Por Galicia Confidencial | Vigo | 16/03/2018 | Actualizada ás 11:29
A Asociación de Docentes de Portugués en Galicia lanzou unha campaña de sensibilización xunto con axentes educativos, alertando para a necesidade dun ensino "de calidade". Nun comunicado remitido á Axencia Lusa, a asociación explica que a acción pretende denunciar "as condicións de precariedade laboral e de mala xestión en que se encontra actualmente o ensino da lingua portuguesa na Galiza".
A asociación considera "inxusta e prexudicial para a calidade educativa a política de substitución de docentes practicada pola administración educativa galega". "Cando é preciso facer a substitución dun docente de lingua portuguesa no ensino secundario (e até nas escolas de linguas) recórrese á listaxe específica de portugués para Escolas Oficiais de Idiomas (EOI), por orde de posición sen ter en consideración se a persoa ten formación, comprobada, na materia", denuncia a entidade.
SITUACIÓN “INXUSTA E PREXUDICIAL”
Con esta campaña, a asociación de profesores de portugués "pretende alertar sobre este feito e envolver á totalidade dos axentes educativos para a esixencia e regulamentación desta situación inxusta e prexudicial para o ensino da lingua portuguesa na Galiza".
"Consideramos que existe un claro desleixo e unha desvantaxe comparativa a outras linguas estranxeiras, igualmente opcionais. Este conxunto de circunstancias incide directamente sobre a calidade do ensino/aprendizaxe dos alumnos", sustenta a asociación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.