Como vai ser o sector agrogandeiro a partir do 2020?

Lídia Senra amosa a súa preocupación pola proposta da CE de recortar os fondos a partir do 2020 e chama a fixar postura e defenderse.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/05/2018 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

Que incidencia terá a futura Política Agraria Común (PAC) no campo galego?, e para o agro?. Precisamente, e para coñecer como as futuras políticas agrarias incidirán na Galicia do futuro, este sábado terá lugar en Laza a xornada “A futura PAC para as zonas de montaña”, para debater e fixar posición común, nun momento no que a Comisión Europea (CE) está negociando e elaborando as novas propostas lexislativas na materia.

Mastín Leonés vixiando un rabaño de ovellas
Mastín Leonés vixiando un rabaño de ovellas | Fonte: O-Xan

O pasado 29 de novembro, a Comisión Europea presentou a súa comunicación titulada “O futuro dos alimentos e da agricultura”. Trátase do documento de orientacións da futura PAC, no que non aparecen propostas lexislativas nin concrecións sobre como se aplicará, pero que establece unha serie de elementos sobre os que vai xirar o debate que agora se abre a todos os niveis, na Galicia, nos Estados e nas institucións europeas. 

Previsiblemente, a finais de maio ou principios de xuño, a Comisión presentará as súas propostas lexislativas e comezará o debate, calculando que no 2019 haberá un novo acordo, unha vez comece a seguinte lexislatura europea.  “É moi importante iniciar o debate porque é necesario concretar o que queremos para o sector agrario e gandeiro galego e empezar xa para defendelo, sen esperar a que chegue o momento no que veña xa definido pola UE e non teña marcha atrás”, reivindica a europarlamentaria Lídia Senra, organizadora destas charlas. 

Senra amosase preocupada ademais polo anuncio realizado esta semana pasada, cando a CE fixo pública a súa proposta para o Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 que contempla, tal e como viña anunciando xa había tempo, recortes nos fondos da PAC dun 5% e tamén dos fondos de cohesión nun 7%.

XORNADA

A xornada pretende abrir o debate ao sector nun espazo como é a provincia de Ourense, onde o abandono do sector primario, o despoboamento e a falta de oportunidades no rural é importante. Así, abrodarase a situación tendo en conta que a PAC representa actualmente unha parte importante das rendas do sector agrogandeiro galego a través dos pagos directos do primeiro piar e unha fonte de financiamento para o rural a través dos plans de desenvolvemento do segundo piar. 

Gandeira en plena labor
Gandeira en plena labor | Fonte: Fademur

Tamén se falará sobre a Organización Común de Mercados, onde se regulan aspectos tan importantes como as medidas de intervención, os programas de apoio ao sector vitivinícola, as axudas no sector apícola, as normas de comercialización, as organizacións de produtores e produtoras, as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas, as medidas para o sector do leite e produtos lácteos, as normas de competencia.

Igualmente, abordarase un dos problemas máis importantes que tivo a aplicación da actual PAC en Galicia, como é a consideración por parte da UE, do Ministerio e da Consellería, dos Pastos Arbustivos e dos Pastos con Arboredo, que implicou graves problemas para a maioría das ganderías en extensivo da provincia , en principio as máis sostibles.

PARTICIPANTES

Ademais da propia Lídia Senra, intervirán como ponentes nas diferentes mesas persoas como Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego (SLG); a economista Ana Rodríguez Vázquez; o concelleiro de LugoNovo Víctor Álvarez García; a responsable técnica de PAC do SLGMaría Fernández Granja ou o director técnico da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), Carlos Rodríguez Rodríguez.

Tamén estará o membro da Plataforma Española de Pastoralismo e Gandeiría Extensiva Pedro M. Herrera; o gandeiro de Cimadevila Xosé Blanco Blanco; o deputado do Parlamento Galego e membro de Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Davide Rodríguez Estévez; Sonia Vidal Lamas, de Gandeiría Rodríguez Vidal; Román Cid Álvarez, presidente da Asociación Abellas Nais; Samuel Formoso Salgado, gandeiro de vacas de carne; Eloi Prieto, gandeiro de ovellas; e Jorge Lorenzo Vila, veciño de Laza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta