Temas: EMPRESA

Patricia García, unha muller á fronte dos empresarios galegos

O presidente saínte constata que "as cousas quedan razoablemente ben" na organización, superada a crise

Por E.P. | Vigo | 21/05/2018 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

A empresaria Patricia García foi proclamada este luns presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, ao termo da Asemblea Xeral de socios da organización, e nun acto no que se escenificou a substitución na dirección do Círculo, até agora en mans de Juan Güell e o seu equipo. A presidenta do grupo Femxa convértese así na primeira muller á fronte desta entidade empresarial e, durante o seu discurso ante a Asemblea, prometeu "traballo duro" para que o Círculo de Empresarios de Galicia siga sendo "un foro de debate" e "xerador de propostas de calado".

Patricia García, presidenta do Círculo de Empresarios
Patricia García, presidenta do Círculo de Empresarios | Fonte: Europa Press

Patricia García, quen agradeceu o "voto de confianza" de Juan Güell, que a propuxo como substituta, tamén incidiu na importancia de que o Círculo "lidere novos retos" e que os seus socios sexan "axentes dinamizadores" en sectores estratéxicos para a economía de Galicia, como a automoción, a industria naval ou a agroalimentaria.

O equipo liderado pola nova presidenta complétase con Manuel Rodríguez (Grupo Rodman) e Josefina Fernández Miguélez (DomusVI), como vicepresidentes; Alberto Rocha (Proasa), como tesoureiro e secretario; e Andrés Fernández Álvarez-Santullano (CZ Veterinaria), Emilio Pérez Neto (Grupo Pérez Rumbao), Josechu Silveira (Povisa), Maite Torres (Auga de Maio), Francisco Puga (Industrias Delta), Guillermo Fernández (Adhex), María Borrás (Artai), Sara Mondelo (Cuatrecasas), Francisco Izquierdo (Grupo IZ) e Enrique Chillón (Profand), como vogais.

DESPEDIDA DE JUAN GÜELL

Pola súa banda, o presidente saínte do Círculo de Empresarios, Juan Güell, subliñou a necesidade de dar paso a "novas xeracións" de empresarios na dirección da organización e lembrou que, após un período de crise, o Círculo afronta unha nova etapa na que "as cousas quedan razoablemente ben".

Ademais, aproveitou a presenza do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, na inauguración da Asemblea Xeral de Socios, para expor algunhas das demandas e inquedanzas da clase empresarial galega e viguesa. Nese sentido, Juan Güell sinalou que aos empresarios non lles gusta "competir en inferioridade de condicións", nin as "grandes trabas burocráticas" que impulsan ás empresas a "instalarse fóra", nin os "alongamentos insoportables dos procedementos", ou os "atrasos" na execución de infraestruturas.

Por contra, aplaudiu decisións e medidas do Goberno que "melloran a convivencia e facilitan a prosperidade". "Nese sentido, secundamos publicamente a súa defensa da unidade de España, fronte a quen pretendían amputar un membro deste corpo, deste gran país", proclamou, en alusión a Cataluña.

Temas: EMPRESA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta