A Xunta adxudica unha primeira partida de 2,5 millóns en publicidade aos medios durante o verán

O departamento de Mar Sánchez Sierra é o encargado de contratar ás empresas que se encargan da creatividade das campañas de Turismo de Galicia e das distintas consellerías. Di que entre a súa finalidade está “difundir a lingua galega, o patrimonio turístico, histórico, natural, gastronómico e industrial de Galicia, e fomentar o consumo de produtos galegos de calidade”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/07/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Este 2018 o Goberno galego aumentou en case un 20% as partidas para publicitar o turismo nos grandes medios de comunicación. A Axencia Turismo de Galicia destinaba este ano máis de 8,2 millóns de euros con IVE para a elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia. Unhas partidas que aumentan en dous millóns con respecto ao 2017 e que serán xestionadas por 11 empresas publicitarias diferentes que serán as que contratarán as campañas nos medios de comunicación, especialmente, nos medios preferentes do Goberno galego.

Unha das páxinas de publicidade de Turismo de Galicia que a Xunta inserta nos medios de comunicación tradicionais
Unha das páxinas de publicidade de Turismo de Galicia que a Xunta inserta nos medios de comunicación tradicionais

O principal obxectivo da Xunta é atraer turistas durante o verán con ata dúas campañas diferentes, co obxectivo de ofrecer, a través dos medios, unha imaxe de Galicia de “bo trato aos turistas que visitan a nosa comunidade durante o período estival”.  E nesa primeira campaña xa se adxudicaron 2,5 millóns para ser investidos nos medios de comunicación de sempre.

O que chama a atención nestas adxudicacións é que, aínda que dependente de distintos departamentos ou consellerías, é a Secretaría Xeral de Medios, que dirixe Mar Sánchez Sierra, a que se encarga de elexir a empresa ou empresas que se encargarán de poñen en marcha esas campañas. Así, gastará 190.000 euros neste obxectivo.

MÁIS DE UN MILLÓN NAS CREATIVIDADES

Ademais, este departamento gastará, a maiores, case un millón de euros en contratar distintas empresas para que desenvolvan a creatividade de distintas campañas de diferentes consellerías. Entre elas están a promoción dos recursos turísticos de Galicia, a concienciación e sensibilización sobre a oferta dos servizos públicos en Galicia ou o fomento da rehabilitación de vivendas e uso do transporte público. Tamén a promoción do novo modelo industrial e creación de emprego, a promoción e prevención da saúde, a protección e conservación dos recursos marítimos e a sensibilización sobre a xestión e ordenación da paisaxe galega. 

Feijóo e Mar Sánchez
Feijóo e Mar Sánchez | Fonte: xunta.gal

A Secretaría Xeral de Medios xustifica estes gastos millonarios porque di que entre as súas funcións están a contratación de distintas campañas de publicidade e comunicación institucional nas que se informe dos programas e actuacións públicas de relevancia e interese social. “Tamén para promover a difusión e coñecemento dos valores e principios propios de Galicia, difundir a lingua galega, o patrimonio turístico, histórico, natural, gastronómico e industrial de Galicia, e fomentar o consumo de produtos galegos de calidade, accións todas que, pola súa natureza, podan ser de interese para os cidadáns galegos no seu conxunto”, indica.

“Preténdese cumprir co obxectivo de que dita información poda chegar o maior número de poboación posible, cubrindo as catro provincias galegas e prestando unha especial atención ao ámbito rural, que pola súas características ten maiores dificultades para obter información ampla das actuacións da Xunta de Galicia, todo elo co menor custo posible”, engade este departamento na súa xustificación. 

OS MESMOS MEDIOS

Tal e como xa ten informado en numerosas ocasións GC, a maior parte destas axudas millonarias van parar aos mesmos xornais, é dicir, ás familias mediaticas de Galicia; Grupo Voz, Prensa Ibérica, Grupo El Progreso, Grupo La Región, Grupo La Capital ou Editorial Compostela, entre outras. Destaca, de entre todos eles, o grupo Voz que leva case a metade do diñeiro de todas as grandes campañas publicitarias da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

En Vigo co silencio CÓMPLICE da Marea de Vigo estamos a piques de "celebrar" outro evento chamado SeaFest que pagamos TODOS e que cobran ARVI (Armadores de Vigo) os mesmos que esquilman os mares do mundo, e por catro días se embolsan 155.000 € O Convenio do alcalde con ARVI https://sede.vigo.org/expedientes/a... Estamos cansos de tanta transfusión de cartos públicos a entidades PRIVADAS! e evidentemente nós tamén pagaremos a cociña de autor (que poida pagala!) https://www.noticiasvigo.es/vigo-se...