Os pais de Diana Quer insisten en que se xulgue á muller do Chicle

Achegan "novos feitos" ao xulgado aínda que a Audiencia da Coruña decretou o sobresemento provisional ao non atopar "indicios racionais suficientes" contra ela.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2018 | Actualizada ás 11:01

Comparte esta noticia

O avogado dos pais de Diana Quer, Ricardo Pérez Lama, que exerce a acusación particular, achegou "novos feitos" ao xulgado para a reapertura da causa contra a muller do autor confeso da morte da moza, José Enrique Abuín Gey, coñecido como 'o Chicle', após o sobresemento provisional por parte da Audiencia Provincial da Coruña respecto de Rosario Rodríguez ao non atopar "indicios racionais suficientes" sobre a súa participación.

O autor confeso da morte de Diana Quer José Enrique Abuín Gey, 'o Chicle'
O autor confeso da morte de Diana Quer José Enrique Abuín Gey, 'o Chicle'

Nun comunicado, o letrado da familia de Diana Quer explica que no seu momento decidiuse interpor recurso de apelación contra o sobresemento ditado polo xuíz instrutor "ao entender que era unha decisión importante que se adoptou nun momento moi inicial da instrución", segundo remarca, "a sete días de comezar a mesma".

Logo do fallo da Audiencia Provincial, o avogado fai fincapé en que expresamente "este deixa ben claro a posibilidade" de que "poida reabrirse o procedemento en relación a Rosario Rodríguez axiña que se acheguen indicios con entidade suficiente en relación á mesma". Por iso, sinala que "nestes momentos, reveláronse novos feitos que se puxeron en coñecemento do xulgado para que se investigue a veracidade dos mesmos, por se finalmente procedese tal reapertura".

SOBRESEMENTO DA AUDIENCIA

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, confirmou nun auto notificado o luns ás partes o sobresemento provisional da causa con respecto á esposa do sospeitoso da morte de Diana Quer ao entender que non hai "indicios racionais suficientes" sobre a participación da muller do autor confeso da morte da moza, José Enrique Abuín Gey, coñecido como 'o Chicle'.

Así, a Audiencia desestima o recurso presentado polos pais da vítima e entende, do mesmo xeito que o xuíz instrutor, que das dilixencias practicadas até o momento "non se aprecia a existencia de indicios racionais suficientes respecto de participación deliberada da investigada" nos feitos supostamente delituosos.

Neste sentido, no auto, a Audiencia subliña que "isto non exclúe que, no seu caso, de aparecer novos elementos que desvirtúen as razóns aducidas puidese ser reaberto o procedemento".

"O proceso penal serve, non só para preparar o xuízo oral, senón tamén para evitar a apertura de xuízos innecesarios", aclara a Audiencia, para matizar que "a posibilidade de que o instrutor decrete o sobresemento non supón, de ningún xeito, a asunción de funcións propias do órgano de xulgar, senón o correcto exercicio da función de filtro que desempeña esta fase procesual".

As investigacións realizadas "non parecen situala (a Rosario) na noite do 21 ao 22 de agosto de 2016 xunto ao seu esposo", indican os maxistrados no auto. "Das dilixencias practicadas até o momento, non se aprecia a existencia de indicios racionais suficientes respecto de participación da investigada Rosario R.F.", conclúe a Audiencia, que puntualiza que "as dilixencias practicadas non parecen situala na noite do 21 ao 22 de agosto de 2016 xunto ao seu esposo José Enrique Abuín na saída deste do seu domicilio".

TESTEMUÑAS

Deste xeito, a Sala ratifica tamén as consideracións realizadas polo xuíz instrutor de Ribeira (A Coruña) sobre a concorrencia da escusa absolutoria por encubrimento, ao ser cónxuxe do sospeitoso.

Por outra banda, o Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira continúa coa instrución da causa e entre este luns e o pasado venres tomouse declaración a catro novas testemuñas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta