Lores, camiño de converterse no Fraga do BNG

O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, preséntase a un sexto mandato porque "aínda ten moito que achegar a Pontevedra". Defende a figura de Pontón e critica a Rajoy de quen di que é "doutra Galaxia". Preguntado se fai falla máis autonomía ou máis independencia, asegura, que "esa non é a cuestión".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2018 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, vai camiño de converterse no Manuel Fraga do BNG. Logo de 21 anos no cargo, aspira a presentarse ao que sería o seu sexto mandato. O BNG tivo que cambiar parte do seu regulamento interno para permitir máis de oito anos no mesmo cargo público. Unha decisión acertada para o rexedor que se amosa "convencido" de que tanto el como o seu equipo teñen aínda moito que achegar e que "son necesarios, non imprescindibles, pero si necesarios".

Miguel Fernández Lores
Miguel Fernández Lores | Fonte: Europa Press

"Eu creo que hai un argumento futbolístico que é o que máis se entende, se funciona un administrador ou un adestrador, imos cambiar mentres se gañan ligas ou Champions e as cousas funcionan?", argumenta, para engadir a continuación que na defensa da limitación de mandatos o que existe, "no fondo", é unha "mala conciencia de certa xente" que cre que "o poder corrompe". E puntualiza: "Eu creo que o que se quere corromper corrómpese en tres ou seis meses, e non fai falta estar dez ou 20 anos para corromperse", "é un erro a limitación de mandatos".

Lores defende así a súa candidatura a un sexto mandato alegando ademais que aínda ten moito que achegar a Pontevedra. "Teño ese compromiso de seguir mentres vexa que se poidan facer cousas interesantes e que se poida avanzar, mentres lle sigamos subindo a paletilla á xente, eu seguirei achegando o que poida, cando perciba que a xente que me rodea me diga que é mellor que che vaias de viaxe por aí para traer información do que se fai, espero saber marchar a tempo", admite.

Desde o inicio da súa etapa como alcalde á fronte do concello de Pontevedra Lores non contou con maiorías absolutas, liderando entre 1999 e 2015 gobernos de coalición e un con minoría desde as últimas municipais, pero se amosa favorable a "dialogar" e a unha situación de minoría que obriga a "repensar as cousas".

CRÍTICAS A RAJOY

Lores non aforrou críticas contra o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, co que asegura ter unha relación "inexistente" porque entende que está "noutra galaxia" e ignora aos pontevedreses e ao seu goberno local. Nunha entrevista na Cadena Ser recollida por Europa Press, Lores mostrouse tallante ao afirmar que Rajoy "se estivese calado, sería mellor" e contrapuxo a ausencia de trato con el á "relación normal" que mantén, en cambio, coa exministra e presidenta do Congreso, Ana Pastor.

"Cando aquí só vén de vacacións, ou só aumenta a concesión de Ence, ou cando se lle convida a visitar o seu concello e di que xa veremos. Teño unha relación normal con Ana Pastor, pero con este señor é imposible, debe estar noutro mundo, ou noutra galaxia, como é que o presidente dun país non chame ao alcalde da súa cidade", remarcou.

En cambio, confronta esta situación coa relación non só con Ana Pastor senón tamén co seu marido, José Benito Suárez, presidente da Autoridade Portuaria de Marín e un dos nomes que soa como posible candidato do PP á cidade de Pontevedra. Unha posible candidatura que a Lores "lle parece estupenda", por ser "unha persona afable coa que se pode falar", aínda que desliza que non lle ve "moito ánimo de enfrontamento electoral", pero "alá el".

O BLOQUE, NA "LIÑA CORRECTA" CON ANA PONTÓN

O triunfo nos case últimos 20 anos do BNG en Pontevedra non se trasladou, con todo, a outros puntos da xeografía galega, aínda que Lores cre que "todo se andará", coa formación na actualidade avanzando "na liña correcta" e facendo as cousas "ben". "Sinto moi ben representado por Ana Pontón como portavoz nacional", engade con rotundidade.

Lores enlaza o discurso de defensa da política do BNG co impulso nos últimos anos de Pontevedra, e a necesidade dunha maior "confianza" nas posibilidades de Galicia. "Canto máis viaxo, máis orgulloso estou disto, pero se a xente que goberna non ten confianza e o de fóra é mellor, isto non sae adiante", asegura, para engadir que, a "sétima cidade de Galicia, triste" que era Pontevedra ao comezo dos seus mandatos como alcalde, transformouse en "referente do Estado e referente mundial". "E fixémolo os pontevedreses", agrega.

"Iso de que o nacionalismo é excluínte, dáme a risa, porque a metade da xente que vive en Cataluña é de fóra", prosegue. Nesta liña de defensa de teses soberanistas, critica que Madrid teña o "17% da poboación e o 40% dos ingresos do Estado", e insiste en que o actual sistema prexudica a Galicia. Con todo, evitou declararse independentista ou autonomista porque "iso non toca".

"Eu creo que hai que ter capacidade de decisión sobre aspectos importantes para que a xente poida vivir dignamente neste país, non é todo UE, temos mercados en África, América Latina, estamos apapanatados, encolleitos, o problema de fondo é que non temos confianza en nós mesmos, necesitamos levar por diante o orgullo de ser galegos".

E conclúe, arremetendo contra o sistema actual: "O problema é que hai alguén que nos está a foder, está a fodernos o sistema, o capitalismo, a concentración de capital que multiplica beneficios sen preocuparse da xente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 37 comentarios

5 comunista independentista

É un caso de personalismo comparábel mais ben co vazquismo coruñés ou co abelismo vigués. De feito, os resultados de Lores nas municipais non se reflexan nas autonómicas ou nas xerais, nas que o Bloque saca uns resultados ridículos. O votante medio do lorismo é españolista de dereitas.

1 Cuñaooo

https://www.youtube.com/watch?v=XDb... Por certo, ao tal Xanciño: falo de reportaxes de verdade. Non de notas de notas de prensa. Xa sei que non o faredes. Todos sabemos coma son as cousas en Chachiguayprogrelandia e os do bloque neste tema non son mellores ca vós nin os seus medios. A quen lle importa o que suframos a xente do común? A vós os chachiguyaprogres que só sabedes tecer redes de complicidade para postiños e asignacións? A ver: pensas que son parva? Pois por iso nunca gañaredes, porque non somos parvos e porque sabemos coma as gastades: os uns e os outros.

4 Guillerme Gintonic

Incumprindo os estatutos do BNG o mesmo que Evencio Ferreiro

3 Morgana dende o Averno

Que pasa? Non hai visitas suficientes e hai que recorrer a este tipo de xornalismo???? E un titular tan tendencioso que non merece nin comentario, agás que moi poucas ideas tedes. Aí van unhas poucas: que se fai en Galicia pola lectura en galego? Interesante reportaxe, podedes preguntar a responsables diversas do eido? Por que se promociona un modelo educativo baseado nas TIC e no bilingüismo en inglés que nunca foi avaliado? Por que ninguén na oposición pregunta sobre isto? Miña nai diría que porque sodes todos iguais... Vista a obsesión dalgúns con Lores e co seu modelo de cidade eu diría que non... Que algo se pode mudar.

1 un que foi do Bloque

A ver bloqueiriño. Xa sei que non vos gusta que se fale dos vosos faraóns, pero é o que ten ter un señor que vai camiño da sexta lexislatura. E logo falabamos dos baltares, dos cacharros e dos Feijóos. Que pasa, que non hai mulleres no BNG suficientemente capacitadas como dicides que está a Pontona?

2 Xanciño

Sobre o que propós xa houbo varias reportaxes e hai ben poucos días. Vese que só acudes a este medio cando falan do BNG ou de Lores: https://www.galiciaconfidencial.com... http://www.galiciaconfidencial.com/... http://www.galiciaconfidencial.com/... https://www.galiciaconfidencial.com...

2 Roi Negueira

Caciquismo BNG

1 Yo, yo mismo e Irene

Entón.....Beiras qué é do Movemento Popular Galego de esquerdas españolas afincando en Madrid.....e con raíces no PCE.....a nai Teresa de Calcuta? dedicádevos a solucionar os problemas do País e deixade a xente en paz.....claro que quen asesinou a Durruti por defender Madrid do feixismo....pouca paz terá na conciencia.......