Semente Amaía: outra nova oferta de ensino en galego na área metropolitana de Compostela

O proxecto Semente, impulsado pola Gentalha do Pichel, ten previsto a apertura dunha escola que se anunciará o 22 de xuño en Bertamiráns.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/06/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O proxecto de Escolas de Ensino Galego Semente ten previsto a apertura dunha nova escola fóra da cidade. Levaría por nome Semente Amaía, tomando o nome do val que une os concellos de Ames e Brión, na comarca compostelá. Con este motivo, un grupo de nais e pais convoca un encontro informativo o venres 22 de xuño, ás 20 horas, no pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

Festa de apertura da escola Semente de Trasancos, en Narón
Festa de apertura da escola Semente de Trasancos, en Narón | Fonte: facebook semente trasancos

Este novo proxecto sería o quinto da serie, logo das experiencias xa sucedidas en Compostela, Trasancos, Vigo e Lugo.  As Escolas de Ensino Galego Semente son unha iniciativa social sen ánimo de lucro que comezou en 2011 en Compostela da man da Gentalha do Pichel. Dous anos despois naceu a Semente Trasancos e, co tempo, chegaron tamén a Semente Vigo e a Semente Lugo. As Sementes inspíranse todas elas polos mesmos principios: coeducación, laicidade, asemblearismo, interacción coa natureza, respecto pola autorregulación da crianza e a integración no contexto do seu barrio e da cidade.

Alén diso, todas as actividades das escolas Semente son en galego, favorecendo a adquisición, conservación, coidado e consolidación do idioma do país, que é entendido na súa dimensión internacional e como parte indisoluble da cultura, historia e futuro de Galicia.

Dende o grupo promotor convidan todas as persoas interesadas a sumar forzas e participar no
encontro informativo, en que haberá representación de algunha das escolas Semente xa
constituídas. A fórmula xurídica da escola, os trámites administrativos, as necesidades
económicas ou a guía pedagóxica serán algúns dos puntos que se tratarán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 unmais

Magnifica iniciativa, pareabens so espero que os rapazes saian de aquí aparte de mais cos pes na terra, tamen mellor formados que os dos colexios públicos ou privados da igrexa, isto darialle un grande prestixio à iniciativa e faria que esta se multiplicase