A decisión de Feijóo

Rematadas as reviravoltas mediáticas do “affaire” Feijoo, poden formularse tres conclusións básicas:

Por Xesús Veiga | Compostela | 26/06/2018

Comparte esta noticia
1.-O presidente da Xunta sempre tivo na súa axenda política a opción de substituír a Rajoy como candidato á Moncloa.Se finalmente non materializou tal propósito foi polas circunstancias concretas que concorreron no momento procesal que requería a súa decisión.O triunfo da moción de censura de Sánchez non estaba previsto na folla de ruta do inquilino de Montepío.Competir agora sen ter garantías de que non lle ía pasar como a Cristina Cifuentes co vídeo do Eroski vallecano (obviamente na versión galega da amizade perigosa con Marcial Dorado) e para presidir un PP estatal condenado a percorrer un complicado deserto na oposición ao novo goberno de Pedro Sánchez, non lle resultou convincente.As contas non cadraban para alguén afeito a gañar as citas electorais dende o 2009 nun contexto presidido pola ausencia de pluralismo mediático e cunha oposición parlamentaria manifestamente mellorábel.
 
2.-A negativa de Feijoo orixinou un custe -aínda indeterminado- para as expectativas do PP no conxunto do Estado.Alimentou unha dinámica de loita polo control interno da organización cos beneficios colaterais que se poden derivar para o partido de Albert Rivera.Por moito que o dirixente galego especule co 2020 como data dun eventual retorno ao escenario sucesorio estatal, semellante retórica non servirá para neutralizar a desconfianza e falta de credibilidade que ten sementado co abandono dunha presenza que moitos militantes tiñan interiorizado nos últimos meses.A mensaxe implícita de “canto pior para o PP mellor para a chegada de Feijoo” non semella axeitada para abrir as portas da rúa Genova e/ou da Moncloa.
 
3.-A decisión do político dos Peares eliminou os potenciais efectos desestabilizadores que provocaría o seu abandono do goberno galego.Obviamente, non é o mesmo acometer o proceso sucesorio no PPdG nun prazo de poucos meses que facelo cun horizonte de dous anos, previo coñecemento dalgunhas variábeis que poden resultar relevantes para tal proceso (resultado das eleccións municipais de 2019, evolución da xestión de Pedro Sánchez, fixación do calendario para as vindeiras xerais...).O presidencialismo fáctico establecido por Núñez Feijoo na última década provocaba unha oportunidade para a oposición parlamentaria e criaba as lóxicas dúbidas e incertidumes na estrutura de cadros do partido que ven hexemonizando as institucións de autogoverno dende hai moito tempo.
 

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Miguel Núñez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.