Comparte esta noticia

Un "novo agravamento do colapso" nos servizos de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), con ducias de doentes ciscados nos corredores. Esa é a situación vivida este luns e que revela unha vez máis a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que denuncia que "seguen se adoptarse as medidas necesarias para poñer fin al maltrato asistencia".

Pacientes ciscados nos corredores de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago
Pacientes ciscados nos corredores de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago | Fonte: CHUS.

A asociación relata que este luns, 15 de xaneiro, ás 15.11 horas, había once pacientes de diversa gravidade colocados en cadeiras de rodas e padiolas no corredor de acceso, agardando que quedasen espazos libres de atención ocupados por pacientes pendentes de ingreso, os cales a esa hora eran 16. E tan só había tres espazos libres en observación.

Máis tarde, ás 19.30 horas, a situación empeorara con 20 pacientes graves colocados no corredor de acceso en cadeiras de rodas e padiolas, a maioría deles pacientes de idade avanzada, e 15 pendentes de ingreso ocupando os espazos de traballo. A paciente que estaba ao principio da cola para ser atendida levaba desde ás 15:30 horas esperando nesas condicións a ser atendida nos cubículos (4 horas de espera), denuncia a asociación.

Ás 20:20 horas aínda quedaban no corredor 12 pacientes, con 13 pendentes de ingreso e toda a zona de monitores e críticos chea, segundo a denuncia.

O propio CHUS informou de que este luns foron atendidos 486 pacientes; déronse 312 altas e houbo 83 ingresos. O nivel medio de ocupación das camas, de acordo cas mesma fontes, foi do 64,17 por cento. "A antiga sala de reanimación segue pechada. As camas existen pero non se dotan do persoal necesario para que sexan un recurso sanitario dispoñible no momento en que se produce a demanda de acordo co criterio do persoal facultativo do servizo", engade a Asociación de Pacientes. 

Os corredoreds de acceso, din, "non é un lugar para situar os pacientes", polo que piden habilitar mais espazos en urxencias dotados do persoal sanitario e auxiliar necesarios, e dispoñer das camas hospitalarias no momento en que son demandadas, "utilizando os recursos públicos necesarios sen que pesen criterios de aforro e axuste orzamentario".

"NON USAMOS MAL AS URXENCIAS"

Respecto das mensaxes enviadas polo Goberno galego aos cidadáns, para que fagan un "uso racional" da sanidade, en xeral, e das urxencias, en particular, a Asociación de Pacientes do CHUS contesta que "as urxencias non se colapsan porque os pacientes usemos mal o servizo". 

"Os que estamos situados nos corredores, padecendo o proceso de deterioro físico e a vulneración do noso dereito á intimidade e a dignidade, estamos en espera de recibir os servizos que de acordo co criterio clínico precisamos en urxencias. Non somos nós os que valoramos o noso estado de saúde nin os que decidimos que debemos ser atendidos. Son os profesionais, que se ven sometidos a condicións de presión intolerables, os que,  atendendo a criterios estritamente asistenciais, toman a decisión", argúen desde a Asociación de Pacientes. 

Os asociados avisan ademais da precaria situación que se vive, en xeral, nos servizos da sanidade pública galega: "Acudimos a urxencias hospitalarias porque noutros niveis de atención non hai recursos e medios equivalentes precisos para poder realizar un primeiro diagnóstico. Os pacientes somos vítimas do modelo hospitalocéntrico construído desde os poderes públicos, mais costoso en termos asistenciais e sobre o cal non temos capacidade algunha de decisión", censuran.

DESAMPARO

A Asociación de Pacientes e Usuarios lamenta que tras anos de denuncias públicas, administrativas e xudiciais non se teñan "depurado as responsabilidades inmediatas e directas que se deducen deste maltrato asistencial".

Recordan que a propia Valedora do Pobo, no ano 2017, "se desentendou de xeito inexplicable da solicitude de amparo presentada pola Asociación de Pacientes, sen tan sequera realizar unha inspección física e persoal do que acontece no servizo e emitindo un ditame de parte utilizando como xustificación os informes emitidos polo propio Sergas".

"Estamos sendo vítimas dun absoluto desamparo sostido sobre a vulnerabilidade do paciente cando acode ao servizo ca saúde quebrada, e sobre a inexistencia de cauces nos que facer valer os nosos dereitos", conclúen.

En pleno Nadal, a Asociación de Pacientes xa denunciara “colapso e maltrato asistencial” nas urxencias do CHUS en Santiago, nun momento no que nin sequera había epidemia de gripe, que acostuma ser unha das escusas utilizadas pola Consellería de Sanidade e a xerencia para xustificar os colapsos nas urxencias no inverno. A situación foi de tal gravidade duranque aquelas datas, que os pacientes insistiron por segunda vez na súa denuncia en apenas tres días, ante a falta de resposta e solucións.

Tamén en agosto pasado, cando tampouco había epidemia de gripe, houbo outra denuncia dos sindicatos CESM e OMEGA pola saturación das urxencias do CHUS, con pacientes graves ciscados nos corredores.

“Que ten que acontecer para que poñan fin a esta situación? Non son suficientes as vítimas mortais producidas nos corredores nos últimos cinco anos? Canto maltrato asistencial temos aínda que soportar para que os responsables se decidan a actuar?”, pregúntase a Asociación de Pacientes.

'PARCHES'

Malia as evidencias dos problemas de saturación que se viven nas urxencias de Santiago, pero tamén da Coruña, ou Pontevedra, entre outras, o propio presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo negou reiteradamente a situación e non dubidou en cualificar de "puntuais" eses colapsos. Pero as denuncias seguen producíndose e as imaxes de enfermos ciscados nos corredores, repetíndose.

Hai tan só seis días, os sindicatos advertiron á Xunta de Galicia de que os "parches" que o Sergas puxo para paliar a saturación nos servizos de Urxencias en todo o país, como o reforzo de persoal nalgúns servizos ou a apertura de camas de hospitalización, non va solucionar o "mal endémico" dos colapsos durante as ondas epidémicas de gripe. Así o advertiu o sindicato de Enfermaría SATSE, que denunciou que estes profesionais se enfrontan a "graves problemas" polo incremento da presión asistencial debido á gripe, "sen que aumentasen de forma conveniente os cadros".

Os propios xefes de servizo de Urxencias dos hospitais galegos saíron tamén ao paso do colapso e manifestaron o seu "total apoio" a unha nota emitida por Semes Galicia do pasado día 4 de xaneiro na que se instaba aos hospitais a resolver o problema e se pedía á poboación un "uso racional" deste servizo.

Semes Galicia, que engloba a máis de 500 profesionais de Urxencias e Emerxencias do país, emitiu a primeiros de xaneiro un comunicado ante os colapsos que se están vivindo, unha vez máis, nos servizos de urxencias hospitalarios de Galicia. Nel, pide á poboación un "uso racional" destes servizos, insta ás xerencias a traballar para garantir a dignidade dos pacientes, que estes días se ven amoreados nos corredores dos hospitais, e lembra ao Sergas o compromiso adquirido para establecer un documento de homoxenización destes servizos.

E a Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (Asgate) alertou tamén este mesmo mes que o persoal que atende as urxencias sanitarias extrahospitalarias sufriu un incremento considerable na carga de traballo, algo que ven sucedendo habitualmente pero que nestas datas se puxo en clara evidencia, o cal, din, repercute no colapso dos hospitais galegos, xa que os recursos son limitados e non poden asumir a carga asistencial que é requerida.

DENUNCIAS NOS XULGADOS

Ante a pasividade do Goberno galego e a súa negación do problema, os sindicatos decidiron, no caso da Coruña, recorrer á Xustiza e presentar unha denuncia no Xulgado de Instrución número 2 contra a Xerencia das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) polo colapso que están a sufrir os servizos de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC)

Unha denuncia na que se recolle que durante todo o mes de decembro pasado e o que levamos de xaneiro os pacientes que acoden ás urxencias do CHUAC están a permanecer "até 48 horas amoreados nos corredores", moitos dos cales agardan por camas "nunhas condicións pésimas".

Por suposto, esta denuncia non gustou nada na Consellería de Sanidade, cuxo titular, Jesús Vázquez Almuiña, considera que a xudicial "non é a vía" para mellorar o sistema sanitario galego.

Malia a gravidade da situación e a onda de denuncias e críticas, o propio Feijóo insistiu hai só cinco días en defender a xestión sanitaria do Goberno e en solicitar á poboación que "non sature" as urxencias.

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública saíu ao paso das declaracións de Feijóo, nas que ademais apostou por abrir camas nas habitacións en planta para atender as urxencias. Para SOS Sanidade Pública, tentar acabar cos colapsos dos servizos de urxencias a costa da comidade dos pacientes ingresados en planta é un erro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Equidistando

Tranquilos que isto amañaou Pablo Iglesias que acaba de dicir en Telecinco que son a principal forza de oposicion en Galicia. Xa nin se acorda das Mareas. Parabens Beiras, Anton e Martiño.