Canibalismo na Academia

Ferrín, vítima da escalada nas liortas no mundo da cultura.

Por Horacio Vixande | Vigo | 26/03/2018

Comparte esta noticia

No puticlub de Tabernas 11, a mafia piñeirista prepara un estufado de Méndez Ferrín para comelo con cachelos. O homenaxeado marea a perdiz e parece que non quere entrar na ola exprés —xa se sabe que non che son da nouvelle cuisine e prefiren o fast food, aínda que, todo hai que dicilo, o canibalismo é gastronomía.

Na Academia hai persoas moi ben alimentadas, mais seica non abondan os manxares dos que gozan e agora queren dar conta do autor de Con pólvora e magnolias. É o que teñen as vacas sagradas: son moi apetecibles.

Pouco importa que Ferrín xa pagase polos seus pecados ao deixar a presidencia da Academia. Tampouco é relevante que pasaron os tempos de purgas e depuracións. Hai que darlle unha lección ao vello e deixar claro quen manda aquí e de quen é a propiedade do lupanar.

Agora ben, ollo coas enchentes! Mellor é ter a man unha cunca con macela que rematar a noite coa cara pousada no rebordo da cubeta do váter.

E mentres os larpeiros preparan a paparota, a xente contempla con estupor as navalladas nunha institución histórica. Había tempo que as liortas bizantinas formaban parte da paisaxe, aínda que até o momento mantivéranse certas formas. Mais agora estamos diante do que parece ser unha escalada bélica que anticipa unha Academia que ventila as súas diferencias pola forza bruta, na que o piñeirismo prescinde da pel de año a preséntase como un lobo famento e vingativo.

Un consello ao resto do rabaño: permanezan atentos, que como o guiso saia ben, haberá un banquete cada trimestre e parece que nesta Academia non hai moito vegano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.