Temas: XUSTIZA FOLGA USO

SPJ-USO, organización maioritaria recoñece a votación en Xustiza e considera seguir dialogando

Os sinditacos CIG, Alternativas da Xustiza-CUT e STAJ piden retomar as negociacións a partir deste mércores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2018 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

Os sindicatos Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e CIG fixeron un chamamento á Xunta e ao resto de organizacións do comité de folga da xustiza --SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO.-- para manter unha reunión o vindeiro mércores, día 2 de maio, e retomar as negociacións que permitan pór fin ao paro indefinido no sector.

Sindicatos e traballadores reunidos este luns nos xulgados de Santiago
Sindicatos e traballadores reunidos este luns nos xulgados de Santiago | Fonte: Europa Press

As tres organizacións sindicais que rexeitan a actual proposta da Administración ofreceron este luns roldas de prensa nas cidades da Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, nas que aseguraron que, se a Xunta acepta "sentar e negociar sen levantarse da mesa", estarían dispostos a "interromper" o paro indefinido "durante a negociación".

Así, nunha comparecencia ante os medios celebrada na capital galega, o portavoz de STAJ, Enrique Araújo, considerou que, a pesar de que "estaba todo preparado" polos catro sindicatos que aceptaban a oferta da Xunta para que "saíse o si", os traballadores rexeitaron o acordo, un resultado que, na súa opinión, SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO. "non están a asumir".

"Este catro sindicatos están a facerlle o xogo á Xunta, están coa Xunta para anular unha votación que quedou clara. O colectivo quere unha mellor proposta e loitar por ela", manifestou. Por iso, considerou que tanto a Administración como SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO. deben "asumir que ese é o resultado" e "porse a negociar para buscar unha solución acordada". Pola súa banda, noutra rolda de prensa celebrada na Coruña, Óscar Freixido (CIG) considerou necesario chegar a un acordo que "satisfaga" a todas as partes e "non a catro" de forma que o conflito "non se peche en falso" e permita a "paz social" no sector.

Ademais, do mesmo xeito que Araújo, tamén fixo un chamamento á "unidade de acción sindical" para conseguir unha saída á folga indefinida que xa se alarga máis de dous meses e medio despois do seu arranque o 7 de febreiro.

CONTINUIDADE DA FOLGA

Tamén este luns compareceu ante os medios o portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT, Pablo Valeiras, quen destacou que as tres organizacións que rexeitan a actual oferta da Xunta si teñen "intención de chegar a acordos" a pesar de que moitos as califiquen de "radicais". Con este obxectivo, este mesmo luns presentaron por rexistro en San Caetano a petición de reunión.

Deste xeito, Valeiras chamou á Xunta a aceptar reunirse o vindeiro mércores, un encontro no que, segundo indicou, estaría presente UXT. "Seremos polo menos catro sindicatos e xa non seremos minoría nesa reunión", manifestou.

Ademais, anunciou que, se a Administración autonómica acepta "sentar e negociar sen levantarse da mesa", CUT, STAJ e CIG estarían dispostos a "interromper a folga durante a negociación". "Esta é a demostración de que queremos pór fin ao conflito e desfacer o mito creado por Rueda e Feijóo de que somos uns radicais que queremos alargar a folga até unhas novas eleccións", subliñou.

COMUNICADO DE SPJ-USO

Pola súa banda, o sindicato maioritario no sector, SPJ-USO remitiu un comunicado aos medios no que recoñece unha "vontade maioritaria" dos traballadores --52,8%-- de "rexeitar a proposta" sometida a sufraxio e de continuar en situación de folga.

Este feito, segundo indica, obriga a "solicitar da Xunta que continúen as negociacións", unha petición que se compromete a trasladar á Xunta. "Que non caiba dúbidas de que SPJ-USO continuará traballando pola mellora dos funcionarios da administración de xustiza. E ímolo a facer pegándonos, como até agora, á vontade da xente e en solidariedade con ela", apuntou.

Con todo, no comunicado no que avanza que "seguirá negociando" até alcanzar unha proposta que sexa aceptada maioritariamente, cualifica de "incomprensible" a actitude de "determinados sindicatos" e o "ambiente de tensión e condicionamento" da libre vontade vivido nas asembleas do pasado venres.

Neste sentido, SPJ-USO, que nega "asinar ás furtadelas pacto algún para acabar coa folga", sinala que toda proposta que se considere "digna" debe ser sometida "á decisión" do colectivo, "democraticamente expresada e ratificada mediante votación".

"É por esta motivación que non entendemos por que algúns sindicatos se empeñaron, dunha maneira tan incomprensiblemente belixerante, en impedir, primeiro e, logo, en obstaculizar que o colectivo poida pronunciarse dunha maneira libre e soberana sobre a proposta que se lle someteu a referendo".

Temas: XUSTIZA FOLGA USO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eu mesmo

Os da UGT son especialistas en violar acordos. Pr exemplo, no sector da banca, alá polo 1988, nun referendo os traballadores decidiron rexeitar a oferta da patronal. O representante de UGT, o canario Justo Fernández, asinou o acordo que as plantillas rexeitaran. Pouco despois prexubilouse e pasaou a ser tertuliano da COPE. Nin UGT nin CCOO son de fiar...