A facturación da industria aumenta un 13,5% en novembro en Galicia e a entrada de pedidos dispárase un 26%

A cifra de negocios encadea sete meses de incrementos na Comunidade

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2018 | Actualizada ás 10:44 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A cifra de negocios da industria aumentou un 13,5% en novembro de 2017 en Galicia en comparación co mesmo mes de 2016, mentres a entrada de pedidos disparouse un 26,2%, segundo datos difundidos este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Fábrica De Finsa En Padrón (A Coruña)
Fábrica De Finsa En Padrón (A Coruña) | Fonte: Europa Press

Deste xeito, Galicia rexistra o terceiro maior incremento na facturación entre comunidades, por encima da media en España (+7,5%). Supéralle só Baleares (22,2%) e Asturias (17,3%).

Na media do conxunto do ano --entre xaneiro e novembro--, o avance na cifra de negocios en Galicia elévase ao 9,1%, máis que o 7,9% a nivel estatal.

No tocante á entrada de pedidos, a Comunidade tamén conta co terceiro aumento máis elevado, que encabezan País Vasco (31,6%) e Asturias (26,4%). O aumento en Galicia (26,2%) está moi por riba da media (9,2%). Con todo, entre xaneiro e novembro a subida galega do 6,5% é inferior ao 8,6% estatal.

Co dato de novembro, a industria galega acumula sete meses consecutivos de ascensos interanuais na súa facturación (o último dato negativo é de abril). En cambio, a entrada de pedidos volve a terreo positivo após a caída experimentada en outubro.

DATOS ESTATAIS

Co dato de novembro de 2017, a facturación da industria en España encadea sete meses consecutivos de ascensos interanuais, aínda que a taxa de novembro desacelérase 3,5 puntos en relación ao crecemento experimentado en outubro, que foi do 11%.

Pola súa banda, os pedidos do sector suman xa once meses consecutivos de aumentos interanuais. A taxa de novembro é 2,5 puntos superior á experimentada en outubro, cando os pedidos da industria subiron un 6,7%.

Corrixido o efecto calendario e a estacionalidade, a cifra de negocios da industria incrementouse un 7,3% o pasado mes de novembro en taxa interanual, catro décimas menos que en outubro, mentres que os pedidos do sector creceron un 8,8%, taxa 4,7 puntos superior á de outubro.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta