Acusan á empresa da mina de Touro de "xogar ao despiste" e "ocultar" as dimensións do proxecto

A SGHN cre que os promotores do proxecto empregan "a linguaxe" para "maquillar" as consecuencias do que non consideran unha "reapertura"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2018 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) acusou a Cobre San Rafael, a empresa que tramita o proxecto da mina de Touro - O Pino, de "xogar ao despiste" e usar de forma "equivocada" a linguaxe para "minimizar e ocultar as verdadeiras dimensións" do plan de explotación.

Plano proxecto mina de Touro - O Pino
Plano proxecto mina de Touro - O Pino | Fonte: Europa Press

Así, a través dun comunicado, o colectivo ecoloxista tacha de falso que o proxecto sexa unha "reapertura ou reactivación" da mina de Touro, xa que, segundo datos do plano presentado, "ocuparía 689 hectáreas das cales 492 son hoxe en día masa forestal e terreo agrario, mentres que 197 hectáreas pertencerían á antiga explotación".

"O uso equivocado na linguaxe, neste caso, non é outro que o de minimizar e ocultar as verdadeiras dimensións do proxecto", apunta a SGHN, que engade que "a maioría" da superficie que ocuparía a mina é na actualidade "a base produtiva de moitas explotacións gandeiras".

Ademais, lembran que nos últimos días se produciron verteduras que se repiten desde hai anos, o que está a levar á área de Touro e O Pino a "unha situación insustentable" porque supoñen "unha grave ameaza para a saúde das persoas" e sobre os que, nin as empresas implicadas nin Augas de Galicia "ofreceron a día de hoxe explicación algunha".

VERTEDURAS E SUSTANCIAS PERIGOSAS

A SGHN tamén censura que Cobre San Rafael empregue os medios de comunicación para "maquillar e minimizar algúns dos aspectos máis criticados" do proxecto, ao que se opoñen colectivos veciñais e ecoloxistas, así como algúns partidos políticos.

"No proceso para separar o cobre das rocas previamente moídas contémplase o uso de diversos compostos químicos con distinto grao de perigo para as persoas e o medio ambiente que quedarían indefinidamente almacenados nos denominados depósitos de estériles", indica a SGHN ante as declaracións de fontes dos promotores da mina que aseguraron que "nin os minerais extraídos nin os produtos" empregados para a extracción conteñen "sustancias tóxicas nin perigosas".

Nesta liña, o colectivo ecoloxista destaca "as 2.475 toneladas" dunha sustancia chamada 'isopropil etil tiocarbamato', que define como "irritante, alerxénico e nocivo para as persoas, sospeitoso de causar cancro, nocivo para os organismos acuáticos con efectos a longo prazo e non facilmente biodegradable".

DEPÓSITO

Así mesmo, a SGHN sae ao paso das declaracións nas que Cobre San Rafael asegurou que "non construirá unha balsa de almacenamento de estériles", senón "un depósito estanco" que traballaría "en circuíto pechado", o que "garante ao 100% a ausencia de calquera saída ao exterior".

A Sociedade Galega de Historia Natural indica que os depósitos, que considera "balsa de lodos permanentes", estarán situados "a 200 metros" das vivendas do núcleo de Arinteiro. "Precisamente é nestes 'depósitos' onde quedarían almacenados para sempre as enormes cantidades de material potencialmente xerador de drenaxe aceda de mina", remarca.

Deste xeito, apuntan que, para este tipo de balsas, existe "o risco de rotura dos diques de contención con consecuencias potencialmente moi graves", que podería deixar "unha cifra de entre dez e 100 mortos entre a poboación residente", a "deterioración do hábitat crítico de peces" e "grandes perdas económicas".

"Parece que Cobre San Rafal evita o termo 'balsa' para distanciarse dos problemas e consecuencias negativas que as balsas adoitan provocar na actividade mineira ao descuberto", conclúe a SGHN.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta