O PSdeG expulsa a Antón Barba e estuda vías legais para obrigalo a renunciar á súa acta en Santiago

O grupo socialista na capital galega conta cun edil menos dos que lle corresponden desde maio de 2016.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2018 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

O PSdeG-PSOE estudará as vías legais para que Antón Barba, que foi expulsado como militante socialista, se vexa obrigado a ceder a súa acta de concelleiro no consistorio de Santiago de Compostela, onde o Partido Socialista conta desde hai case dous anos cun edil menos dos que lle corresponden.

Gonzalo Caballero preside a executiva do PSdeG
Gonzalo Caballero preside a executiva do PSdeG | Fonte: Europa Press

A dirección do PSdeG abriu o pasado mes de xaneiro un expediente a Barba que finalmente concluíu coa súa expulsión como militante da agrupación socialista da capital galega, decisión tomada o pasado xoves.

"O partido tomou as decisións que tiña que tomar", declarou este venres en Vigo o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que incidiu en que era necesario "retirar da súa militancia a quen non estaba a ocupar as responsabilidades que lle corresponden".

Antón Barba figurou no quinto lugar das listas do PSdeG-PSOE de Santiago para as eleccións locais de 2015, nas que o Partido Socialista obtivo catro edís.

En maio de 2016, a número dous da candidatura, María José Tobar, renunciou ao seu posto. Desde entón, Barba negouse a tomar posesión da súa acta como concelleiro. Para ingresar na corporación, Barba esixe unha dedicación exclusiva, xa que o seu traballo como funcionario municipal é incompatible con asumir un posto como edil e estaría obrigado a pedir unha excedencia.

O grupo socialista na corporación compostelá só dispón dunha dedicación exclusiva completa, que recae no portavoz municipal, Paco Reyes, co que Barba mantén un enfrontamento desde pouco despois das eleccións de 2015.

"BALEIRO LEGAL"

Unha vez decretada a expulsión da organización, os servizos xurídicos do Partido Socialista están a estudar as vías para facer que Barba renuncie á súa acta de concelleiro e que esta poida ser asumida por outra persona para, deste xeito, corrixir unha situación de inferioridade numérica que afectou ao PSOE santiagués na maior parte do presente mandato.

"Hai un certo baleiro legal no conxunto do Estado. O Partido Socialista está a traballar cos seus servizos xurídicos para que ese baleiro legal poida ser cuberto por algunha resolución da xunta electoral ou a lexislación competente para que ese problema que ocorre nunha cidade, pero que podería ocorrer en calqueroutra, non se volva producir", incidiu este venres Gonzalo Caballero.

Con todo, de conseguir que Antón Barba se bote ao carón e entregue a súa acta de concelleiro ao partido, o PSOE de Santiago afrontaría outra situación incerta, xa que a seguinte persoa que figura na candidatura de 2015, Beatriz Estévez, que milita de forma activa en Podemos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta