Catalunya: Parece unha negociación

Máis perto a reforma constitucional que o referendo pactado

Por Horacio Vixande | Vigo | 17/10/2017

Comparte esta noticia

Os últimos acontecementos en Catalunya a min parécenme os primeiros pasos dunha negociación. Cando os conflitos están a piques de entrar nun camiño sen retorno, os primeiros compases da negociación emiten sinais ben sutís porque non se pode pretender desactivar un conflito da noite para o día: é necesario un proceso que estableza un marco negociador cunha mínima confianza.

En xeral, os inicios de negociación consisten unha declaración de intencións das partes e un paso atrás case imperceptible. Eis o que vimos de ver. Carles Puigdemont proclamou a vontade de independencia de Catalunya, e acto seguido deixou en suspenso a declaración. Mariano Rajoy proclamou a intención de impoñer o marco constitucional e o artigo 155 e, acto seguido, condicionou este último a que Catalunya siga adiante.

Ambas partes tamén enunciaron as súas pretensión no momento de elaborar a axenda da negociación. Puigdemont pretende, baixo arbitrio internacional, negociar de igual a igual un referendo pactado, como manifestou diante do Parlament. Rajoy, en troques, abriu a porta da reforma constitucional; ése é o ámbito de negociación proposto, no que non caben mediadores alleos y no que Catalunya é un actor máis, xunto a Goberno e partidos políticos: é a maior concesión que está disposto a facer.

Se repasamos a historia recente, podemos ver que a mediación internacional só se produce en casos de conflitos de moita maior intensidade. Deuse, por exemplo, entre Palestina e Israel ou entre Colombia e as FARC, pero non se produciu en Irlanda do Norte ou en Suráfrica. O Estado español aínda ten suficiente control sobre o territorio de Catalunya como para non permitir que terceiros fagan de árbitros. Tal control, que a Audiencia Nacional manda ir a Madrid a declarar a destacados dirixentes da sociedade catalá e estes van. E que dicir de ETA? O Estado non deu ningún papel á Comisión Internacional de Verificación nin permitiu inxerencias externas.

Tras os primeiros acenos negociadores, o seguinte episodio foi unha xogada hábil por parte de Rajoy: preguntarlle a Puigdemont si declarara a independencia, porque este último ten que responder que non se quere sentarse á mesa de negociación. Ademais, terá que aceptar que o marco de diálogo é a reforma constitucional. Foi unha sorpresa a xogada de Rajoy porque, até o momento, o Estado actuou con absoluta torpeza e mesmo quedou en ridículo ao ser incapaz de atopar unha soa urna antes de celebrarse o referendo e ao botar man da policía para reprimir unha manifestación política de carácter pacífico.

Para que Catalunya e o Estado dialoguen de ti a ti, é preciso que a resposta de Puigdemont a Rajoy sexa si e que o conflito dea un paso á fronte, constituíndose a República catalá, para o que a Generalitat tería que demostrar control sobre o territorio. Nese momento as condicións poríaas Catalunya. Penso que non é o caso.

Ao longo deste proceso tense mencionado o xogo da galiña: aquel segundo o que senllos actores (Estado e Catalunya) a bordo dun automóbil diríxense a toda velocidade cara un cantil. Quen será o primeiro en abandonar a viatura? Foi Puigdemont, o que en principio significa que non está en condicións de seguir adiante no proceso de independencia, ben porque non confía nas súas forzas, ben porque ten outro obxectivo en mente. Non estou na cabeza de Puigdemont, pero entre os seus outros obxectivos posibles está a de cargarse de razóns que o lexitimen internacionalmente. Estráñame que arriscase a unidade independentista para facer esa cabriola, sobre todo porque darlle un impulso agora o conflito —tras o paso atrás— pode resultar difícil, xa que medrou o desánimo nas súas filas.

Volvamos a repasar a historia recente. Cando se iniciou o proceso de reforma do Estatut de autonomía en 2005, as forzas parlamentarias aprobaron un texto impulsado polo Goberno Tripartito de esquerdas que foi rebaixado en Madrid e que posteriormente foi retocado en petit comité entre José Luis Rodríguez Zapatero e Artur Mas. Aquela xogada non lle gustou a ERC, mais o pobo aprobou o texto en referendo e CiU recuperou así a a centralidade no sistema político catalá. Que é máis doado, que Puigdemont conduza a Catalunya a un conflito incerto ao proclamar a independencia ou que pacte unha reforma constitucional na que o PDeCAT recupere a centralidade no sistema político catalá?

Hai moitos riscos nesta operación. Quen lle garante a Puigdemont que non se inician procesos xudiciais contra os independentistas? Esa é unha debilidade negociadora de Puigdemont. Ademais, está a posibilidade de sabotar o proceso por parte da ultra dereita impulsando procesos xudiciais. Todos aqueles que falan de “tregua-trampa” (si, o que dicía Mayor Oreja sobre ETA), os defensores da policía patriótica, os aznares e compañía, cos seus brazos mediáticos, policiais e xudiciais, están especialmente cómodos na confrontación e interesaríalles fomentar detencións e axuizamentos para sabotar o proceso negociador e abocar a Catalunya a retornar á vía independentista coas forzas xa minguadas.

Por esta razón, a negociación da reforma constitucional probablemente traería consigo unha amnistía para protexer aos sectores independentistas que participasen na reforma. É unha baza negociadora de Rajoy, aínda que adiantar isto é precipitado.

Xa postos, especulemos sobre os puntos a tratar nesa reforma. O principal aspecto a modificar na Constitución sería a organización territorial —aí sería interesante a participación galega, aínda que fose tragando sapos—, mediante unha ampliación de competencias e certo recoñecemento das nacións. Tamén se produciría algún grao de ampliación nos dereitos sociais e civís.

A quen beneficia todo isto? Sobre todo aos actores políticos participantes, xa que pasarían a ser parte central do sistema resultante. Para o PP é unha oportunidade de desfacerse de contrincantes, nomeadamente Aznar e Ciudadanos, que quedarían fóra vociferando contra o incremento das competencias de Catalunya, Euskadi e Galiza. Para o PSOE sería a oportunidade de recobrar impulso. Para Podemos, significaría asegurar a súa supervivencia a medio prazo. Para o nacionalismo periférico, sería evitar as catacumbas.

Agora, para o Govern catalá iníciase unha etapa incerta, condicionada pola inestabilidade debido aos abandonos que se produzan entre os que consideren que o proceso entra nunha etapa de aggiornamento. Penso que non haberá eleccións porque serían politicamente un desastre. O PDeCAT perdería moitos representantes, ERC aumentaría deputados pero non podería aglutinar unha maioría independentista e en conxunto o Parlament tería unha composición que dificultaría a formación de maiorías estables nun momento no que é necesaria unha voz catalá nítida que participase no proceso de reforma constitucional. Hai que ter en conta que ao Estado tampouco lle interesa pechar o conflito en falso. Se Catalunya non obtén unha resposta minimamente satisfactoria na reforma constitucional, á volta de poucos anos estariamos nas mesmas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA