A renovación da flota de autobuses de Galicia proposta pola Xunta afectará a 5.000 traballadores

O Goberno galego di que o seu plan garante "estabilidade laboral" e inclúe o deseño dun sistema de control de alumnos no transporte escolar. Ten previsto renovar 1.400 liñas para decembro de 2019.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/04/2018 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

A renovación de 1.400 liñas de autobuses cuxa implantación está prevista pola Xunta para decembro de 2019, coa intención de permanecer durante un prazo de 10 anos que pode chegar a alcanzar os 15, implicará a modernización de 3.000 vehículos e afecta a 5.000 postos de traballo.

Ethel Vázquez e Ignacio Mestre
Ethel Vázquez e Ignacio Mestre | Fonte: Europa Press

A todos estes empregos, o Goberno galego ofrécelles "estabilidade laboral" mediante a "blindaxe" das cláusulas sociais que pactou o ano pasado cos sindicatos CC.OO. e UXT, para pór fin a unha folga indefinida no sector.

Uns 10 meses despois daquel conflito, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presentaron en rolda de prensa o inicio do primeiro de dous procesos de información pública aos que someterá o Executivo esta segunda fase do plan do transporte público de Galicia, coincidindo coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Maestro lembrou que este plan trae causa de lexislación europea, pero tamén da sentenza do Tribunal Supremo que en 2016 anulou a prórroga das concesións do transporte público na comunidade. Respecto diso, reivindicou "cumprir" o compromiso adquirido de ter publicado en abril deste ano o documento basee do plan de transporte público de Galicia. Ademais, mencionou o "imprevisto" que supuxo a renuncia de empresas aos contratos relativos a 600 liñas, o que "obrigou" a licitar a primeira fase o pasado ano, cun prazo máximo que leva até agosto de 2019.

Deste xeito, o novo proceso articularase ao redor de dous grupos: o primeiro fixado para agosto de 2019, que incumbe ás 800 liñas adxudicadas o ano pasado; e o segundo para decembro dese mesmo ano, para as outras 600 que veñen da prórroga.

Autobús de Empresa Gavilanes
Autobús de Empresa Gavilanes | Fonte: Glen Wallace wikimedia

O cronograma da consellería contempla para o segundo trimestre de 2018 o traballo de campo e reunións individuais con todos os concellos. Para o terceiro márcase o diagnóstico da situación actual e no cuarto aspira a elaborar os anteproxectos de explotación.

Xa durante 2019, quere pór a información pública o primeiro grupo de anteproxectos de explotación e licitar o primeiro grupo de contratos (primeiro trimestre) e sacar a información pública o segundo grupo de anteproxectos (segundo trimestre). No verán de 2019 espera a posta en marcha do primeiro grupo de contratos e a licitación do segundo grupo de contratos, mentres que para decembro pretende a posta en marcha do segundo grupo de contratos e, en consecuencia, a da totalidade do plan.

Dentro do obxectivo de modernizar o sistema de explotación e toda a frota (3.000 autobuses), o director xeral informou de que se deseñará un sistema de control de alumnos para o transporte escolar, que adoptará a forma dun cartón, pulseira ou similar, cun código 'QR' ou un chip "aínda non desenvolvido", pero que se fixará en sistemas pilotos que xa funcionan noutras zonas.

O "ÉXITO" DE "MOI POUCAS" CHAMADAS A DEMANDA

Despois do referido pola conselleira a semana pasada no pleno, e o acordo do Consello do pasado xoves, o responsable de Mobilidade fixo balance de nove meses na súa comparecencia.

Con 4 millóns de viaxeiros (un incremento "por encima" do 5%), un 37% máis de quilómetros, a multiplicación por tres do número de paradas e a redución de tarifas que nalgúns casos chegou até o 80%, a titular de Infraestruturas cualificou os datos de "satisfactorios".

Ela mesma resaltou que o bus compartido favoreceu o uso de prazas baleiras do transporte escolar por 90.000 usuarios, uns 2,5 millóns de quilómetros de viaxes e "cero incidencias". O transporte a demanda, co interese de que "non circulen autobuses baleiros", saldouse con 750 chamadas desde Nadal até o pasado 31 de marzo. Segundo Ignacio Maestro, aínda que sexan "moi poucas", isto non é un fracaso senón "un éxito". Pola súa banda, a conselleira sinalou que no proceso que continúa a Xunta analizará convenios con taxistas.

CONCELLOS E DEPUTACIÓNS

"Envorcados" na segunda fase, Ethel Vázquez chamou a atención sobre o "transparente" do procedemento, coa apertura dun prazo de 20 días hábiles para que os interesados trasladen achegas.

Ademais, instou a Pontevedra e a Ferrol a ser "responsables" e que "aproveiten esta reorganización" para implantar o transporte urbano, "obrigación legal" para cidades de máis de 50.000 habitantes. Ás deputacións tamén lles requiriu "que se impliquen".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta