En Marea afirma que os informes presentados pola valedora "demostran" que participou no nomeamento anulado

Indica que un informe incluído na documentación con instrucións de Otero está datado mes e medio despois abstivésese do proceso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2018 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

En Marea afirmou que, unha vez consultados os informes presentados pola valedora do Pobo, Milagros Otero, durante a súa comparecencia en sede parlamentaria o pasado xoves, esta documentación "demostra" que Otero participou na elección de María Puy Fraga como xefa de persoal da institución, nomeamento que foi anulado polo TSXG por irregularidades.

A valedora do Pobo, Milagros Otero, na Comisión de Peticións
A valedora do Pobo, Milagros Otero, na Comisión de Peticións | Fonte: Europa Press

Así, nun comunicado emitido este sábado, o portavoz rupturista, Luís Villares, asegura que os informes revelan que Otero continuou participando no proceso de selección a pesar de que, oficialmente, "mes e medio antes" apartárase do mesmo pola súa relación cunha das candidatas, María Puy, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, e filla do Catedrático de Dereito mentor da valedora.

Deste xeito, Villares incide en que a documentación coa que se defendeu o pasado xoves Milagros Otero na súa comparecencia ante a Comisión de Peticións da Cámara galega reflicte "exactamente o contrario" que o esgrimido pola valedora no Parlamento.

Neste sentido, apunta que nesta documentación inclúe un informe datado no 4 de marzo de 2016, un mes e medio despois de que a valedora anunciase a súa abstención. "Nel, a valedora dá instrucións sobre o que ela considera de especial importancia para o óptimo desempeño das funcións desa praza e sinala que preferencias, valoracións e méritos deben de ser tidos en conta con máis intensidade para o posto que vai desempeñar", asegura Villares.

Así as cousas, o portavoz rupturista cre que este feito "avala unha vez máis a petición de cesamento da valedora" pola súa participación nun nomeamento no que, segundo a sentenza da Sala do Contencioso Administrativo do TSXG, Milagros Otero cometeu "desviación de poder" e "arbitrariedade" durante un procedemento orientado a favorecer á persona finalmente escollida, deixando ao carón os méritos do resto de candidatos, que non foron tidos en conta.

Por tanto, insta ao PP a "deixar de protexer á valedora como fixo na comisión do pasado xoves mantendo un sistema corrupto no que se pagan os favores de nomeamentos enchufando aos amigos".

PLENO

O futuro de Milagros Otero á fronte do Alto Comisionado do Parlammento galego será un dos temas que centrarán o pleno que arrinca este martes no Pazo do Hórreo. Alí, os grupos debaterán sobre a continuidade da valedora, que xa indicou o pasado xoves na Comisión de Peticións que non ten intención de renunciar porque afirma inhibirse do procedemento declarado irregular polo TSXG.

É necesario que unha maioría cualificada de tres quintos da Cámara (45 deputados) para confirmar o seu cesamento, polo que o apoio do PP, que aínda non desvelou a súa postura, resultaría imprescindible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 INEFICACIA MAREANTE

enchufismo do pepeiro, o de sempre... pero cal e a investigación de en marea pois presenta os informes que lles presentaron os do pepeiro, polo tanto o manexo de información ten que ser moi defectuoso e polo tanto seria moi presuntoso como di o seu "polo momento" xefe da mareada oficial... como vemos ocupanse de problemas menores de pequenos "furtos do partido da populeta" namentras deixan o frijoles e demais seguir facendo... pero claro non poden chegar a mais COA CRISE QUE ANUNCIASE POR TODOS LADOS NA ORGANIZACIÓN MAREANTE - E A HORRISONA CAIDA DIANTE O PODREIROS -VIDEO DO QUE VAI VIR- https://www.youtube.com/watch?v=XzO...