Gonzalo Caballero esixe a Feijóo que "abandone a Rajoy" e "se poña ao lado" dos pensionistas galegos

O socialista tamén reclama ao presidente da Xunta que ten que "dar unha solución" no conflito de xustiza.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2018 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o PPdeG que "abandonen a Rajoy e se poñan ao lado" dos pensionistas galegos, que "teñen pensións máis baixas que o resto do Estado".

Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

A preguntas dos medios este venres antes de participar nunhas xornadas socialistas sobre pesca no Parlamento, Caballero denunciou que "a dereita está a desfacer o sistema público de pensións", polo que cre que Feijóo e o PPdeG "deberían retirar o seu apoio en materia de pensións a Rajoy e deberían porse ao lado dos pensionistas galegos".

Neste sentido, lembra que Galicia "ten máis xente maior que o resto de comunidades do Estado" e "ten unhas pensións máis baixas que na media do Estado". Por iso, o líder socialista garante que a defensa do sistema público de pensións e a súa revalorización "vai estar na folla de ruta do PSdeG".

Así mesmo, Gonzalo Caballero informou de que participará na mobilización en apoio a pensionistas que terá lugar este sábado en Vigo, mentres os distintos cargos socialistas galegos estarán nas diferentes concentracións que se celebrarán en Galicia.

FEIJÓO TEN QUE "DAR UNHA SOLUCIÓN" NA XUSTIZA

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou o xoves que non podería "explicar" aos pensionistas galegos "unha subida" salarial "do 13 por cento" aos funcionarios de xustiza, que están en folga indefinida desde o pasado 7 de febreiro.

Preguntado por estas palabras, Caballero lamentou que Feijóo "nin é capaz de dar solución ao problema da xustiza nin atende ás demandas dos pensionistas". Achaca esta cuestión á "falta de capacidade de xestión" do presidente da Xunta, así como "de entender o que lle está reclamando o país", cun "alto nivel de mobilización nas rúas".

A continuación, o secretario xeral do PSdeG avisou de que Núñez Feijóo "ten que facer os seus deberes", de forma que "ten que reunirse cos traballadores da Xustiza para darlles unha solución".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Aposentado

Eu fui ontem a uma manifestação em pontevedra pela segurança das aposentadurias é o limiar máis berrado era " Rajoy ladrão fainos suba e mantem as nossas pensiãos".