Radiografía da arte rupestre de Galicia

Integrantes do grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico realizan a primeira análise detallada sobre o inventariado da arte rupestre galega. Actualmente coñécense 3.374 estacións.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/06/2018 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

Persoal investigador do grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago (USC) (GEPN-AAT) acaba de publicar a primeira análise detallada sobre o inventariado da arte rupestre de Galicia. O estudo aborda cuestións tan fundamentais como o número de rochas que conforman o fenómeno rupestre galego, a súa composición temática ou a súa distribución xeográfica, informa a universidade compostelá.

Altar rupestre con petróglifos descuberto en Muimenta, Lalín
Altar rupestre con petróglifos descuberto en Muimenta, Lalín

Carlos Rodriguez Rellán, Alia Vázquez Martínez e Ramón Fábregas Valcarce avaliaron o Preinventario do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e posteriormente analizaron os datos colectados por medio de ferramentas de análise espacial e estatístico. 

traballo, publicado na revista Trabajos de Prehistoria, permite coñecer en detalle a enorme riqueza da arte rupestre galega e —aínda que resulta “moi probable que o número de petróglifos catalogados aumente nas próximas décadas”— permite “colocala xa á par doutros grandes centros rupestres do continente”, engaden os autores do traballo.

A posibilidade de dispor dunha relación completa das estacións rupestres “facilita a aplicación de técnicas estatísticas e análises SIX cunha maior fiabilidade e resolución que en traballos realizados en anos previos”, explica o catedrático Ramón Fábregas. 

3.374 ESTACIÓNS RUPESTRES

Na actualidade coñécense un total de 3.374 estacións rupestres distribuídas por todo o territorio galego. Se ben no “cuadrante suroeste da comunidade identifícase unha densidade maior de petróglifos, estes espállanse por boa parte da xeografía do país”, engade o profesor Fábregas Valcarce.

Principais grupos temáticos identificados nos petróglifos en Galicia
Principais grupos temáticos identificados nos petróglifos en Galicia | Fonte: GEPN-AAT

Dentro do conxunto dos petróglifos catalogados, as análises evidencian un claro dominio dos gravados xeométricos (cazoletas e combinacións circulares) fronte aos naturalistas (zoomorfos, armas,...). Igualmente tamén indican a importancia numérica dos motivos de época histórica (cruciformes, alfabetiformes,...), deixando claro que o gravado das rochas presentes nos montes galegos transcendeu as barreiras temporais da Prehistoria para chegar practicamente ata os nosos días, explican os investigadores.

Os resultados obtidos apuntan tamén a existencia dunha gran heteroxeneidade ou variabilidade interna do fenómeno rupestre galego que se manifesta tanto nunha distribución desigual das rochas gravadas ao longo do territorio galego, como na propia riqueza e complexidade dos motivos esculpidos e incluso respecto á súa implantación na paisaxe.

En opinión dos especialistas da USC, esta heteroxeneidade deixa patente que a arte rupestre galega é un fenómeno complexo no seo do cal probablemente se acolle unha importante variabilidade temporal e tamén espacial, con determinadas áreas do territorio galego actuando como “núcleos” de especial riqueza rupestre, “cada un deles con idiosincrasia e características propias”.

O GEPN-AAT vén dedicándolle á arte rupestre “un importante esforzo investigador dende a década final do século pasado”, afirma Ramón Fábregas. Sobre a temática o grupo ten publicado dous libros e multitude de traballos en revistas científicas e congresos tanto nacionais como estranxeiros.

Mapa coa distribución das estacións rupestres identificadas en Galicia
Mapa coa distribución das estacións rupestres identificadas en Galicia | Fonte: GEPN-AAT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta