Temas: AP-9

Fomento subirá aínda máis as peaxes da AP-9 para compensar a supresión da de Redondela

O ministerio salienta que “esa era a opción de Feijóo” e a Xunta di que é unha "boa noticia". Fomento negociará con Audasa a repercusión da gratuidade, que aínda non ten data, no resto de peaxes.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 23/01/2018 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

O Ministerio de Fomento anunciou que eliminará a peaxe na Autoestrada do Atlántico (AP-9) no tramo entre Vigo e Redondela, tal e como lle pedía a Xunta e os grupos da oposición. Pero esta medida terá un custe a todo o resto dos usuarios desa autoestrada xa que a concesionaria, Audasa, aumentará as tarifas das peaxes para compensalo.

Feijóo, Ana Pastor, Rajoy e Gómez de la Serna na inauguración da ampliación da Ponte de Rande
Feijóo, Ana Pastor, Rajoy e Gómez de la Serna na inauguración da ampliación da Ponte de Rande | Fonte: Miguel Núñez

Segundo informou este martes o secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez-Pomar, Fomento acepta liberar o tramo solicitado polo goberno autonómico (0,90 euros por uns 4 quilómetros), pero a cargo do resto dos usuarios da autoestrada. Unha medida, dixo, que é a que quería o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Por iso, sinalou como "lóxica" a compensación á concesionaria con cargo ás peaxes vixentes, e que xa está establecida no tramo Vigo-Pontevedra.

Nese sentido, Gómez-Pomar sinalou que Fomento negociará coa concesionaria da autoestrada, Audasa, a fórmula para compensar esa supresión. O secretario de Estado explicou que a intención é que esta medida se sufrague dentro de "o financiamento global" da AP9, polo que a gratuidade entre Redondela e Vigo irá "en relación coas tarifas xerais" que pagan os usuarios. Ante as preguntas dos xornalistas, o secretario de Estado explicou que a medida se compensará co propio funcionamento da AP-9, "de forma progresiva" e "ao longo dun determinado tempo", subliñou, sen concretar cal será o encarecemento que experimentará a taxa no resto de tramos.

SUBIDA DA PEAXE

"A idea é que se financie con cargo á tarifa xeral que se abona na autoestrada, o que require estudar que impacto tería na tarifa pola circulación global da autoestrada", sinalou Gómez-Pomar, sen pór data á aplicación desa gratuidade.

Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9
Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9 | Fonte: PontevedraViva.

O anuncio de Fomento supón que as peaxes na Autoestrada do Atlántico encareceranse aínda máis do previsto, despois da subida aplicada xa a principios de 2018, correspondente ao IPC (1,91 por cento). Ao longo do ano está previsto que se apliquen progresivamente os incrementos previstos como compensación polas obras de ampliación (en Rande e en Santiago) e polas bonificacións entre Vigo e Pontevedra, que significan outro 1,9 por cento adicional, ao que habería que sumar a compensación que se pacte pola supresión da peaxe de Redondela.

ETHEL VÁZQUEZ

A conselleira de Infraestruturas da Xunta, Ethel Vázquez, pola súa banda, expresou a súa satisfacción pola "boa noticia" da gratuidade da autoestrada entre Vigo e Redondela e valorou a "vontade" do Ministerio de Fomento de negociar coa concesionaria "a fórmula máis viable".

"Queremos unha fórmula viable para que os usuarios non paguen esa peaxe nunha comarca tan competitiva", asegurou, aínda que evitou pronunciarse sobre unha posible subida dos prezos porque "o importante" é que a proposta "sexa viable" e "que se libere a peaxe".

Temas: AP-9
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Mjcr

Para flipar q vale q quiten un peaje si luego van a compensar la perdida pagando el doble en otro... Aki lo unico q importa e facer cartos e nada mais . panda de sinverguenzas

2 Manda

Españoles ahi os va feijoo os vais a ca gar

1 Gamela

Cartos ao queixón... !!!