Suspendidas pola folga da Xustiza as comparecencias do accidente de Angrois

O vindeiro mércores constituirase no Congreso a comisión de investigación, bloqueada durante meses por falta de acordo sobre a presidencia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2018 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

A folga de empregados públicos da xustiza galega levou a suspender tamén as últimas comparecencias de peritos previstas polo xuíz que investiga o accidente do tren Alvia, ocorrido en xullo de 2013 en Angrois (Santiago), onde morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas.

Avogados de vítimas e do maquinista do caso Angrois
Avogados de vítimas e do maquinista do caso Angrois | Fonte: Europa Press

Unicamente se produciron as declaracións de tres técnicos da unión temporal de empresas (UTE) que abasteceu á liña do sistema de control, mando e sinalización, dentro dun calendario que terminaba este mércores 18 coas ratificacións por parte de Antonio Puyol e Esther Mateo, que realizaron peritajes por encargo de Adif.

Para a semana pasada estaban previstas tamén as comparecencias de Ángel Luís Sanz e Pilar Calvo, que elaboraron informes sobre sinalización e achega do factor humano para o avogado do maquinista, que aquel día chegou á curva da Grandeira cun exceso de velocidade debido a que atendeu unha chamada telefónica do interventor.

Ademais do condutor do convoi, están investigados na causa dous altos cargos de Adif, un de Renfe e tres membros da consultora Ineco. Está por ver que sucede con todas as declaracións suspendidas polo paro de funcionarios de xustiza, entre elas a do segundo investigado de Adif, que se sumou ao que fora director de seguridade na circulación, Andrés Cortabitarte.

COMISIÓN PARLAMENTARIA

O que si terá lugar este mércores 18 é a constitución da comisión de investigación parlamentaria sobre o sinistro, seis meses e medio despois de aprobarse no pleno do Congreso dos Deputados, tempo no que estivo bloqueada debido á falta de acordo sobre quen a presidiría.

Esta comisión foi a principal reivindicación desde un principio da plataforma de vítimas. Coincidindo coa reunión que a presidenta das Cortes, Ana Pastor, mantivo a semana pasada co seu presidente, Jesús Domínguez, transcendeu que volvía cobrar forza a candidatura para presidila de Feliu Guillaumes, do PDeCAT; con PSOE, Unidos Podemos e Cidadáns abertos a apoiala.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Fernando G

Unha vez mais quedou claro como a Xustiza protexe ao delincuente.