Despoboamento en Galicia: unha "catástrofe demográfica de consecuencias imprevisibles"

Galicia pasou nun século de representar o 10,6% da poboación en España a só o 5,8%. Profesores da Universidade de Vigo elaboran unha cartografía de tendencias demográficas de base parroquial. Os expertos alertan da "demotanasia" no país, isto é, a morte paulatina do territorio por mor dunha serie de omisións ou accions políticas.

Por Alberto Quian | Vigo | 15/05/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A demotanasia é o proceso polo que debido a accións políticas ou omisión das mesmas se provoca a desaparición da poboación dun territorio. Isto é o que está a acontecer en Galicia, país que se está suicidando demograficamente. Investigadores da Universidade de Vigo volven premer o botón de alarma cun novo estudo con datos a escala parroquial —non municipal— que demostran a gravidade da situación.

Vigo deserto
Vigo deserto | Fonte: Miguel Núñez.

Alberto José Pazo Labrador, catedrático na Área de Análise Xeográfica Rexional do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, e a profesora Maria Pilar Moragón Arias, da Area de Didáctica das Ciencias Sociais no Departamento de Didácticas Especiais na mesma universidade, veñen de publicar un novo traballo sobre a crise demográfica galega. A súa descrición da situación é dramática, usando termos tan crus como “catástrofe demográfica”, “desastre demográfico”, “extinción” ou “etnocidio”. 

O peso demográfico de Galicia en España non deixou de minguar: do 10,6% da poboación total no Estado a principios do século XX, pasou a un 9,2% en 1950, un 6,9% hai dúas décadas e un 5,8% na actualidade.

Os profesores da UVigo lembran que os indicadores demográficos son "contundentes e inquietantes" desde hai máis de dúas décadas. Os datos, din, "manifestan, sen dúbida, un problema serio" que se pode cualificar como "proceso de demotanasia”.

"É esta unha palabra que combina «poboación» con «morte» dunha maneira enxeñosa para aludir á morte paulatina dun territorio, ao seu esgotamento demográfico con todas as consecuencias que se derivan diso por mor dunha serie de omisións ou accions políticas ou socioeconómicas que afectan directa ou indirectamente a ese territorio", detallan os expertos.

O certo é que, como sinalan estes investigadores, o peso demográfico de Galicia no conxunto de España non deixou de minguar: de constituír un 10,6 por cento da poboación total no Estado a principios do século XX, pasou a supoñer un 9,2 por cento en 1950, un 6,9 por cento hai dúas décadas e un 5,8 por cento cento na actualidade, pero cunha densidade de poboación todavía superior á media estatal.

Estamos ante o que cualifican como unha "auténtica catástrofe demográfica de consecuencias imprevisibles".

Os profesores da Universidade de Vigo piden que se asuma o despoboamento como "un dos principais, senón o que máis, dos problemas socioeconómicos da Galicia actual".

Aínda que hai tempo que o problema está na axenda política, "ben sexa por constituír un proceso que é alleo a boa parte dos galegos —aqueles que viven nas áreas urbanas, de forma maioritaria— que non o experimentan directamente, ou por non facer un labor pedagóxico o suficientemente contundente, a pesar do loable labor dos medios de comunicación rexionais (trasunto do que ocorre noutras rexións españolas castigadas duramente polo mesmo problema) e de diversos traballos rigorosos desde o ámbito científico, é un tema que aparece e desaparece oculto por outras preocupacións máis perentorias ou inmediatas", lamentan os profesores da Universidade de Vigo.

Así as cousas, piden que se asuma como "un dos principais, senón o que máis, dos problemas socioeconómicos da Galicia actual", para o cal non basta con "declaracións oficiais benintencionadas", senón que hai que corrixir "a falta efectiva de recursos, de investimentos ou de actuacións concretas, pouco rendibles no curto prazo, económica e electoralmente"; é dicir, animan a "afrontar cambios na estrutura da propiedade, aumentar a competitividade agropecuaria, incrementar os salarios e o nivel de vida no espazo rural, dotación de servizos, etc.".

Neste sentido, critican que o problema nos ámbitos rurais "máis problemáticos", cualificados pola propia Xunta de Galicia como “espazos rurais periféricos”, é tratado pola Administración pública como unha sorte de “parquetematización”, pois se fala da "necesidade de implementar unha serie de estratexias de actuación como o reforzamento do seu valor ambiental e paisaxístico, para salvagardalos, tendo en conta o despoboamento que sofren, o abandono da actividade agropecuaria e o necesario mantemento do medio". 

Un 69,1% dos municipios da Coruña, un 45,2% dos de Pontevedra, un 89,6% dos de Lugo e un 90,2% dos de Ourense mostran un comportamento demográfico regresivo entre os anos 2000 e 2015.

Así, censuran que dos 32 obxectivos específicos das Directrices de Ordenación do Territorio, en vigor desde 2011, "só sete fan referencia dunha ou outra maneira ao despoboamento ou á crise demográfica no rural, e en só un se fala concretamente de «propoñer medidas integrais e transversais, coa finalidade de minorar os efectos de crises  demográ fica e do despoboamento das áreas rurais que máis as acusan»", expoñen os expertos.

Por tofo isto, e co obxectivo de contribuír a unha “pedagoxía do territorio”, os profesores da Universidade de Vigo preocupáronse por visualizar catrograficamente as tendencias demográficas en Galicia. Para isto, alén da tradicional escala municipal, elaboraron unha cartografía de base parroquial, que consideran "moito máis significativa, pero pouco difundida", para mostrar a estrutura real da distribución dos asentamentos e poboacións en Galicia, usando para isto o Nomenclátor de Poboación elaborado polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

EIXO ATLÁNTICO VS GALICIA INTERIOR

Analizando os datos provinciais entre os anos 1950 a 2000, obsérvase que un 67 por cento dos municipios da Coruña, un 41,9 por cento dos de Pontevedra, un 91,1 por cento dos de Lugo e un 92,4 por cento dos de Ourense, teñen un comportamento demográfico regresivo. É dicir, o despoboamento foi xeralizado, pero moito máis acusado nas provincias interiores.

Na escala municipal, nun lapso máis recente, de 2000 a 2015, as porcentaxes respectivas parecen atenuarse un chisco en Lugo (89,6 por cento) e en Ourense (90,2 por cento), e acentuarse lixeiramente na Coruña (69,1 por cento) e Pontevedra (45,2 por cento).

Con todo, mantense o contraste entre un 'Eixo Atlántico' litoral ben definido e a zona interior do país, salientan os investigadores.

 Os expertos sinalan 2010 como o ano no que se produce a creba demográfica definitiva: no intervalo 2010-2015 os municipios que viron crecer a súa poboación son 44, fronte aos 79 que o fixeron entre 2000 e 2015.

Nun período temporal aínda máis acoutado e próximo (2010- 2015), os valores seguen sendo "demoledores": na Coruña perden poboación un 79,8 por cento dos municipios, un 74,2 por cento dos de Pontevedra, un 94,1 por cento dos de Lugo e un 94,6 por cento dos de Ourense, o que para os profesores da UVigo é "indicio dun comportamento estrutural e de difícil reversión". En concreto, aportan, "2010 é o ano no que parece producirse a creba demográfica definitiva na dinámica da poboación galega".

Revisando a cartografía a escala municipal, salientan que no intervalo 2010-2015 os municipios que viron crecer a súa poboación son 44 en toda Galicia, fronte aos 79 que o fixeron entre 2000 e 2015. Isto leva a confirmar a "grave situación" que está a padecer Galicia, no seu conxunto.

Engadido a isto, todos os espazos municipais de Galicia superan a taxa de envellecemento, e o valor de referencia do envellecemento, cifrado no 15 por cento de maiores de 65 anos. Así, só Salceda de Caselas, en Pontevedra, e Ames, Arteixo e Oroso, na Coruña, presentaron unha porcentaxe inferior ao 15 por cento de maiores de 65 anos en 2015, sendo estes espazos periurbanos das grandes aglomeracións urbanas occidentais (Vigo e A Coruña).

Pola contra, consideran significativo que só dous municipios da provincia de Pontevedra —Cerdedo e Forcarei— e ningún na Coruña, pero 19 en Lugo e 49 en Ourense, superaron no mesmo ano o 40 por cento de maiores de 65 anos, e sete de Ourense (O Bolo, Calvos de Randín, Lobeira, Parada de Sil, San Xoán de Río, A Teixeira e Verea), superaron o 50 por cento, todos eles municipios do rural profundo ou “de montaña”.

Matizando aínda máis os datos demográficos, 36 municipios de Lugo (un 53,2 por cento do total), 58 de Ourense (un 63 por cento), 5 da Coruña (un 5,3 por cento: Boimorto, Cerdido, Mañón, Sobrado e Vilasantar) e 4 en Pontevedra (un 6,9 por cento: Agolada, Cerdedo, O Covelo e Forcarei), superan o 15 por cento de maiores de 80 anos, o cal é "un indicador, sen dúbida, de sobreenvellecemento", alertan os autores do estudo.

48 municipios da Coruña, 15 en Pontevedra, 58 en Lugo e 82 en Ourense non chegan ao 10% de menores de 15 anos.

Os profesores tamén subliñan que espazos municipais que se inclúen nestes parámetros nas provincias de Pontevedra e A Coruña "son todos eles ámbitos do rural profundo ou de montaña”.

No outro extremo da estrutura por idades, as áreas cuns indicadores dun maior futuro demográfico son moi limitadas e concretas: 48 municipios da Coruña (un 51 por cento dos da desta provincia), e 15 en Pontevedra (un 22,7 por cento), e 58 en Lugo (un 86,6 por cento) e 82 en Ourense (un 89,1 por cento), non chegan ao 10 por cento de menores de 15 anos.

As excepcións nas provincias orientais correspóndense, segundo os autores do estudo, con espazos litorais de certa puxanza industrial ou pesqueira (Burela e Foz, na costa norte lucense), ou coas capitais provinciais ou os seus espazos periurbanos, ou con certas  vilas interiores que se sosteñen grazas aos efectos da “migración en fervenza” (Lugo, Monforte de Lemos, Xove, Outeiro de Rei, Ribadeo, Sarria ou Viveiro, na provincia de Lugo, e Allariz, Barbadás, O Barco de Valdeorras, Ou  Carballliño, Verín, Ourense, Pereiro de Aguiar, Ribadavia, San Cibrao das Viñas ou Xinzo de Limia, na de Ourense).

Se se pon o valor referencia nos menores de 20 anos, aparecen seis municipios na Coruña, cinco en Pontevedra, 40 en Lugo e 72 en Ourense, que non chegan ao 10 por cento de efectivos.

Outro indicador significativo que anticipa as tendencias futuras é o índice de recambio, isto é, a relación de maiores de 75 anos e menores de 10, en porcentaxe. Os investigadores observaron que os municipios que teñen un índice de recambio superior a 500 son 11 na Coruña e sete en Pontevedra (practicamente coincidindo cos indicadores anteriores na repartición polo rural profundo e os espazos montañosos da Dorsal Meridiana do Occidente galego, espazo de “media montaña”), e 39 en Lugo e 65 en Ourense, o que, para os expertos, "patentiza que a dualidade ou fenda demográfica entre o litoral e o interior se afianza de forma moi clara".

"Os déficits que denota este indicador emparentan a Galicia con boa parte das áreas rurais do interior peninsular", aportan os autores do estudo.

Profundando aínda máis neste indicador, observaron que aqueles municipios que superan o valor 1.000 por cento no índice de recambio son oito en Lugo e 26 en Ourense, aínda que ningún neste caso nas dúas provincias occidentais. Pola contra, non chegan ao 100 por cento o municipio costeiro relativamente próspero de Burela no norte de Lugo e o de Barbadás, na provincia de Ourense, área de expansión urbana natural da capital provincial. Na Coruña son nove: de novo as áreas  periurbanas e de desenvolvemento suburbano na capital provincial e en Santiago, sendo os sectores máis novos e dinámicos de Galicia; en Pontevedra non alcanzan o 100 por cento trece concellos, todos eles litorais ou das contornas urbanas máis destacados.

Os datos demográficos sinalan que Galicia se atopa nun proceso de demotanasia en amplas áreas rurais do interior.

Os profesores destacan que neste sentido non se atopa nesta tesitura ningún dos municipios que acollen as sete cidades principais de Galicia, o que "apunta tamén á concentración de persoas de idades superiores nas áreas urbanas como efecto acumulado do éxodo rural de décadas anteriores".

Todo iso, din, "propicia unha mortalidade elevada e unha natalidade baixa, aínda que os comportamentos de fecundidade non se diferencian en exceso dos do resto de España, xunto ao descenso do número de adultos".

Os últimos indicadores significativos que aportan son o índice de dependencia, que relaciona as subpoacións de menores de 15 anos e de maiores de 65, coa subpoboación de 15 a 64 anos, avaliado en porcentaxes, e o índice de dependencia dos vellos, que relaciona a  subpoblación de 65 e máis anos coa comprendida entre os 15 e os 64 anos, en porcentaxes, e referidos ambos a 2015. En ambas as representacións cartográficas a escala municipal o panorama, din, é clarificador, xa que practicamente coinciden os dous indicadores na súa distribución, ofrecendo os valores máis altos os sectores da Galicia oriental e suroriental, as áreas “de montaña” interiores e os espazos máis desfavorecidos e marxinais do rural profundo das provincias occidentais e orientais, con deficientes comunicacións ou dinámicas económicas netamente  regresivas.

En ambos os casos saen mellor parados boa parte dos municipios urbanos do Eixo Atlántico e os seus espazos periurbanos, así como algúns puntos illados, coincidentes con certas vilas cabeceiras comarcais do interior ou da costa norte lucense. No caso do Eixo Atlántico, subliñan, trátrase dun espazo que non chega á cuarta parte da extensión de Galicia pero que concentra á maioría da poboación e xera máis do 80 por cento do PIB.

MUNICIPIOS EN RISCO DE EXTINCIÓN

Os datos demográficos sinalan, polo tanto, que Galicia se atopa nun proceso de demotanasia en amplas áreas rurais do interior.

Os municipios que os expertos cualifican “en risco de extinción” combinan unha dinámica demográfica negativa, un alto grao de envellecemento e unha alta dependencia das idades superiores (tendencias que se arrastran desde hai décadas), factores todos eles que, salientan os autores, non favorecen a prestación e a recepción de servizos básicos, o cal é indicador da calidade de vida. 

Estes espazos en risco de extinción están ben definidos e delimitados nas áreas do rural “profundo” e “de montaña”. Estes últimos son descritos como “lugares de vellos”, con estruturas demográficas desequilibradas polo éxodo rural que foi masivo nun primeiro momento e selectivo nas décadas máis recentes, sectores mal integrados e mal adaptados aos cambios estruturais que coñeceron nas últimas décadas a economía rexional e global, en desvantaxe pola súa posición marxinal, marcados por difíciles condicións ambientais e pola complicada inserción nos procesos de urbanización contemporá-neos.

120 municipios (un 38,1% do total), esencialmente das provincias de Lugo e Ourense, pero tamén das áreas máis desfavorecidas da Coruña e Pontevedra, perderon máis do 20 por cento da súa poboación entre 2000 e 2015.

A escala parroquial, observouse que os territorios sumidos nestes procesos non son un todo homoxéneo, pois entran en xogo factores como a proximidade relativa e a accesibilidade aos núcleos urbanos, o grao de diversificación económica e de desenvolvemento do sistema agropecuario, a puxanza de certos núcleos cabeceiras comarcais, etc.

A este respecto, os autores do estudo consideran que pode resultar ilustrativa a clasificación en “espazos rurais integrados” (áreas máis próximas ás grandes cidades), “espazos rurais intermedios” (aqueles afastados das áreas urbanas principais, pero organizados funcionalmente a través do sistema de  vilas ou pequenas cidades do interior da rexión) e “espazos rurais periféricos” (os de montaña, de difíciles condicións ambientais e deficiente accesibilidade) que plasman as Directrices de Ordenación  do Territorio, e nos que estos últimos son os que se levan a peor parte no proceso de despoboación.

Os profesores da UVigo sinalan os espazos rurais “periféricos” como os que presentan unha perda de efectivos de máis do 20 por cento entre 2000 e 2015. En concreto, 120 municipios (un 38,1 por cento do total), esencialmente das provincias de Lugo e Ourense, pero tamén das áreas máis desfavorecidas da Coruña e Pontevedra. No ano 2000 acollían unha poboación de 323.890 habitantes (un 11,8 por cento da total de Galicia) e en 2015 só a 234.820 (un 8,6 por cento), cunhas perdas, en conxunto, dun 27,5 por cento de efectivos.

Os espazos rurais “intermedios” correspóndense con 119 municipios (un 37,7 por cento), con perdas demográficas xeneralizadas pero menores, e pasaron de acoller 809.939 habitantes en 2000 (un 29,6 por cento do total) a 739.563 en 2015 (un 27,1 por cento), o cal supón un retroceso do 8,7 por cento. 

Os espazos de alta e media montaña e do rural “profundo” son os que sofren as perdas máis graves, nun proceso de demotanasia que os investigadores considersan case irreversible.

CARTOGRAFÍA PARROQUIAL

A cartografía parroquial permitu matizar os trazos apuntados para a escala municipal. En primeiro lugar, os datos na escala parroquial mostraron meridianamente clara a fenda demográfica entre o litoral e o interior a partir da segunda metade do século XX e que se mantén ou acentúa no que se refire á dinámica nesta escala.

Os investigadores observaron, ademais, mellor definidos que na escala municipal os espazos gañadores e os espazos perdedores no proceso de  reconfiguración territorial que coñece Galicia nas últimas décadas. Entre 2000 e 2015, as parroquias que gañan efectivos están moi ben delimitadas: Golfo Ártabro e prolongación cara a Bergantiños, Santiago e contornas, Rías Baixas centrais e meridionais, parroquias illadas da costa lucense que se corresponden coas  vilas capitais de municipios algo máis dinámicos (Viveiro, Xove, Ribadeo ou Foz, aínda que o resto do termo municipal teña serias perdas tamén), as capitais provinciais de Lugo e Ourense e os seus ámbitos suburbanos, e certas parroquias que se corresponden coas capitais municipais de vilas cabeceiras comarcais de interior de certa importancia (Monforte de Lemos, Sarria, Verín, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Allariz, O Carballiño, etc.).

Pola contra, as perdas máis severas están moi xeneralizadas nas dúas provincias orientais e en certos sectores das occidentais: os ámbitos “de montaña” das serras setentrionais, as montañas orientais e  surorientales, así como a Dorsal Meridiana do Occidente galego (que se poden cualificar de “montaña media”) e terras litorais ou próximas ao litoral da penichaira coruñesa (con excepción dalgunhas parroquias capitais como en Carballo ou Cée) nun sector que se caracteriza pola súa posición marxinal con respecto ás comunicacións rexionais e de difíciles condicións físicas en xeral, estendéndose estes trazos mesmo ás terras interiores da máis setentrional das Rías Baixas, a de Muros e Noia.

Para os autores deste estudo é evidente, por tanto, que os espazos de alta e media montaña e do rural “profundo” son os que sofren as perdas máis graves, nun proceso de demotanasia que considersan case irreversible.

En conxunto, maniféstanse perdas demográficas en máis dun 87% dos espazos parroquiais de Galicia.

As áreas urbanas e periurbanas máis puxantes, din, líbranse da catástrofe demográfica e debuxan dunha maneira cada vez máis acentuada a fenda entre dúas Galicias. E aquelas parroquias que acollen as capitais de certos municipios do interior, aínda que crecen non conseguen frear o declive do seu termo: son os casos de Lalín, A Estrada, Arzúa, Melide, Becerreá, Monforte, Quiroga, Santa Comba, O Pino…, cuxas vilas —explican os profesores da UVigo— teñen certa puxanza debido a unha diversa casuística (procesos de industrialización endóxena, cabeceiras de comarcas de certo dinamismo agropecuario, núcleos de servizos), pero cuxos termos municipais en conxunto se caracterizan polas perdas, explican.

Polo tanto, conclúen, aínda que a escala municipal é, en xeral, válida para demostrar o proceso de despoboamento de Galicia, mediante a escala parroquial, obsérvase, por exemplo, que o despoboamento afecta tamén os ámbitos máis desfavorecidos do litoral, co cal a xeneralización da oposición litoral-interior desde o punto de vista demográfico non é do todo axeitada, para estes investigadores.

En conxunto, maniféstanse perdas demográficas en máis dun 87 por cento dos espazos parroquiais de Galicia e máis dun 56 por cento fano con valores por baixo do 20 por cento dos seus efectivos. E aínda que isto afecta especialmente e de forma contundente ás provincias de Lugo e Ourense, tamén as provincias occidentais se ven afectadas.

A modo de exemplos puntuais, os autores da investigación recollen algunhas cifras que mostran este desaxuste. Por exemplo, en diversos municipios considerados dinámicos entre 2000 e 2015 como Carballo (+10,7 por cento), Ordes (+6,9 por cento) —provincia da Coruña—, Caldas de Reis (+4,1 por cento) —Pontevedra—, Foz (+3,4 por cento), Ribadeo (+9,9 por cen) —Lugo— ou Allariz (+17,3 por cento), O Barco de Valdeorras (+7,8 por cen), Xinzo de Limia (+4,6 por cen) ou O Carballiño (+12,6 por cen) —Ourense—, é só a parroquia que inclúe a vila capital a que presenta verdadeiramente dinamismo demográfico, pois o resto dos espazos parroquiais sofren perdas, en ocasións bastante severas.

Como exemplos enumeran: Carballo, onde a parroquia da capital coñece un incremento de +31,6 por cento, en Ordes un +25 por cento, en Ribadeo un +32,5 por cento, en Allariz, un +52,9 por cento ou en Xinzo de Limia un +20,9 por cento. Pola contra, hai termos municipais  regresivos no mesmo lapso, onde con todo a parroquia que inclúe á capital é dinámica pero non ten o suficiente empuxe para soster o crecemento de todo o concello: Arzúa coñece un incremento negativo do -9,6 por cento en tanto a parroquia da capital experimenta un crecemento do +15,1 por cento; Melide un -10,7 por cento e un +6,2 por cento; Santa Comba un -11,8 por cento e un +21,1 por cento, respectivamente. Nestes tres casos, trátase de tres municipios interiores da provincia da Coruña caracterizados polas súas actividades rurais e cunhas capitais que se configuraron nas últimas décadas como cabeceiras comarcais de servizos ao medio rural que son a súa razón de ser e da súa relativa puxanza.

En Lugo, na costa norte, Xove perde un -5,6 por cento dos seus efectivos en tanto a freguesía da capital sobe un +41,2 por cento. En Ourense, Ribadavia perde un -7,2 por cento e a capital increméntase nun +1,4 por cento.

E en Pontevedra, dous municipios do interior, prósperos polo desenvolvemento de actividades industriais con base no aproveitamento das súas potencialidades endóxenas á vez que posuidores de destacadas cabeceiras comarcais cunha notable expansión urbanística nas últimas décadas ofrecen idéntico comportamento: em tanto A Estrada perde un -5,7 por cento dos seus efectivos, sobre todo nos amplos territorios parroquiais dos seus ámbitos rurais, a capital aumenta un +20,9 por cento, e en Lalín ocorre algo parecido cun -0,8 por cento e un +30,9 por cen respectivamente.

Os profesores alertan de que o despoboamento se esta xeneralizando e afectando a sectores máis amplos que quedan ocultos na escala municipal.

Os autores do estudo consideran, por tanto, que os efectos do éxodo do rural ás capitais municipais, primeiro, e comarcais despois, como etapa cara á localización definitiva nas capitais provinciais ou nas cidades máis prósperas do litoral, quedan de manifesto de diversas maneiras e con distintos modelos, sen prexuízo de que se poidan producir retornos ocasionais de persoas que se van a converter en “poboación vinculada” ou fenómenos, non xeneralizados nin masivos, de “neorruralismo”.

Cinguíndose ao intervalo temporal máis recente e limitado no seu estudo, o que vai desde 2010 a 2015, comprobaron que as tendencias son estruturais e se perpetúa unha dinámica que, avanzan, será duradeira no futuro. As cifras de perdas atenúanse algo nas provincias orientais e acentúanse lixeiramente nas occidentais, a escala parroquial, en comparación coa municipal.

Así, neste período as provincias occidentais ven incrementarse o número de espazos parroquiais que coñecen perdas de ata o -9,9 por cento, do mesmo xeito que as orientais, aínda que estas en menor medida. Aínda que no total de Galicia son máis as parroquias que crecen neste período, increméntanse notablemente as que perden en valores negativos de ata o -9,9 por cento, sendo especialmente rechamantes as cifras das provincias da Coruña e Pontevedra.

Os autores do estudo consideran que isto pode ser un indicador de que, ademais de se están perpetuando as tendencias anteriores, o despoboamento se esta xeneralizando e afectando a sectores máis amplos que quedan ocultos na escala municipal; poñen como casos o que acontece nos ámbitos litorais das Rías Baixas coruñesas e pontevedresas.

Os expertos obserban ademais que seguen resistindo as áreas urbanas e periurbanas occidentais, pero as perdas, aínda que en valores non moi elevados, tamén lles afectan. Pero o rural profundo e a “montaña” perpetúan as tendencias, o cal lles leva a pensar nun proceso estrutural de difícil reversión. O mesmo, din, cabe referir das parroquias capitais en determinados espazos “puxantes”.

Os profesores da UVigo conclúen que a comparación das cartografías a ambas as escalas —parroquial e municial— é o suficientemente significativa para mostrar os procesos de  reconfiguración territorial que, desde o punto de vista demográfico, coñece Galicia no que vai de século XXI, pero que se iniciaron xa na segunda metade do XX. Así, subliñan, describen que amplos espazos da Galicia interior, rural e “de montaña” están sumidos nun proceso acelerado de despoboamento e desertificación demográfica, agás excepcións puntuais, fronte a un Eixo Atlántico litoral que concentra o esencial do crecemento, onde un eixo de comunicacións, a autoestrada AP9, se converte nunha sorte de avenida interurbana que conecta e canaliza o dinamismo socioeconómico.

Con todo, alertan de que este eixo ten un desenvolvemento limitado, pois os procesos de despoboamento afectan tamén a amplos espazos das provincias occidentais, o cal xera desequilibrios e unha fenda cuxas consecuencias, apuntan, non son desexables desde o punto de vista dun desenvolvemento territorial harmónico e equilibrado.

O estudo de Alberto José Pazo Labrador e Maria Pilar Moragón Arias publícase na Revista de Estudios sobre Despoblación y Desarrollo Rural, co título 'El despoblamiento en Galicia: la visualización de la «catástrofe»'.

50 DAS 53 COMARCAS PERDERON POBOACIÓN NOS ÚLTIMOS SETE ANOS

A publicación deste traballo coincide no tempo con outro estudo sobre as tendencias demográficas en Galicia a nivel comarcal, asinado pola  pola economista Mª Carmen Guisán Seijas, catedrática no Departamento de Economía Cuantitativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Só 11 comarcas galegas rexistraron algún incremento do emprego desde o ano 2011 e unicamemte as da Coruña, Santiago e Pontevedra aumentaron poboación.

Os datos que manexa Guisán Seijas mostran que entre os anos 2011 e 2017, unicamente tres comarcas galegas aumentaron a súa poboación —A Coruña, Santiago e Pontevedra—, mentres que as outras 50 perderon habitantes, e tan só 11 rexistraron algún incremento do emprego.

A catedrática analizou os movementos de emigración interior e exterior en Galicia e, mediante un modelo econométrico, comprobou o impacto positivo e significativo do emprego sobre o incremento de poboación, estimado con datos das 53 comarcas de Galicia. É por isto que recomenda incrementar a converxencia do desenvolvemento industrial de Galicia cara aos niveis de rexións europeas máis avanzadas.

No seu estudo, Guisán Seijas observou un descenso de poboación no período 1981-2017, moi elevado en moitas comarcas. Nesta tendencia non só influíu o envellecemento da poboación —máis maior no rural—, senón tamén as oportunidades laborais e, polo tanto, o desenvolvemento industrial das comarcas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

9 VIVA ESPAÑA

viva españa

8 Colapsista

Num momento onde a população mundial já passou dos 7500 milhões, é uma boa notícia que nalgum sítio haja algo de sentidinho.

7 Galego

La culpa te es de la UPG tamén.

6 Gamela

Mentres a Xunta vai regalar 213 millóns de euros para facilitar o RETORNO dos fillos e netos da emigración (moitos deles nin siquera coñecen Galicia pero sí saben que xa non poden vivir en Mexico, Venezuela, etc...) Para os "estranxeiros retornados" imos poñer riba da mesa 200 millóns... e para os DESHERDADOS DO MUNDO NADA DE NADA ? Claro que a culpa témola nós cando andamos facendo o indio en Facebook e mantemos na emigración ao Creador de Cabozo !!! http://cabozo.com/taboext.php?grupo...

5 Gamela

Se quixeramos apagar a TVG e mirar ao Mundo igual tiñamos unha solución para esta Terra! https://i.gal/gamela13 Amáis de ser de Xustiza sería moi conveniente para renovar o territorio e darlle nova vida ao rural galego !!!