Impacto económico do Xacobeo: non tanto como se dixo

Os resultados dun estudo realizado por economistas holandeses rebaixa as cifras do impacto do Ano Santo 2010 á metade.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/05/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

En outubro de 2009, as previsións do por entón conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela (PP), eran que o Xacobeo 2010 tería un impacto na economía galega de 200 millóns de euros e do 0,5% sobre o Produto Interior Bruto (PIB). En marzo de 2010, co Ano Santo xa iniciado, o BBVA publicaba un estudo que situaba o volume de gasto dos visitantes entre 275 e 370 millóns de euros ese ano, e un incremento do PIB galego entre 5 e 6 décimas. E un estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), froito da colaboración con Turismo de Galicia, revela agora que cada peregrino xera até un 18 por cento máis de emprego que un turista nacional ou estatal. Pero, cal é o impacto real dun Ano Santo na economía galega? Segundo economistas holandeses, entre 60 e 100 millóns de euros

Peregrinos en Santiago de Compostela
Peregrinos en Santiago de Compostela | Fonte: pxhere.com

Investigadores da Vrije Universiteit Amsterdam, NHTV Breda University of Applied Sciences e da Wageningen University calcularon o impacto económico das peregrinaxes a Santiago de Compostela en 2010. Mediante os modelos matemáticos aplicados, atoparon que os gastos de peregrinación xeraron aquel ano entre 59,750 millóns e 99,575 millóns de euros de Valor Agregado Bruto (achega ao PIB).

Os cálculos dos economistas sitúan, ademais, entre 1.362 e 2.162 os postos de traballo creados grazas á celebración do Xacobeo.

O escenario máis optimista destes cálculos —case 100 millóns de euros e 2.162 postos de traballon creados— dáse se os peregrinos gastan unha media de 500 euros na súa viaxe.

A maior parte do impacto económico concentrouse no sector do pequeno comercio e servizos de viaxes, pero tamén se beneficiaron dos gastos dos visitantes a industria e manufactura, servizos e sector financeiro e inmobiliario.

En 2011, unha vez concluído o Ano Santo, de novo o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, estimou que o impacto do Xacobeo sobre o PIB galego fora de entre o 0,3% e o 0,4% —por debaixo das previsións do propio Goberno galego e das do BBVA—. O certo é que en 2010, o PIB creceu tan só un 0,3% respecto a 2009, elevándose a 57.025 millóns de euros. Isto quere dicir que, no mellor dos escenarios plantexados polos economistas holandeses, o Xacobeo contribuíu con tan só o 0,17% do PIB galego, a metade do calculado pola Xunta de Galicia.

O estudo, titulado 'The Economic Impact of Pilgrimage: An economic impact analysis of pilgrimage expenditures in Galicia', publicouse recentemente no International Journal of Religious Tourism and Pilgrimage.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta