Enerwater, mellor proxecto de eficiencia enerxética en Galicia

O proxecto que coordina a Universidade de Santiago de Compostela gaña o Premio Galicia Enerxía 2017.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/03/2018 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

O proxecto Enerwater que coordina a Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de gañar o Premio Galicia  Enerxía 2017 ao mellor proxecto de eficiencia enerxética que convoca o Colexio Oficial de  Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) en colaboración coa asociación homónima. 

Enerwater é a primeira acción do programa Horizonte 2020 que coordina a USC, O seu nome é o acrónimo do proxecto ‘Método estándar e unha ferramenta en liña para a avaliación e mellora da eficiencia enerxética das plantas de tratamento de augas residuais’ posto en marcha en 2015. A profesora Almudena Hospido, integrante do grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC, coordina o proxecto que, co remate previsto para este ano, involucra nove socios, entre universidades e empresas, de Alemaña, Italia, Reino Unido e España. 

As plantas de tratamento de augas residuais representan máis do 1% do consumo de electricidade en Europa, unha das maiores porcentaxes de uso de enerxía entre as industrias públicas. Estas cifras sinalan o punto de partida de Enerwater, que busca definir ferramentas de medición que cuantifiquen o consumo enerxético destas plantas e elaborar normas para comparar e, finalmente, optimizar o seu funcionamento.

Dada a antigüidade de boa parte dos centros europeos dedicados ao tratamento de augas residuais, os integrantes do proxecto prevén unha importante redución do consumo enerxético. Neste senso, as iniciativas a desenvolver entroncan coa actividade que desenvolve o grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC en cuestións como a cuantificación e a redución das emisións directas e indirectas de gases de efectos invernadoiro en diversos sectores industriais.

O xurado dos premios estivo composto polo decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento Díez; o secretario, Julio García Cordonié; o delegado de ICOIIG en A Coruña, Francisco Bello Morano; e o delegado en Santiago, Fernando Blanco Silva, informa a USC.

Encontro de participantes no proxecto Enerwater
Encontro de participantes no proxecto Enerwater | Fonte: USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta