A área sanitaria de Santiago crea unha unidade específica de enfermidade cardiovascular centrada na muller

As mulleres teñen maior mortalidade na fase aguda do infarto e máis complicacións, ademais de pedir atención máis tarde

Santiago de Compostela | 22/05/2018 | Actualizada ás 14:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O servizo de Cardioloxía da área Sanitaria de Santiago de Compostela, baixo a coordinación da doutora Milagros Pedreira, puxo en marcha unha unidade de enfermidade cardiovascular centrada nas peculiaridades e a incidencia destas patoloxías nas mulleres.

Unidade cardiovascular centrada na muller en Santiago
Unidade cardiovascular centrada na muller en Santiago | Fonte: Europa Press

Milagros Pedreira participou este martes no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) na presentación desta nova unidade xunto co xefe do servizo, Ramón González-Juanatey, e a xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez.

En España morren ao ano 9.000 mulleres máis que homes por enfermidade cardiovascular, segundo os datos do INE. Ao mesmo tempo, este tipo de doenzas segue sendo a primeira causa de morte en España (29,17%), por encima dos tumores (27,5%). A cardiopatía isquémica e o ictus son os principais responsables das mortes por enfermidade cardiovascular na muller, puxo de manifesto a experta.

Segundo os responsables desta nova unidade, nos últimos anos detectouse un incremento nas taxas de infarto de mulleres novas, de entre 35 e 45 anos, mentres que nos homes da mesma franxa de idade diminúen. Nas mulleres, ademais, dáse unha maior mortalidade na fase aguda do infarto, maior número de complicacións na súa evolución e durante o intervencionismo coronario e mesmo na cirurxía de revascularización.

A pesar desta situación, indicou Milagros Pedreira, "a visión da poboación xeral segue sendo que a patoloxía cardiovascular é unha enfermidade masculina", polo que se require "un cambio de actitude fronte a este grave problema sanitario".

"Hai múltiples razóns que explican a necesidade dunha unidade específica de patoloxía cardiovascular na muller", dixo a doutora Pedreira, que apuntou diferenzas nesta patoloxía desde o punto de vista fisiopatolóxico, nas manifestacións clínicas, na utilidade de diferentes métodos diagnósticos ou na estratexia terapéutica que require.

DESENVÓLVESE MÁIS TARDE

No ámbito epidemiolóxico, a enfermidade cardiovascular na muller desenvólvese máis tarde, o que provoca unha "maior perda de calidade de vida" nas pacientes. Ademais, hai factores de risco específicos, relacionados co xénero, como a hipertensión de embarazo, a diabetes xestacional, a disfunción hormonal premenopausa, a síndrome ovárico poliquístico ou a propia menopausa.

A unidade coordinada pola doutora Pedreira conta coa participación de Pilar Mazón e Amparo Martínez, do servizo de cardioloxía da área compostelá, e conta coa colaboración de até 10 servizos do CHUS.

REXISTROS

O rexistro de pacientes con infarto agudo de miocardio do CHUS reflicte un maior atraso na atención por esta patoloxía en mulleres que en homes, o que fai necesarios mecanismos que "permitan superar esa desvantaxe de xénero", pondo énfase nunha especial sensibilización tanto por parte dos profesionais como das propias mulleres.

No rexistro IAMEST, de pacientes atendidos con infarto agudo de miocardio con elevación do ST, co tipo de infarto máis grave, a xerencia compostelá rexistra 1.499 persoas sometidas a anxioplastia primaria, das que o 24% foron mulleres.

A media de idade en mulleres foi de 65 anos e os seus principais factores de risco cardiovascular foron a hipertensión arterial, a diabetes mellitus, a hiperlipidemia ou o tabaco. Comparado cos homes, as mulleres eran maiores e tiñan unha maior prevalencia tanto de hipertensión como de diabetes.

Ademais, nas mulleres transcorreu maior tempo desde o primeiro contacto médico até recibir o tratamento de reperfusión no centro hospitalario, concretamente 121 minutos de media, mentres que no caso dos homes transcorreron 92 minutos de media.

As mulleres con mellores tempos, segundo os datos do CHUS, tiveron menor mortalidade por todas as causas e menos eventos adversos graves, como repetición do infarto ou insuficiencia cardíaca, nos 2,36 anos posteriores ao infarto.

DEMORA NA SOLICITUDE DE ATENCIÓN

Ademais deste atraso, os sanitarios detectaron unha demora na solicitude de atención médica por parte das mulleres, aínda que non está cuantificada de forma obxectiva. A doutora Pedreira indicou que elas "non identifican tan ben a síndrome coronaria aguda porque os síntomas ás veces non son os típicos, os descritos na literatura médica".

"Desde hai tempo sábese que a sintomatoloxía pode variar na muller, o que condiciona a percepción da paciente ou do propio profesional médico, que non identifica con tanta facilidade os síntomas", apunta a responsable da unidade, que aposta pola formación de profesionais e a información ao paciente.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta