Colapso nas urxencias: o caso dunha octoxenaria que pasou 5 horas sen atención nun corredor

A familia da muller denuncia que esta estivo tirada nunha padiola nun corredor do Hospital da Costa en Burela cunha "dor abdominal intolerable", "sen atención médica e sen analxesia". A Plataforma Sanitaria A Mariña denuncia a "caótica situación do servizo de urxencias".

Por Galicia Confidencial | Burela | 16/01/2018 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

As denuncias polos colapsos nas urxencias non deixan de sucederse ao longo e ancho de Galicia. Unha das última é o caso dunha octoxenaria que, segundo denuncia a súa familia, pasou cinco horas nun corredor das urxencias do Hospital da Costa, en Burela, cunha dor "intolerable" e "sen atención médica nin analxesia".

Concentración diante do Hospital da Costa de Burela en defensa da Área Sanitaria da Mariña
Concentración diante do Hospital da Costa de Burela en defensa da Área Sanitaria da Mariña

A familia explicou que a muller acudiu ao Punto de Atención Continuada de Burela o pasado 9 de xaneiro cun cólico intestinal que lle producía unha "dor abdominal intolerable". Unha vez vista en consulta, foi derivada a do Hospital da Costa para o seu diagnóstico e tratamento.

No centro hospitalario permaneceu unhas cinco horas nunha padiola ciscada nun corredor e, segundo relata a familia, "sen atención médica e sen analxesia", cunha "dor tan intensa" que mesmo lle facía "berrar". Pasado este tempo, foi vista por un facultativo que solicitou para ela unha ecografía e unha radiografía. Unha vez feitas as probas xa se lle puxo analxesia e tratamento.

SITUACIÓN "CAÓTICA"

A familia decidiu trasladar o caso á Plataforma en Defensa da Sanidade da Mariña para que lles axudase a poñer unha reclamación polo que consideran unha "caótica situación do servizo de urxencias"; tamén esperaban unha desculpa da dirección do hospital, din.

"O persoal estába absolutamente desbordado, fixeron canto poideron pero non daban para máis. Queremos amosarlles o noso absoluto respecto polo seu traballo e adicación", comenta a familia da doente, que tamén di que "é coñecedora de que antes de poñer analxesia hai que ver cal é a súa causa, máis cinco horas berrando de dor nun corredor é inhumano".

"Lonxe de recoñecer a situación e desculparse, cando menos, a xerenta executiva do Hospital da Costa sae na prensa dous días despois declarando que a situación do Servizo de Urxencias do Hospital é de «normalidade»", sorpréndese a Plataforma sanitaria, que di "non comprender como a xerenta executiva, que até hai pouco tempo traballou neste servizo, amosa tan pouca sensibilidade e mesmo maquilla os datos desta maneira".

"O máis lóxico", proseguen, "sería que se preocupase pola cobertura de profesionais como é debido e a maiores que reforzase o servizo cando hai estes picos de incidencia".

Para a Plataforma sanitaria é "inadmisible que se produzan situacións como esta, cun persoal sanitario que fai máis do humanamente posible para poder dar a axeitada atención aos pacientes que entran pola porta de urxencias, pero que se ve absolutamente desbodado ante a situación".

Por todo isto esixen que se amplien os cadros de persoal en cada quenda cando proceda, xa que o servizo, din, está colapsado con "pacientes polos corredores" e cun déficit de persoal en picos como os que se está a vivir estes días pola epidemia de gripe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 doutor carroñas

perdoen pero este exemplo non me vale nada... aquí outra vella estivo perdida nas urxencias e resultou que estaba na sa dt (diagnostico e tratamento) durante 12 horas sendo despois trasladada a un-ha upi (unidade de pre-ingreso) outras 12 horas, sendo un día despois ingresada na 5 norte!!!! AQUI TEÑEN ABERTAS VARIAS SAS ONDE ESCONDEN OS DOENTES (sa de transito, sa de upi) POIS O INGRESO ESTA BASTANTE COMPLICADO LOGO PRETENDEN OS PEPEIROS PECHAR HABITACIONS CANDO XA NON TEÑEN... maña protesta diante da porta vella do hospital as 11!!!!