O PSdeG recoloca na valedora a responsabilidade do caso de 'enchufismo' e pide ao PP "exemplaridade"

Ironiza cun Feijóo "desnortado" após os resultados das primarias do PP, mentres que "parece que Baltar acerta desde Ourense".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2018 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

O PSdeG-PSOE recolocou sobre a propia valedora do pobo, Milagros Otero, a responsabilidade da contratación da irmá do portavoz parlamentario do PP, María Puy Fraga, que foi anulada por "desvío de poder" polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), e pediu ao Partido Popular que asuma "responsabilidades políticas", con actitude "exemplarizante".

Rueda de prensa do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.
Rueda de prensa do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. | Fonte: Europa Press

Así o trasladou o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, nunha rolda de prensa convocada este venres para tratar unha cuestión que "preocupa" ao partido, despois de que este xoves, en comisión parlamentaria, Milagros Otero derivase a responsabilidade desa contratación ao seu adxunto, Pablo Cameselle, proposto polo PSOE para ese posto.

Respecto diso, Gonzalo Caballero incidiu en que "hai unha sentenza xudicial clara sobre o nomeamento" que "afecta a unha persona do círculo de amizades da valedora" e que "ten unha serie de conexións políticas" que "nin a propia valedora nin o PP están a entender".

"Os socialistas galegos temos a impresión de que o PP non entende a importancia da exemplaridade nas institucións públicas", afirmou o dirixente socialista após a Comisión de Peticións deste xoves, na que compareceu a valedora.

Así, o secretario xeral do PSdeG explicou que a sentenza "chama a atención sobre os procedementos de designación nun nomeamento que, nos termos en que se expresa na sentenza xudicial, é de máxima gravidade".

Ademais, advertiu de que "embaza o funcionamento dunha institución" e "implica unha serie de connotacións negativas sobre as institucións públicas galegas".

SENTENZA "MOI CLARA"

Sobre a desvinculación da valedora do pobo, Milagros Otero, do nomeamento da irmá do portavoz parlamentario do PP, María Puy Fraga, Gonzalo Caballero asegurou que "a sentenza é moi clara" e "pon a responsabilidade na figura da valedora".

Así, incidiu en que "era ela a que coñecía á persoa á que nomearon contra os procedementos legais establecidos" e a sentenza "pon a responsabilidade con total claridade na figura da valedora do pobo".

Por iso, considerou que "lle toca a ela asumir responsabilidades políticas" e que o PP "non debería tentar espallar un fume que non vai a ningunha parte", porque "os xuíces xa falaron e puxeron os puntos sobre as íes".

En conclusión, aseverou que a alta comisionada do Parlamento "é a responsable do que ocorreu" e "corresponde ao PP e á propia figura da valedora ser conscientes do dano que lle están facendo á institución", así como "asumir responsabilidades políticas".

EXEMPLARIDADE PÚBLICA

Así mesmo, Gonzalo Caballero demandou que "o Partido Popular de Galicia e Feijóo teñen que entender que a cidadanía esixe un nivel de exemplaridade pública que non se cumpre con esa sentenza xudicial sobre un nomeamento feito pola valedora".

Nesa mesma liña, sinalou que, "nos días que quedan até a celebración do pleno para tratar a cuestión" (o vindeiro martes), o presidente da Xunta "ten que tomar todas as medidas necesarias para garantir o bo funcionamento da institución, a exemplaridade nos seus comportamentos e limpar calquera tipo de dúbida que exista sobre os procesos de selección pública".

LIMPEZA NAS INSTITUCIÓNS

Sobre a importancia da "limpeza" nas institucións públicas galegas, o secretario xeral do PSdeG reivindicou que "o PP ten que asumir a importancia dese nivel de dignidade e exemplaridade que se debe esixir a calquera cargo público".

Por iso, asegurou que "o nivel de exemplaridade sobre o contido da sentenza" e "o debate dos argumentos que tenta dar a valedora é extemporáneo", xa que "os xuíces falaron e corresponde simplemente asumir responsabilidades políticas para garantir a limpeza dunha institución que ten que ser paradigma dos intereses da cidadanía e do pobo en Galicia".

SOBRE O CAMBIO NO PP

Por outra banda, Gonzalo Caballero lembrou que o Partido Popular "está nun momento de cambio e definición do seu futuro político no conxunto do Estado". Así, advertiu de que, "se a etapa anterior rematou pola incapacidade do PP de facer fronte á corrupción política e asumir responsabilidades", o novo PP "non empeza con bo pé se non toma medidas ejemplarizantes en casos como o da valedora do pobo".

En concreto, apuntou que "Feijóo ten que ser consciente da importancia da loita contra a corrupción" e "contra comportamentos inadecuados e sentenciados polos tribunais nas institucións públicas", así como da "importancia da dignidade e exemplaridade", porque "iso foi o que puxo fin ao Goberno de Mariano Rajoy".

FEIJÓO "DESNORTADO"

Ademais, o secretario xeral do PSdeG acusou a Feijóo de non ter "ben comentada a súa folla de ruta" e de estar "un pouco desnortado na súa liña de acción política" durante un "proceso de renovación política dentro do PP", no que "ten que mostrar un compromiso real contra a corrupción, en primeiro lugar".

Neste sentido, asegurou que este "desnorte" se mostra "cando Feijóo aposta por unha determinada liña que parece que non consegue triunfar nas primarias do PP" e cando "parece que Baltar acerta desde Ourense na convicción e coñecemento de como debe ser a nova etapa".

A secretaria xeral do PP, María Dores de Cospedal, gañou en todas as provincias galegas nas primarias do partido, excepto na de Ourense, onde se impuxo a exvicepresidenta do Goberno Soraya Sáenz de Santamería, quen tamén foi a máis votada no conxunto do Estado.

PP "FUNDAMENTAL" NO SISTEMA DE PARTIDOS

A pesar de todo, Gonzalo Caballero manifestou a súa crenza de que "o Partido Popular é fundamental no sistema de partidos de Galicia e de España", polo que desexou que "poida asumir o nivel de exemplaridade e loita contra a corrupción necesario para ter forza política" e "abrir un novo tempo".

Así mesmo, esperou que "acerte na súa folla de ruta" para "xerar unha opción de dereita conservadora rexenerada e renovada con credibilidade para loitar polo seu espazo político".

Por iso, asegurou que, "desde os socialistas galegos, daranse formulacións desde a esquerda para seguir convencendo á cidadanía de que é necesaria esa rexeneración".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Es el fin....

Pero, de verdad que tenemos que vivir en Galicia con este nivel de políticos? Es el determinismo histórico causa de nuestro sin sentido? Cómo es posible que esté pasando esto? Hay alguien ahí fuera con sentido mínimo de la decencia?