Apuntan a unha planta tóxica ou con herbicidas como causa da intoxicación de nove persoas en Vigo

A causa é posiblemente unha inxesta durante unha cea celebrada nun domicilio particular, dunha planta que non é de consumo humano. Estas nove persoas permanecen estables ingresadas no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Por E.P. | VIGO | 04/07/2018 | Actualizada ás 21:04

Comparte esta noticia

Os investigadores que estudan a orixe da intoxicación de nove persoas en Vigo apuntan como posible causa á inxesta, durante unha cea celebrada nun domicilio particular, dunha planta que non é de consumo humano. De momento descoñécese se esta planta é tóxica, ou ben podía ter algún herbicida ou insecticida.

Álvaro Cunqueiro
Álvaro Cunqueiro | Fonte: Miguel Núñez

Así o trasladaron fontes do Corpo Nacional de Policía, que manifestaron que se presupón que a intoxicación é alimentaria, a partires dos testemuños dos pacientes, sete homes e dúas mulleres de orixe chinesa e idades comprendidas entre os 35 e os 50 anos.

En concreto, os investigadores apuntan a que estas persoas recolleron dunha leira unha planta similar a outra comestible que se usa en Asia para condimentar. Despois cociñárona e comérona, pero de momento non se sabe se a planta é tóxica ou se podía ter algún tipo de herbicida ou insecticida.

Estas nove persoas ingresaron sobre as 22,00 horas deste martes no servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo cun cadro de intoxicación aguda. Tras realizarlles os correspondentes estudos, catro foron ingresadas na Unidade de Coidados Intensivos, outras catro permanecen en observación en Urxencias e o noveno paciente foi derivado a Povisa.

Fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) confirmaron que a última hora da tarde deste mércores, os pacientes do Cunqueiro "están estables e permanecen en observación", cada un deles no mesmo servizo do seu ingreso, "con prognóstico reservado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta