Desobediencia civil: da mili ao referendo

No Estado español os defensores da lei son inmobilistas e só a desobediencia serve para mudar as cousas

Por Horacio Vixande | Vigo | 28/09/2017

Comparte esta noticia

A estas alturas, dá risa escoitar aos que se acubillan detrás da lei e da Constitución para rexeitar o referendo previsto en Cataluña o 1 de outubro. Risa, digo, porque no Estado español a lei e a Constitución son garantía de inmobilismo e reacción. A Constitución establece a “soberanía nacional” residente no “pobo español” como actualización da “unidade de destino no universal”, é irreformable na súa parte política porque precisa de maiorías moi cualificadas e está secuestrada pola oposición sistemática do Partido Popular. Non existe división de poderes porque o lexislativo e o xudicial están ao servizo do executivo. A xustiza só se renovou bioloxicamente, mais conserva o seu cerne franquista intacto porque o acceso á mesma está controlado por unha secta católica ao que está afiliada a maioría da xudicatura. Non falemos dos tribunais Supremo e Constitucional, compostos por afectos aos dous partidos do sistema. Este é o marco no que nos movemos. A Constitución nega o dereito de autodeterminación e no seu artigo 8.1 establece que “as Forzas Armadas, constituídas polo Exército de Terra, a Armada e o Exército do Aire, teñen como misión garantir a soberanía e independencia de España, defender a súa integridade territorial e o ordenamiento constitucional”, redacción case cuspidiña do artigo 37 do franquista Fuero de los españoles.

Ante esta situación, que saída lle cabe a Cataluña? A miña xeración aprendeu que a desobediencia civil é a única vía que existe en España para rematar coas inxustizas. O referendo do 1 de outubro non é máis que un acto de desobeciencia civil.

A desobediencia civil rematou coa mili. Mais, antes, centos de persoas tiveron que pasar pola cadea. A desaparición da mili nin sequera entraba en contradicción coa Constitución, mais o Estado e os principais partidos (PSOE e PP) opúñanse a calquera cambio e non falaban máis que da lei. Só cando o sistema estaba completamente desbordado e o Exército non conseguía incorporacións a filas, a Aznar non lle quedou máis remedio que decretar o fin do servizo militar obrigatorio. Pregúntome que lle diría entón Pablo Iglesias aos insubmisos que ateigaban as prisións: o fin da mili hai que pactalo?

Risa tamén dá o cinismo dos que denuncian un referendo sen garantías, como se os promotores do mesmo non fixeran nada para establecer un sistema de garantías que logo foi cercenado polo Estado para poder casar o seu argumentario.

E por último prodúceme certo asombro ver a inxeniudade dos independentistas cataláns, que parecen pensar que o pobo unido xamais será vencido. Como non se poñan serios e aposten por unha mobilización masiva, van laminalos. É o que están agardando a facer os fillos políticos de Jose Antonio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.