Duro ditame da Comisión Europea contra Galicia pola captura de paxaros frinxílidos

Diferentes organizacións conservacionistas pedían desde hai anos paralizar a captura de aves silvestres para mantelas en catividade.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/06/2018 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

A Comisión Europea vén de remitir un duro ditame contra diversas Comunidades Autónomas, entre as que se atopa Galicia, pola captura de paxaros frinxílidos —familia de aves entre os que se atopan o xílgaro, o verderolo, o xirín ou o pimpím—, concluíndo que se ten incumprido a Directiva Aves e dando un prazo de dous meses para a adopción de medidas.

Xílgaro
Xílgaro | Fonte: SGO.

No caso de Galicia, o ditame indica que parte da propia resposta da Administración contradí o propio argumento de manter as poboacións en catividade, en base ao que se xustificou a excepcionalidade deste tipo de capturas.

Xa en setembro de 2011, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) tiña denunciado diante da Fiscalía de Medio Ambiente as irregularidades destas prácticas consentidas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza (actual Dirección Xeral de Patrimonio Natural) da Xunta de Galicia concedendo permisos a diferentes asociacións de silvestristas.

Para a SGO, "non hai dubida algunha para a Comisión Europea" de que nove comunidades autónomas (Rexión de Murcia, Comunidade Valenciana, Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Estremadura, Galicia, A Rioxa e Madrid) e as dúas cidades autónomas teñen incumprido as obrigas derivadas dos artigos 5 (protección xeral das aves), 8 (captura masiva, uso de redes) e 9 (réxime de excepcións) da Directiva Aves.

As autoridades comunitarias chegaron a dita conclusión tras analizar 87 feitos nun ditame de 64 páxinas onde se recollen as sucesivas advertencias e peticións de información que se teñen realizado dende Bruxelas as diferentes Comunidades Autónomas e que non conseguiran paralizar, como pedían diferentes organizacións conservacionistas dende hai anos, a captura de aves silvestres para mantelas en catividade.

No caso concreto de Galicia, o ditame da Comisión recolle que se ben a captura de frinxílidos estaba destinada supostamente a manter a cría en catividade, a Administración competente non ten dado ningunha explicación fundada que xustifique que a poboación cativa existente fora insuficiente para manter ditas poboacións.

Así mesmo, entrando en contradicións na súa propia resposta, a Administración galega, informa da norma de soltar exemplares capturados que non se consideran aptos para o canto, e que non se destinan a manter esa poboación en catividade.

En setembro de 2011, a SGO xa tiña presentado ante a Fiscalía de Medio Ambiente unha denuncia contra a Dirección Xeral de Conservación da Xunta de Galicia, por estes feitos, ante a concesión de permisos de forma reiterada para a captura de frinxílidos por parte de diferentes asociacións de silvestristas, amparándose arbitrariamente nunhas excepcións da Directiva de Aves a fin de xustificar ditas prácticas, o que agora a Comisión Europa, co actual ditame, vén considerar unha xustificación irregular e empraza a España a adoptar as medidas pertinentes a fin de acatar o Dictame no prazo de dous meses.

A denuncia foi rexeitada pola Fiscalía de Medio Ambiente como non constitutiva de delito naquel momento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta