Unha das dez maiores mentiras na historia de Wikipedia: o pirata irlandés que viviu en Estaca de Bares

Unha casa rural galega e un mariñeiro chamado William Simms que escapou do corsario sir Francis Drake son os protagonistas dun dos dez enganos que máis tempo permaneceron na enciclopedia libre e colaborativa, case unha década. É Wikipedia unha fonte de información fiable?

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 19/02/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Entre as dez maiores alburgadas na historia da Wikipedia (a enciclopedia de contido libre que todos podemos editar) atópase un conto que sobrevviu como un feito real durante nada menos que nove anos e oito meses e medio: Pikes on Cliffs (Picos nos cantís). A fantástica historia, o décimo maior éxito na historia da ficción wikipedista pola súa permanencia no tempo, versaba sobre unha suposta casa en Estaca de Bares na que tería vivido no século XVI un pirata irlandés chamado William Simms. Nin a casa nin o mariñeiro existiron endexemais, agás na Wikipedia.

Estaca de Bares
Estaca de Bares | Fonte: Xunta.

O artigo permaneceu na versión inglesa da enciclopedia colaborativa desde o 17 de marzo de 2005 até o 5 de decembro de 2014. É, segundo recolle El País, e como así certifica a propia Wikipedia nun exercicio de transparencia e honestidade, o décimo boato que máis tempo permaneceu sen ser detectado polos wikipedistas.

En 2009, os editores da Wikipedia xa alertaron de que o artigo non contiña fontes referenciadas: "Este artigo é orfo, xa que non hai outros artigos vinculados a el", advertían.

O conto, ou trola, narraba a historia dun mariñeiro irlandés chamado William Simms o cal fora condenado a morrer afogado polo famoso —e real— corsario e almirante inglés sir Francis Drake, o mesmo que saqueou parte da Coruña o 3 de maio de 1589 e que colidou coa heroína local María Pita. Pero esta é outra historia...

Na falsa historia que aquí nos ocupa (alguén terá a tentación de cualificala como "fake news", mais esta non era unha noticia falsa, senón unha trola nunha enciclopedia) contábase que Simms lograra escapar de Drake e, nadando, tería chegado á costa galega, onde se tería refuxiado nunha casa en Estaca de Bares que incluía unha ferraría e un pozo. A historia de William Simms tería logo orixinado unha lenda local que afirmaba que cada ano, ao comezo da primavera, se pode ver o espírito do irlandés sentado sobre unha rocha. Nin Simms nin a casa de Estaca de Bares —chamada Pikes on Cliffs— existiron endexemais; tampouco a lenda, da que ninguén falou nunca, pero Wikipedia estivo a piques de facela real.

A entrada 'Pikes on Cliffs' foi eliminada definitivamente da Wikipedia en decembro de 2014. Con todo, e pola filosofía wikipedista —que xorde da cultura e ética hacker, guiada polo traballo colaborativo, a liberdade de expresión e de información, o coñecemento aberto e a transparencia—, existe un rexistro sobre aquela entrada no que se avisa de que "a veracidade deste artigo foi cuestionada", xa que "se cre que parte ou todo o seu contido pode constituír un engano".

As sospeitas chegaron principalmente pola falta de fontes referenciadas no artigo —unha práctica habitual na Wikipedia para dar credibilidade ás entradas, mediante o uso de ligazóns externas a outras fontes—. "Este artigo é orfo, xa que non hai outros artigos vinculados a el", advertían xa os vixiantes desta entrada en decembro de 2009.

O artigo fora clasificado nas categorías Legends (lendas) e Buildings and structures in Galicia (construcións e edificios en Galicia), e mantívose case dez anos como verídico, até que finalmente foi retirado. Ocupa o décimo posto entre as trolas que máis tempo permaneceron en Wikipedia. O primeiro posto é para Bine, un suposto demo da mitoloxía acadia con trazos cristiáns, nacido dun “carpinteiro que morrera e resucitara”; outro artigo falso, orfo, sen citas, que permaneceu publicado nada menos que 12 anos e catro meses.

EXERCICIO DE TRANSPARENCIA

Os propios wikipedistas crearon unha páxina na que dar conta dos chamados hoaxes en inglés (enganos, informacións falsas, boatos...) que se publican na Wikipedia. Dende a creación desta lista, o 8 de marzo de 2006, até o 17 de febreiro de 2018, 398 wikipedistas realizaron 1.297 edicións sobre este wiki.

"Un engano considérase o suficientemente notable como para incluílo nesta lista se eludiu a detección durante máis dun mes ou se foi discutido por fontes confiables nos medios".

O propósito desta lista é "documentar os enganos en Wikipedia para melllorar a nosa detección e comprensión dos mesmos", explican os propios wikipedistas, que diferencian o engano, é dicir, "un intento claro ou descarado de inventar algo", da "difamación, vandalismo ou o erro dos feitos".

"Un engano considérase o suficientemente notable como para incluílo nesta lista se eludiu a detección durante máis dun mes ou se foi discutido por fontes confiables nos medios. Esta lista está incompleta, xa que moitos enganos permanecen sen descubrir", advirten os editores da Wikipedia, sobre os que hai que facer notar a autoridade que confiren aos medios dominantes (os "media") como fontes confiables.

CAMPO DE BATALLA INTELECTUAL

En 2017, o catedrático de xornalismo Carlos Elías e o xornalista e profesor galego Alberto Quian —ambos os dous da Universidad Carlos III de Madrid— publicaron un artigo sobre a Wikipedia e os seus relatos colaborativos, centrando a atención nesta enciclopedia como indicador de interese cidadán sobre calquera tema. No traballo, publicado na revista científica Prisma Social —editada pola Fundación iS+D para la Investigación Social Avanzada— explícase como a Wikipedia se converteu nun auténtico campo de batalla ideolóxico e intelectual.

En 2001, recordan estes autores, o historiador da cultura hacker Eric S. Raymond publicou o seu influente ensaio The Cathedral and the Bazar, no que ademais de defender o software libre, explicou por que un bazar aberto, e creado pola multitude, é sempre mellor modelo para un proxecto de coñecemento que unha catedral, cuxa construción está dirixida desde as elites. Esta colaboración entre iguais, e non dirección desde as elites, é o patrón que subxace no que moitos consideran o maior proxecto colaborativo de difusión do coñecemento da historia da humanidade: Wikipedia, a enciclopedia wiki, na que se manifesta a pulsión hacker por crear colaborativamente e transmitir voluntariamente coñecemento, á marxe do sistema de mercantilización do saber.

A idea de Wikipedia, lanzada en xaneiro de 2001, partiu de Jimmy Wales (EEUU, 1966), un licenciado e máster en Finanzas que, paradoxalmente, creou un sitio web sen ánimo de lucro que se transformou nun dos proxectos máis influentes en todo o mundo, non só desde o punto de vista cultural, como correspondería a unha enciclopedia, senón que en termos controvertidos –desde «homeopatía» ata «Hugo Chávez»– se converteu nun auténtico campo de batalla ideolóxico e político. 

A enorme influencia que ten unha enciclopedia na configuración do pensamento colectivo (outórgaselle máis autoridade a unha enciclopedia que a un xornal ou un libro) obsérvase no impacto na historia da humanidade da publicación da Enciclopedia francesa –a Encyclopédie– de Diderot e D’ Alambert, que significou o triunfo do pensamento libre, do principio secular e da empresa privada. E houbo decisións rompedoras: desde ordenar as entradas alfabeticamente, o que colocou «rei» debaixo de «rata», ata xerarquizar a cantidade de texto de cada entrada ou seleccionar que se definía e que non, a quen se citaba e a quen non.

Así, na entrada de «alma» inseríronse as definicións clásicas e autorizadas de Platón, Aristóteles e San Agustín. Pero, habilmente, aínda que para refutalas, tamén engadiron as doutros intelectuais máis "discutidos" como Epicuro, Hobbes ou Spinoza. Esas citas acabaron coa supremacía da relixión. Obviamente, tivo moitas críticas –foi prohibida pola Inquisición– e desde a monarquía e o clero se presionou aos editores para que cambiasen a súa actitude. Pero a burguesía, que era quen compraba a enciclopedia, quería máis ciencia e tecnoloxía e menos teoloxía. Iso propiciou a caída do Antigo Réxime.

Á marxe de fermosos ideais, que cambiaron a mentalidade occidental, a Enciclopedia tiña outra característica: os seus editores estaban moi orgullosos da cualificación intelectual dos autores das entradas. Desde Rousseau ou Voltaire ata outros menos coñecidos, pero eminencias na súa época como o químico Gabriel Venel, o físico Louis Guillaume Le Monnier, o matemático Guillaume Le Blond ou o arquitecto Blondel, entre outros. Sabían da gran diferenza entre ser especialista ou un simple afeccionado autodidacta.

A enorme influencia que ten unha enciclopedia na configuración do pensamento colectivo obsérvase no impacto na historia da humanidade da publicación da Enciclopedia francesa –a Encyclopédie– de Diderot e D’ Alambert.

Moitos artigos líanse e reformábanse en reunións en casa do barón de Holbach, mecenas da Enciclopedia e autor, baixo pseudónimo, dun polémico libro en defensa do ateísmo, O cristianismo desenmascarado. Á súa casa asistía non só a elite da intelectualidade progresista parisiense, senón estranxeiros da talla de David Hume ou Benjamin Franklin. E non só se discutía o enfoque dos artigos (progresista, laico, racional, humanista...), senón mesmo que artigos se inserían. Non foi fútil que se incluíse a entrada de «ateísmo» e a súa, naquel entón, provocadora definición: "Opinión daquelas persoas que negan a existencia de Deus no mundo". É dicir, non é que se descoñeza a súa existencia, senón que coñecendo a noción de deus, é rexeitada. De aí deriva a separación Igrexa-Estado. Esa entrada, posiblemente, cambiou boa parte da historia de Occidente.

Os enciclopedistas non foron neutrais, senón que tomaron partido a prol da ciencia, a razón, o progreso ou o desenvolvemento económico como fonte de prosperidade e tamén contra a escravitude ou a inquisición. Agora parece obvio, pero no XVIII foi un acto de heroísmo. Isto non ocorre no anonimato que ampara Wikipedia. Existen definicións asentadas que apenas xeran debate. Os tecnicismos –protón, sintagma ou mitocondria– non teñen, en principio, problema ideolóxico. Outros si son controvertidos –transxénico, enerxía nuclear, fracking, etc.–. Existen organizacións –Banco Mundial, Unión Europea, OTAN, CSIC– que poden dar unha versión nos seus sitios web e existe outra na entrada en Wikipedia; ás veces escrita polos community managers das organizacións, pero tamén reeditadas por colaboradores –ou traballadores– que non están de acordo coa "historia oficial". Moitas empresas importantes que, a través da súa influencia publicitaria, controlaban a súa imaxe nos medios tradicionais, agora non poden fiscalizar a versión que delas se ofrece en Wikipedia. Moitas expresaron a súa indignación: desde Standard Oil ata Microsoft.

Outras veces existe unha auténtica batalla de ciencia-pseudociencia en Wikipedia –por exemplo, nos termos «homeopatía» ou «vacina»– e iso, obviamente, tamén ocorre en entradas biográficas, históricas e políticas. Talvez a biografía do pintor Velázquez non xere controversia, pero si a de Felipe II, Francisco Franco, José Luis Rodríguez Zapatero, Felipe González ou José María Aznar.

CRÍTICAS A WIKIPEDIA

No traballo de investigación, Elías e Quian tamén salientan como a principal crítica a Wikipedia, especialmente expresada pola rama científica e enciclopedista máis ortodoxa, cuestiona o rigor dos seus artigos, pero tamén a calidade destes, e apunta á existencia de rumbos, o cal restaría fiabilidade á Wikipedia, en opinión dos seus críticos. Con todo, en decembro de 2005 a prestixiosa revista científica Nature levou a cabo un estudo no que se comparou a precisión dunha mostra de artigos de Wikipedia con outra da Enciclopedia Británica. Os expertos avaliaron 42 artigos sobre temas científicos, incluíndo biografías. Os artigos foron comparados por colaboradores académicos que permaneceron no anonimato, seguindo a práctica común para as revisións de artigos de revistas científicas. A investigación de Nature revelou que os artigos de Wikipedia mostraban de media catro erros ou omisións, mentres que na Enciclopedia Británica a media foi de tres.

Conseguir unha entrada na Enciclopedia Británica era un logro científico ou biográfico notable. Iso non sucede en Wikipedia, onde calquera persoa, empresa, marca ou organización pode ter a súa propia entrada.

O estudo concluíu que Wikipedia se achega á Enciclopedia Británica en termos de precisión das súas páxinas de ciencia. Por suposto, desde a Enciclopedia Británica se criticaron os resultados presentados e acusouse a Nature de publicar un estudo nesgado. As entradas de termos científicos non adoitan ser cuestionables. Non existe un debate sobre o que é mitocondria, mecánica de fluídos ou a contribución de John Dalton ao modelo atómico.

As comparacións entre Wikipedia e a Enciclopedia Británica teñen sido recorrentes. Así, o propio profesor Carlos Elías identificou a principios de 2015 en Wikipedia edicións en 288 idiomas e 34 millóns de artigos, dos que 5 millóns eran en inglés, mentres que a Enciclopedia Británica, que se deixou de publicar en papel en 2012, contaba con só 8.000 artigos electrónicos. É dicir, conseguir unha entrada na Enciclopedia Británica era un logro científico ou biográfico notable. Iso non sucede en Wikipedia, onde calquera persoa, empresa, marca ou organización pode ter a súa propia entrada.

Outro estudo de Epic –consultora de ensino en liña–, en colaboración coa Universidade de Oxford, comparou unha mostra de 22 artigos científicos de Wikipedia en inglés cos seus equivalentes na Enciclopedia Británica, de Wikipedia en español con Enciclonet e de Wikipedia en árabe con Mawsoah e a Enciclopedia Árabe. Os artigos foron entregados a tres expertos nativos en cada unha das linguas para a súa análise tanto cualitativa como cuantitativa. Os resultados suxeriron que os artigos de Wikipedia das mostras analizadas tiñan, en xeral, unha puntuación superior aos das súas contrapartes nos tres idiomas avaliados, cun desempeño especialmente bo en canto a exactitude e provisión de referencias.

Segundo este informe, Wikipedia en inglés compárase positivamente fronte á Enciclopedia Británica en termos de exactitude, referencia e xuízo xeral, cunha pequena diferenza de puntuación entre ambas as dúas en estilo e calidade xeral. Os resultados da comparación entre Wikipedia en español e Enciclonet foron similares. En árabe, os artigos de Mawsoah e a Enciclopedia Árabe superaron a Wikipedia en canto a estilo, pero non se atoparon diferenzas significativas en exactitude, referencias, xuízo nin calidade xeral. Os expertos non consideraron que ningunha das enciclopedias avaliadas fose superior ás demais en canto á posibilidade de cita en publicacións académica.

Aínda que Wikipedia conta cun sistema de regras e procesos de control para tentar garantir calidade e rigor, os wikipedistas admiten a existencia de lixo literario entre os seus millóns de páxinas.

Con todo, hai que ter en conta, primeiro, que ao tratarse dunha mostra tan reducida non se poden xeneralizar os resultados a toda Wikipedia; logo, que o estudo foi encargado pola Fundación Wikimedia, organización matriz de Wikipedia, e finalmente, que sempre se trata de artigos científicos neutros.

LIXO LITERARIO E LIMITACIÓN DE RESPONSABILIDADE

Aínda que Wikipedia conta cun sistema de regras e procesos de control para tentar garantir calidade e rigor, os wikipedistas admiten ser conscientes da existencia de lixo literario entre os seus millóns de páxinas e, por iso, buscan cubrirse as costas cun documento de "Limitación xeral de responsabilidade" que advirte aos usuarios de que "a información que atopen nesta enciclopedia non necesariamente foi revisada por expertos profesionais que coñezan os temas das diferentes materias que abarca, da forma necesaria para proporcionar unha información completa, precisa e fiable". O documento pretende evitar calquera responsabilidade legal derivada da aparición de información inexacta, errónea ou difamatoria, ou do uso que calquera usuario poida facer da información contida nas súas páxinas ou que estea enlazada desde ou cara a elas.

En todo caso, os wikipedistas presumen de que "a maioría das veces" o usuario atopará no seu sitio web "información exacta e valiosa". Con todo, aínda que a maioría dos enganos se detectan rapidamente e teñen pouco impacto en Wikipedia, un pequeno número sobrevive a longo prazo e están ben citados en toda a Web. Son casos como os recollidos na lista de enganos identificados, rexistrados e expostos polos propios wikipedistas.

Cuestionan estes casos a credibilidade e fiabilidade de Wikipedia como fonte de coñecemento? Ou acaso non reforzan a efectividade e o valor da construción colaborativa do coñecemento en aberto? 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta