Desdobramento da Avenida de Vigo

Estou seguro de que non me equivoco se digo que todos tivemos, en moitas ocasións, problemas para saír ou entrar en Pontevedra polos atascos que colapsan os accesos á cidade.

Por Telmo Martín | Pontevedra | 08/03/2011

Comparte esta noticia

Tamén é sabido no concello, aínda que o goberno mire para outro lado. O acceso sur é un dos puntos máis colapsados, por iso dende hai 21 anos figura no Plan Xeral de Ordenación Municipal un vial entre a avenida da Estación e o nó do Pino (paralelo á avenida de Vigo). A súa construción forma parte do aquel máis que coñecido convenio entre o concello e o Ministerio de Fomento, pero se todo vai como ata agora, esa rúa non chegará a existir nunca. Por qué?

Porque ese acordo foi asinado hai dous anos. Porque as obras tiñan que ter comezado en 2010 para estar rematadas este ano, cun investimento de 7M €. Xa non é que a estas alturas non saibamos nada do desdobramento, senón que non sabemos nada nin tan sequera das expropiacións. Creo que o concello non fixo absolutamente nada ao respecto, como se aquí non existise un problema de atascos.

E, de pronto, despois de que o ministro de Fomento pasara por Pontevedra e non dixera nada desta actuación pendente, Antón Louro anuncia que a obra se vai licitar. Foi nunha das súas visitas de fin de semana, ás que xa case estamos afeitos dende que é candidato. Parece claro que estas afirmacións teñen algo que ver coas eleccións, pero non se entende que un político que estea gobernando (foi presidente da Comisión de Fomento, formou parte do goberno de Pontevedra e agora é o máximo representante do goberno central en Galicia) veña a prometer proxectos cando xa tiña que estar dando conta das obras. A verdade é que aquí nos sobran os anuncios de Louro e nos faltan xestións súas e do alcalde, como sempre. Os dous pertencen a gobernos que asinaron un convenio que está no aire. Como para facer anuncios…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA