Temas: PESCA UE

Adeus á pesca eléctrica na UE

A pesca de arrastre por impulsos eléctricos estaba permitida en zonas do Mar do Norte e para un número limitado de embarcacións. Agora queda totalmente prohibida na Unión Europea. A eurodeputada galega Lidia Senra celebra o novo regulamento.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/01/2018 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

O pleno do Parlamento Europeo votou este martes a favor de prohibir totalmente, sen excepcións, a pesca de arrastre por impulsos eléctricos na Unión Europea, que na actualidade unicamente está permitida nalgunhas zonas do Mar do Norte e para un número limitado de embarcacións.

Pesca de arrastre por impulsos eléctricos.
Pesca de arrastre por impulsos eléctricos.

As novas regras —que actualizan e combinan máis de trinta regulamentos— establecen un marco común sobre artes e métodos de pesca, tamaño mínimo autorizado das capturas e limitacións á pesca en determinadas áreas ou en períodos específicos. Tamén inclúen medidas para adaptarse ás necesidades de cada conca.

O pleno aprobou unha emenda reclamando a prohibición total da denominada pesca eléctrica, que utiliza impulsos eléctricos para arrastrar aos peixes dos leitos mariños cara ás redes. O cambio foi apoiado por 402 eurodeputados, 232 votaron en contra e 40 abstivéronse.

PROHIBICIÓNS PARA FREAR A PESCA DE XUVENÍS

Entre outras medidas dirixidas a reducir a pesca de xuvenís figuran: prohibición de determinadas artes e métodos pesqueiros (como explosivos, substancias tóxicas, os martelos pneumáticos e proxectís, ademais da electricidade), restricións xerais ao uso de artes de arrastre e redes fixas, precisións sobre as especies de peixe e crustáceos e moluscos cuxa pesca queda prohibida, limitar as capturas de mamíferos mariños, aves mariñas e réptiles mariños, con disposicións especiais sobre hábitat especialmente vulnerables, e prohibir prácticas como a “selección cualitativa”, que consiste en descartar peixes de baixo prezo que están suxeitos a límites de capturas, aínda que poderían desembarcarse legalmente, a fin de maximizar o valor das capturas.

MEDIDAS REXIONAIS

As medidas rexionais comprenden, entre outros aspectos, tamaños mínimos de referencia para a conservación, e zonas pechadas ou restrinxidas. Os Estados membros e a Comisión terán 18 meses a partir da entrada en vigor do Regulamento para adoptar normas rexionais sobre os tamaños de malla. Con todo, será posible apartarse destas normas rexionais mediante a presentación dun plan plurianual de pesca rexional ou, en ausencia do devandito plan, mediante unha decisión da Comisión Europea. 

Os países poderán presentar recomendacións conxuntas con este fin, e os eurodeputados pídenlles que "baseen as súas recomendacións nos mellores ditames científicos dispoñibles".

SATISFACCIÓN

A eurodeputada Lídia Senra, unha das responsábeis para o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, amosou a súa satisfacción con respecto ao novo posicionamento da Eurocámara respecto á pesca eléctrica, reiterando que “este tipo de pesca é un ataque á pesca artesanal, costeira e de baixo impacto, unha práctica totalmente incompatíbel coa sustentabilidade pola que debe avogar a Política Pesqueira Común”.

Non obstante, a eurodeputada galega chamou a atención sobre o feito de que “aínda que conseguimos que saíran aprobadas as emendas para manter a prohibición, non podemos dar por finalizada esta loita; nestes momentos a flota holandesa segue facendo uso das excepcións que lle permiten empregar descargas eléctricas para capturar o peixe”.

Porén, Lídia Senra abstívose na votación final deste informe, ao considerar que “non protexe suficientemente as pesca artesanal de países como Galicia”. Concretamente, lamentou que non se aprobase unha emenda resentada pola propia Senra a través da Comisión de Pesca, na que se realizaba unha mención específica ao xeito,  recollendo que no caso das redes desta categoría a malla empregada debería ser de entre 23 e 40 milímetros.

Consultado directamente pola eurodeputada galega no mes de novembro a través dunha carta, o comisario de Pesca Karmenu Vella respostou que dado que está permitido pescar sardiña con redes de deriva, e que  as do xeito teñen unha dimensión inferior a 2.5kms, esta arte de pesca “non estaría dentro do alcance das prohibicións contidas no regulamento proposto”.

Habida conta de que hoxe o informe aprobado non incorporou a emenda referente ao tamaño de malla do xeito presentada por Senra, esta amosou a súa preocupación, esixindo un compromiso máis explícito por parte da Comisión Europea: “Agardo que a Comisión Europea manteña con respecto ao xeito a mesma posición que me transmitiu directamente o comisario Vella na súa carta. Agardamos que nas negociacións tripartitas o propio Vella e o Consello deixen clara definitivamente a postura da UE sobre a protección desta arte de pesca artesanal fundamental para nós”, expuso.

Temas: PESCA UE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta