Temas: PENSIóN

Os pensionistas galegos seguen sendo os que menos cobran do Estado

Un pensionista de Galicia cobra 150 euros menos ao mes que outro do conxunto de España. Na provincia de Ourense a diferencia é de 250 euros.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/04/2018 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

A pensión media creceu un 2% en abril en Galicia con respecto ao mesmo mes do ano anterior, pero segue estando moi lonxe da media estatal. De feito, un pensionista galego cobra 790,81 euros, fronte a un o resto de España que cobra 934,63 euros, segundo os datos que publica este luns o Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Deste xeito, a contía media da pensión na comunidade galega supón un 84,6% da pensión media estatal. Só Estremadura, con 775,7 euros, ten unha pensión media inferior á de Galicia.

Mobilización pensionistas xubilados en Santiago
Mobilización pensionistas xubilados en Santiago | Fonte: Europa Press

Por provincias, na Coruña e Pontevedra supera os 830 euros, mentres que en Lugo queda en 702,16 euros e en Ourense a cifra é de 681,62 euros. O número de pensións en abril na comunidade autónoma foi de 760.977, o que representa un 7,9% do conxunto do sistema e supón un repunte de catro décimas en comparación co mesmo mes de 2017.

A repartición é de 69.958 pensións por incapacidade permanente, por un valor medio de 843,78 euros; 473.961 de xubilación, por 901,06 euros e 186.905 de viuvez, por 554,59 euros. Tamén hai 23.801 de orfandade, por un importe medio de 376,68 euros e 6.352 por favor de familiares, por 483,66 euros. En Galicia, as pensións con complemento a mínimos son 236.189, delas 89.130 na provincia da Coruña, 66.474 en Pontevedra, 41.351 en Ourense e 39.234 en Lugo.

CONXUNTO ESTATAL

A Seguridade Social destinou neste mes de abril a cifra record de 8.965 millóns de euros ao pago das pensións contributivas, un 2,9% máis que no mesmo mes de 2017, segundo datos publicados este luns polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

O número de pensións avanzou en abril un 1,0,7% respecto ao mesmo mes de 2017, até 9.592.024 pensións, novo record do sistema. Aínda que a taxa de crecemento interanual de abril non é das máis altas dentro na serie histórica da última década, con ela xa se acumulan 27 meses consecutivos de crecementos superiores ao 1%.

En termos mensuais, o número de pensións incrementouse un 0,08%, con 8.407 novas pensións respecto das que se pagaban en marzo. A pensión media de xubilación situouse ao comezo do presente mes en 1.080,52 euros mensuais, un 1,9% máis que en igual mes de 2017.

Pola súa banda, a pensión media do sistema, que comprende as distintas clases de pensión (xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares) situouse en abril en 934,63 euros mensuais, o que supón un aumento interanual do 1,8%.

Temas: PENSIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta