores á idea de que a caída do valor do leite é algo inevitable que acontecerá si ou si", relata o SLG.

Pero máis alá dese ruxe-ruxe no sector produtor, a caída de prezos "xa está prevista pola propia Comisión Europea", di o SLG, xa que "a produción de leite na UE aumentou estimulada polo incremento de prezos a causa da forte demanda de manteiga ao longo de 2017". Calcúlase que a produción de leite na UE aumentará a razón de 1 millón de toneladas por campaña, o que fará que os prezos caian xa en 2018-2019, pero non tanto como na última crise, de maneira que a media non baixará dos 30 céntimos, segundo os datos aportados polo sindicato galego.

Ora ben, o problema para os gandeiros galegos é que mentres na UE subiu o prezo medio do leite até os 37 céntimos por litro de setembro,en Galicia case non houbo incremento de prezos e a media apenas chega aos 30 céntimos. "De aí que as nosas granxas se atopen nunha situación de extrema vulnerabilidade nun contexto de sobreprodución e baixadas de prezos como o que se aveciña", avisa o SLG.

"Países como Francia, Alemaña, Austria, Holanda ou Bélxica teñen certa marxe para encaixar baixadas; ao tempo que calquera caída nas granxas galegas, co nivel de prezos que temos, resultará dramática e provocará unha forte crise", prognostican.

Manifestación dos gandeiros do leite polas rúas de Santiago
Manifestación dos gandeiros do leite polas rúas de Santiago | Fonte: campogalego.com

Outro factor que pode agravar máis a situación do sector en Galicia é que unha das principais compradoras de leite no país, a multinacional francesa Lactalis que comercializa marcas como Puleva ou Lauki, enfróntase a unha reclamación da Axencia Tributaria de 13,6 millóns de euros. A maiores, esta mesma empresa está a asumir fortes gastos derivados do escándalo alimentario de leite en po para meniños contaminada con salmonela que tivo que retirar dos supermercados; que lle obrigou a paralizar a actividade da súa fábrica de Craon, na rexión do Loira, e que lle supuxo a presentación de numerosas reclamacións por parte de organizacións de consumo, recorda o SLG.

"Cando unha industria láctea é multada ou sofre gastos extraordinarios como os citados, todos e todas sospeitamos como fai cadrar o seu balance de contas para non perder cartos: baixando os prezos en orixe do leite. Por iso, non sería de estrañar que a caída de prezos que se aveciña viñese liderada por Lactalis", especula o sindicato.

Neste contexto, o Sindicato Labrego só agarda que chegue "o peor".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta